A septicemia[1] ou sepse[2] é unha síndrome de anormalidades fisiolóxicas, patolóxicas e bioquímicas potencialmente mortal asociadas a unha infección. Estas anormalidades son secundarias a unha resposta inmunitaria desbalanceada fronte á infección, que termina danando os tecidos e órganos propios e conducindo a unha disfunción multiorgánica. A síndrome de resposta inflamatoria sistémica asóciase coa sepse, pero non é causa absoluta desta, xa que a sepse involucra a activación tanto de respostas proinflamatorias como antiinflamatorias.[3]
Chámase infección a todo proceso patolóxico secundario á invasión por microorganismos patóxenos ou potencialmente patóxenos dun tecido, líquido ou cavidade anatómica que en condicións normais deben permanecer estériles. Porén, está definición non é perfecta, xa que, por exemplo, o colon non é estéril e unha infección por Clostridium difficile pódese xerarse alí. As manifestacións da infección por este xerme non se relacionan coa invasión, senón coa exotoxina que produce.[4][5]
Sepse, até o ano 2015, significaba, de acordo cos expertos, unha infección con manifestacións de resposta inflamatoria sistémica (SRIS), como febre ou hipotermia, taquicardia, taquipnea, leucocitose ou leucopenia, entre outras. Dende o ano 2017, segundo os mesmos expertos, o termo sepse defínese como a disfunción orgánica causada por unha resposta anómala do hóspede á infección que supón unha ameaza para a supervivencia. En canto á disfunción orgánica, con fins de operatividade clínica pode ser definida como un aumento de dous puntos ou máis no sistema de medición SOFA (Sequential [Sepsis-related] Organ Failure Assessment ou Avaliación Secuencial da Insuficiencia Orgánica —relacionada coa sepse—), o que se asocia cunha mortalidade hospitalaria maior do dez por cento e polo tanto merece unha resposta rápida e axeitada.[3][4][5][6]
O termo «sepse grave», até o ano 2015, significaba, de acordo cos expertos, a presenza de sepse en asociación con manifestacións de disfunción orgánica ou de hipoperfusión tisular, como hipoxemia, oliguria, acidose láctica, elevación de enzimas hepáticas, alteración mental e trastorno da coagulación, entre outras. Dende o ano 2015, segundo os mesmos expertos, considérase un termo redundante (a sepse sempre é grave) e por tanto debe deixar de usarse.[3][5]