Sete cidades presentaron a súa candidatura ante o COI, que desbotou catro o 22 de xuño de 2006: Almati, Borjomi, Jaca e Sofía, chegando á final as localidades de Sochi, Salzburgo e Pyeongchang. Durante a 119ª sesión do COI celebrada en Guatemala elixiuse o 4 de xullo de 2007 a cidade de Sochi como a organizadora dos Xogos Olímpicos de Inverno de 2014 tras caer Salzburgo na primeira rolda e vencer a Pyeongchang na segunda rolda.
O emblema oficial creouno a axencia internacional de mercadotecnia Interbrand que o presentou o 1 de decembro de 2009 en Moscova. Por primeira vez na historia dos emblemas olímpicos presenta un enderezo electrónico, sochi.ru. Tipograficamente Sochi e 2014 son case simétricos, coma un espello, ilustrando o feito que a cidade de Sochi é o punto onde se encontra o mar Negro e as montañas do Cáucaso que se reflicten nese mar[1].
Mascotas
A cidade de Sochi realizou unha consulta popular o 2 de marzo de 2008, coincidindo coas eleccións presidenciais, para elixir unha mascota para os xogos, saíndo vencedora un golfiño esquiador da autoría de Olga Belyaeva [2]. Así e todo os organizadores decidiron pospoñer a elección e o 1 de decembro de 2010 anunciouse que se ía elixir nunha competición nacional organizada conxuntamente co xornal Izvestia, presentáronse 24.048 propostas. A elección final realizouse no programa de televisión Talismaniya Sochi 2014 o 26 de febreiro de 2011, resultando elixidos o leopardo das neves Barsik, a lebre Zaika e o oso polar Mishka, que representan respectivamente o ouro, a prata e o bronce do podio olímpico. Houbo algunha controversia na elección por unha posible fraude no voto telefónico que puxo en cabeza ao leopardo das neves, o candidato favorito de Vladimir Putin[3].
Seguridade
Os atentados de decembro de 2013 en Volgogrado que se produciron semanas antes do comezo dos Xogos, fixeron que aumentasen as medidas de seguridade en torno a celebración das Olímpiadas, mobilizando a máis de 100.000 policías e militares, no recinto olímpico desprazáronse arredor de 40.000 policías, que recibiron adestramento para conversar nun nivel básico en tres linguas (inglés, alemán e francés)[4]. Ademais de 5000 cámaras, utilización de drons, misis terra-aire, sistemas sofisticados de vixilancia aérea e submarina, incluíndo seis baterías Pantsir S-1 para intentar asegurar unha protección completa arredor da vila olímpica, mais tamén navíos de guerra e submarinos rusos, asistidos por unha fragata e un navío de mando americanos. Todas as comunicacións están baixo vixilancia do sistema SORM da FSB[5]. Todas as manifestacións, marchas, demostracións e protestas organzadas a partir do 7 de xaneiro e ata o 21 de marzo na área teñen que contar coa aprobación do servizo de intelixencia, a policía e o goberno local [6]
A xendarmería do ministerio do interior conta con 10.000 efectivos na zona[7], dedicados principalmente á previr accesos non autorizados nas instalacións deportivas e nas zonas residenciais, e algúns efectivos tamén están ao cargo do mantemento da orde pública canda a policía.[8].
Arredor de 400 cosacos chegaron a Sochi a primeiros de xaneiro para axudar as forzas de seguridade, coa misión de acompañar ás patrullas de policía vestindo o seu uniforme tradicional.[9], autorizados por lei a comprobar documentos de identidade e levar os sospeitosos ás comisarías de policía.[10] A 58º unidade do exército das Forzas Armadas Rusas, composto por uns 70.000 soldados, patrullan a achegada fronteira con Xeorxía.[11]
Instalacións deportivas
Os Xogos Olímpicos de 2014 celébranse en dúas áreas diferentes: o Parque Olímpico de Sochi, localizado en Adler un arrabalde de de Sochi, onde se celebran os deportes de interior e o complexo de montaña de Krasnaia Poliana situado a 60 km do centro de Sochi e a 40 de Adler
Parque Olímpico de Sochi
O Parque Olímpico de Sochi construíuse na costa do mar Negro no val de Imeretin, a uns catro quilómetros da fronteira de Rusia con Xeorxia[12][13] As instalacións sitúanse arredor dun estanque de auga que serve de marco para a Praza das Medallas, o que permite achegarse a pé desde as instalacións:
Panasonic é o subministrador de imaxe de todas os eventos, incluíndo equipamento para a retransmisión por televisión. O COI capturara a cerimonia de inauguración en 4K-Ultra HD.[15] En moitas rexións, os dereitos de retransmisión negociáronse conxuntamente cos dos Xogos Olímpicos de 2016. Máis de 13.000 [16] xornalistas de todos os medios están acreditados para informar dos Xogos e 94 canles de televisión adquiriron os dereitos de retransmisión. Os dereitos para Rusia vendeunos Sportfive a un consorcio formado por tres emisoras: Perviy Kanal, VGTRK e NTV Plus.[17] Sportfive substituíu a Unión Europea de Radiodifusión como a distribuídora dos dereitos dos Xogos 2014 e 2016 en 40 países[18]. Nos Estados Unidos fíxose cos dereitos a NBC, así como todos os xogos olímpicos ata 2020.[19]
Críticas
A elección dunha cidade rusa foi obxecto de fortes críticas por parte de certos medios e personalidades arredor de asuntos como a liberdade de prensa, por mor de numerosas intervencións da policía nos medios rusos[20],[21], a liberdade sexual dos atletas posta en cuestión polas novas leis rusas prohibindo a difusión de mensaxes homosexuais aos menores[22], a utilización de gran número de traballadores migrantes, arredor de 60.000 obreiros empregados nas obras de construción dos complexos olímpicos, traballando en condicións difíciles cando non explotados[23][24], a denuncia de organizacións ecoloxistas que afirman que as obras non tiveron en conta o impacto ecolóxico [25], a revisión á alza dos investimentos, estimados oficialmente en 36 mil millóns de euros[26], orzamentos que serviron principalmente para construír a vila olímpica e as construcións deportivas mais tamén un aeroporto, un porto marítimo, 200 km de vías de ferrocarril, 400 km de estradas, 77 pontes, 12 tuneis e outras obras de infraestrutura. Segundo un informe de Boris Nemtsov e Leonid Martynyuk, membros do movemento de oposición Solidarnost[27], unha parte do investido serviu para o enriquecemento de Vladimir Putin e de grandes fortunas, representando a corrupción segundo diversas estimacións entre o 20% e o 50% dos gastos[28].