Xentamicina

Xentamicina.
Xentamicina. Modelo de bólas. Nome IUPAC: (3R,4R,5R)-2-{[(1S,2S,3R,4S,6R)-4,6-
diamino-3-{[(2R,3R,6S)-
3-amino-6-[(1R)-
1-(metilamino)etil]oxan-2-yl]oxi}-
2-hidroxiciclohexil]oxi}-5-metil-
4-(metilamino)oxano-3,5-diol.

A xentamicina é un antibiótico aminoglicósido utilizado no tratamento de moitos tipos de infeccións bacterianas, especialmente as causadas por bacterias gramnegativas.[1] Porén, a xentamicina non se usa para combater a Neisseria gonorrhoeae, a Neisseria meningitidis ou a Legionella pneumophila. A xentamicina ten ototoxicidade e nefrotoxicidade, xa que pode afectar aos oídos e riles, e esta toxicidade é o seu principal problema no uso clínico.[1]

A xentamicina é sintetizada por Micromonospora, un xénero de bacteria grampositiva moi común nas augas e solo [2]. A xentamicina é un antibiótico bactericida que actúa uníndose á subunidade de 30 S do ribosoma bacteriano, interrompendo a síntese de proteínas.

Como ocorre con todos os aminoglicósidos, a xentamicina non é activa administrada oralmente. Isto débese a que non se absorbe en cantidades apreciables no intestino delgado. Adminístrase por vía intravenosa, intramuscular ou de modo tópico. Elimínase pola urina. Para recuperar totalmente unha dose de xentamicina que foi administrada, debe recollerse a urina durante moitos días, xa que o antibiótico se une avidamente a certos tecidos.

A bacteria E. coli, malia ser gramnegativa, mostra certa resistencia á xentamicina. A reticencia a usar terapeuticamente a xentamicina levou a aumentar o uso de antibióticos alternativos de amplo espectro, e algúns expertos consideran que fixo aumentar a frecuencia da resistencia bacteriana aos antibióticos nas infeccións por Staphylococcus aureus e outras especies denominadas "superbacterias".[1]

A xentamicina é un dos poucos antibióticos estables á calor, xa que permanece activa mesmo despois de pasar por unha autoclave, o que a fai especialmente útil na preparación dalgúns medios de crecemento microbiolóxico. Utilízase en cirurxía ortopédica cando esta require altas temperaturas para fixar os cementos (na colocación de próteses de cadeira, por exemplo).[3]

Espectro de acción e indicacións

É activa contra un amplo rango de infeccións bacterianas humanas, principalmente bacterias gramnegativas como Pseudomonas, Proteus, Serratia, e a grampositiva Staphylococcus.[4] A xentamicina non se usa para tratar as infeccións por Neisseria gonorrhoeae, Neisseria meningitidis ou Legionella pneumophila debido ao risco de que o paciente entre en shock causado pola endotoxina lípido A de certas bacterias gramnegativas como estas, que forma parte do lipopolisacárido da parede bacteriana. A xentamicina tamén e útil contra a Yersinia pestis e especies relacionadas.

O uso da xentamicina está indicado nalgunhas enfermidades oculares como: blefarite, conxuntivite, dacriocistite e queratite. Tamén se utiliza para a limpeza da membrana conxuntiva antes dunha cirurxía ocular.

Outras doenzas nas que se utiliza son: septicemia bacteriana, peritonite, pneumonía estafilocócica ou por Klebsiella, otite media aguda, meninxite, ventriculite, enfermidades óseas, sinusite, prevención de infeccións en queimaduras. Tamén se utiliza, por vía intratimpánica, para tratar a enfermidade de Ménière en casos resistentes a outros tratamentos, como alternativa á cirurxía.

A xentamicina segue a ser o aminoglicósido de elección para as infeccións intrahospitalarias por enterobacterias, e é frecuente usala en asociación con beta-lactámicos nestes casos.

En combinación con outros antibióticos utilízase para tratar as endocardites.

