Sistema muscular

Sistema muscular
Músculos anteriores (anotados en inglés)
Músculos posteriores (anotados en inglés)

Na anatomía humana, o sistema muscular é o conxunto dos máis de 650 músculos do corpo, cuxa función primordial é xerar movemento, xa sexa voluntario ou involuntario -músculos esqueléticos e viscerais, respectivamente. Algúns dos músculos poden unirse das dúas maneiras, polo que é costume categorizalos como mixtos.

O sistema muscular permite que o esqueleto se mova, manteña a súa estabilidade e a forma do corpo. Nos vertebrados contrólase a través do sistema nervioso, aínda que algúns músculos (tales como o cardíaco) poden funcionar en forma autónoma. Aproximadamente o 40% do corpo humano está formado por músculos, de maneira que por cada kg de peso total, 400 g corresponden a tecido muscular.

Funcións do sistema muscular

O sistema muscular é responsable de:

  • Locomoción: efectuar o desprazamento do sangue e o movemento das extremidades.
  • Actividade motora dos órganos internos: o sistema muscular é o encargado de facer que todos os órganos humanos desempeñen as súas funcións, axudándolles a outros sistemas como por exemplo ao sistema cardiovascular.
  • Información do estado fisiolóxico: por exemplo, un cólico renal provoca contraccións fortes do músculo liso xerando unha forte dor, signo do propio cólico.
  • Mímica: o conxunto das accións faciais, tamén coñecidas como xestos, que serven para expresar o que sentimos e percibimos.
  • Estabilidade: os músculos conxuntamente cos ósos permítenlle ao corpo manterse estable, mentres permanece en estado de actividade.
  • Postura: o control das posicións que realiza o corpo en estado de repouso.
  • Produción de calor: ao producir contraccións musculares orixínase enerxía calórica.
  • Forma: os músculos e tendóns dan o aspecto típico do corpo humano.
  • Protección: o sistema muscular serve como protección tanto para o bo funcionamento do sistema dixestivo como para os órganos vitais.

Compoñentes do sistema muscular

O sistema muscular está formado por músculos e tendóns.

Músculos

Artigo principal: Músculo.
Músculos esqueléticos do brazo durante unha contracción: bíceps braquial -esquerda, á esquerda- e tríceps braquial -dereita, á dereita-. O primeiro flexiona o brazo, e o segundo esténdeo. Son músculos antagonistas.

A principal función dos músculos é contraerse, para poder xerar movemento e realizar funcións vitais. Distínguense tres grupos de músculos, segundo estean dispostos:

  • O músculo esquelético
  • O músculo liso
  • O músculo cardíaco

Músculo estriado (esquelético)

O músculo estriado é un tipo de músculo que ten como unidade fundamental o sarcómero, e que presenta, ao velo a través dun microscopio, estrías que están formadas polas bandas claras e escuras alternadas do sarcómero. Está formado por fibras musculares en forma de fuso, con extremos moi afiados, e máis curtas que as do músculo liso. Estas fibras posúen a propiedade da plasticidade, isto é, cambian a súa lonxitude cando son estiradas, e son capaces de volver a recuperar a forma orixinal. Para mellorar a plasticidade dos músculos serven os estiramentos. O músculo estriado é o encargado do movemento dos esqueletos axial e apendicular e do mantemento da postura ou posición corporal. Ademais, o músculo esquelético ocular executa os movementos máis precisos dos ollos.

O tecido muscular esquelético está formado por células moi longas (até 30 cm), cilíndricas e plurinucleadas, que conteñen abundantes filamentos, as miofibriñas. O diámetro das fibras musculares estriadas esqueléticas oscila entre 10 e 100 micrómetros. Estas fibras orixínanse no embrión pola fusión de células alongadas denominadas mioblastos. Nas fibras musculares esqueléticas, os numerosos núcleos localízanse na periferia, cerca do sarcolema. Esta localización característica axuda a diferenciar o músculo esquelético do músculo cardíaco debido a que ambos mostran estrías transversais, pero no músculo cardíaco os núcleos son centrais.

