Se non se indica outra cousa, os datos están tomados en condicións estándar de 25 °C e 100 kPa.
A frutosa, tamén chamada comercialmente levulosa, debido ao sentido de rotación da luz polarizada, é unha forma de azucre encontrada nas froitas e no mel. É un monosacárido coa mesma fórmula empírica que a glicosa pero con diferente estrutura. É unha hexosa (6 átomos de carbono). O seu poder enerxético é de 4 quilocalorías por cada gramo.
Todas as froitas naturais teñen certa cantidade de frutosa (a miúdo xunto con glicosa), que poden ser extraídas e concentradas para facer un azucre alternativo.
Utilizase como edulcorante para os diabéticos xa que tomado en doses moderadas non precisa insulina para ser metabolizado. A diferenza do azucre refinado que se absorbe instantaneamente producindo unha subida e unha baixada rápida de enerxía, a frutosa, é metabolizada e gardada, en parte, polo fígado en forma de glicóxeno como reserva para cando necesitemos facer un esforzo.
A frutosa produce escasos efectos no nivel de glicosa no sangue e non estimula a secreción de insulina.
A frutosa ten o mesmo valor calórico que a glicosa, 400 Kcal por 100 g, pero como adoza máis que a glicosa, precísase en menor cantidade e, consecuentemente, consómense menos calorías.
Moitas persoas, sen sabelo, son máis ou menos intolerantes á frutosa e non poden asimilar ben alimentos cun alto contido deste azucre. Díse que sofren intolerancia á frutosa. Neste caso a frutosa depende da glicosa para que sexa absorbida nos intestinos e finalmente pase ao torrente sanguíneo. Os transportadores de membrana GLUT-5 e GLUT-2 son os encargados destes fenómenos de transporte. A absorción de frutosa en ausencia de glicosa é moi baixa, acumulándose no intestino groso onde serve de alimento á flora que nel reside producindo gases. A inxesta dun exceso de frutosa tamén favorece a retención de auga. Estes efectos dan lugar á expansión do abdome, flatulencia, excrementos non compactos e mesmo diarrea, dependendo das cantidades inxeridas doutros factores.
↑Levulosa vén do latín laevus, levo, "lado esquerdo", levulosa é o termo antigo para o isómero máis común da frutosa. A D-frutosa fai rotar o plano da luz polarizada á esquerda, de aí este nome.[1].