Efectos secundarios

Os aminoglicósidos son tóxicos para as células sensoriais dos oídos, pero varían moito nos seus efectos sobre o sentido do equilibrio. A xentamicina é tóxica para o aparato vestibular do oído interno, polo que pode causar unha perda permanete da percepción do equilibrio, xeralmente cando se toman doses elevadas por un período de tempo prolongado. Unha pequena parte dos individuos afectados teñen unha mutación normalmente inofensiva no seu ARN mitocondrial (m1555 A>G), que facilita que a xentamicina afecte ás súas células. As células sensoriais do oído son especialmente sensibles a isto, o que ás veces causa unha perda completa da audición.[5] Porén, a xentamicina úsase ás veces en casos severos da enfermidade de Ménière, precisamente co obxecto de inactivar o aparato vestibular.

A xentamicina pode ser tamén moi nefrotóxica, particularmente se se acumulan moitas doses durante un tratamento. Para evitar isto a xentamicina dosifícase normalmente en relación ao peso corporal. Existen varias fórmulas para calcular a súa dosificación. Tamén se controlan os niveis de xentamicina no soro sanguíneo durante o tratamento, xeralmente antes e despois da administrción da terceira dose.

A causa da nefrotoxicidade é a inhibición da síntese proteica nas células renais. Este mecanismo causa a necrose das células do túbulo proximal renal, o que pode orixinar un insuficiencia renal aguda.[6]

Os efectos secundarios da xentamicina varían dun paciente a outro e poden aparecer pouco despois da administración do fármaco ou meses despois. Entre os síntomas da toxicidade da xentamicina inclúense:

  • Trastornos do equilibrio
  • Visión inestable
  • Ruídos nos oídos (tinnitus)
  • Dificultade para realizar múltiples tarefas, sobre todo cando se está de pé.

Nalgúns casos poden aparecer síntomas psiquiátricos como: anorexia, confusión, depresión, desorientación e alucinacións.[7]

Produción e uso en investigación

A xentamicina prodúcese por un proceso de fermentación industrial descuberto polo microbiólogo chinés Yue Wang. A maior parte da produción mundial de xentamicina ten lugar na China e Corea do Sur; en Europa prodúcea a compañía farmacéutica Lek, que forma parte do grupo Sandoz.

A xentamicina leva usándose na investigación microbiolóxica desde principios da década de 1980. O chamado ensaio de protección de xentamicina permite aos investigadores cuantificar a capacidade das bacterias patóxenas de invadir as células eucarióticas, aproveitando o feito de que non pode penetrar en ditas células.

Composición

A xentamicina producida por Micromonospora purpurea pode ser de varios tipos, pero a que se utiliza case exclusivamente é a C.

Estruturas da xentamicina tipo C
Xentamicina R1 R2 R3 Número CAS Proporción
C1 –CH3 –H –CH3 25876-10-2 20−40 %
C1a –H –H –H 26098-04-4 10−30 %
C2 –CH3 –H –H 25876-11-3 40−60 %
C2a –H –CH3 –H 59751-72-3
C2b –H –H –CH3 52093-21-7

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Moulds, Robert and Jeyasingham, Melanie (2010). "Gentamicin: a great way to start". Australian Prescriber (33): 134–135. Arquivado dende o orixinal o 13 de marzo de 2011. Consultado o 27 de setembro de 2011. 
  2. Quen consulte literatura científica en inglés observará que o nome dos anitibióticos producidos polo xénero Micromonospora xeralmente acaban en -micin, entanto que os que proceden de Streptomyces acaban en -mycin.
  3. Hendriks JGE, van Horn JR, van der Mei HC, and Busscher, HJ (2004). "Backgrounds of antibiotic-loaded bone cement and prosthesis-related infection". Biomaterials 25 (3): 545–556. PMID 14585704. doi:10.1016/S0142-9612(03)00554-4. 
  4. Gentamicin: Drug Information Provided by Lexi-Comp: Merck Manual Professional
  5. Gentamicin Toxicity Arquivado 31 de decembro de 2009 en Wayback Machine. at the American Hearing Research Foundation
  6. Sundin DP, Sandoval R, Molitoris BA: Gentamicin Inhibits Renal Protein and Phospholipid Metabolism in Rats: Implications Involving Intracellular Trafficking. J Am Soc Nephrol 12:114-123, 2001
  7. AJ Giannini, HR Black. Psychiatric, Psychogenic and Somatopsychic Disorders Handbook. Garden City, NY. Medical Examination Publishing Co.,1978. Pp.136-137. ISBN 0-87488-596-5.

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!