Músculo liso

O músculo liso, tamén coñecido como visceral ou involuntario, componse de células en forma de fuso que posúen un núcleo central que asemella a forma da célula que o contén; carece de estrías vitrasais, mais amosa lixeiramente estrías lonxitudinais. O estímulo para a contracción dos músculos lisos está mediado polo sistema nervioso vexetativo autónomo. O músculo liso localízase nos aparellos reprodutor e excretor, nos vasos sanguíneos, na pel e nos órganos internos.

Existen músculos lisos unitarios, que se contraen rapidamente (non se desencadea innervación), e músculos lisos multiunitarios, nos cales as contraccións dependen da estimulación nerviosa. Os músculos lisos unitarios son como os do útero, uréter, aparello gastrointestinal etc.; e os músculos lisos multiunitarios son os que se encontran no iris, membrana nictitante do ollo, traquea etc.

O músculo liso posúe ademais, ao igual que o músculo estriado, as proteínas actina e miosina.

Músculo cardíaco

O músculo cardíaco (miocardio) é un tipo de músculo estriado situado no corazón. A súa función é bombear o sangue a través do sistema circulatorio por contracción. O músculo cardíaco xeralmente funciona involuntaria e ritmicamente, sen ter estimulación nerviosa. É un músculo mioxénico, isto é, autoexcitable.

As fibras estriadas e con ramificacións do músculo cardíaco forman unha rede interconectada na parede do corazón. O músculo cardíaco contráese automaticamente ao seu propio ritmo, unhas 100.000 veces ao día. Non se pode controlar conscientemente, mais o seu ritmo de contracción está regulado polo sistema nervioso autónomo dependendo de que o corpo estea activo ou en repouso.

Clasificación segundo a forma en que os músculos son controlados

  • Voluntarios: controlados polo individuo
  • Involuntarios ou viscerais: dirixidos polo sistema nervioso central
  • Autónomo: a súa función é contraerse regularmente sen deterse.
  • Mixtos: músculos controlados polo individuo e polo sistema nervioso, por exemplo as pálpebras.

Os músculos están formados por unha proteína chamada miosina, a mesma encóntrase en todo o reino animal e incluso nalgúns vexetais que posúen a capacidade de moverse. O tecido muscular componse dunha serie de fibras agrupadas en masas primarias e envoltas pola aponeurose, unha especie de vaíña ou membrana protectora, que impide o desprazamento do músculo. As fibras musculares posúen abundantes filamentos intraprotoplasmáticos, chamados miofibriñas, que están situadas paralelamente ao longo do eixe maior da célula e ocupan case toda a masa celular. As miofibriñas das fibras musculares lisas son aparentemente homoxéneas, pero as do músculo estriado presentan zonas de distinta refrinxencia, o que se debe á distribución dos compoñentes principais das miofibriñas, as proteínas de miosina e actina.

A forma dos músculos

Músculo pectoral con forma de abanico e bíceps con forma fusiforme.

Cada músculo posúe unha determinada estrutura, segundo a función que realicen; e entre elas encontramos:

  • Fusiformes: músculos con forma de fuso, son grosos na súa parte central e delgados nos extremos.
  • Planos e anchos: son os situados no tórax (abdominais), e protexen os órganos vitais da caixa torácica.
  • Abanico ou abano: os músculos peitorais ou os temporais da mandíbula.
  • Circulares: músculos en forma de aro, situados en moitos órganos, para abrir e cerrar condutos. Por exemplo, o píloro ou o orificio anal.
  • Orbiculares: músculos semellantes aos fusiformes, pero cun orificio no centro, serven para cerrar e abrir outros órganos. Por exemplo, os beizos e os ollos.

Funcionamento

Movemento de contracción do bíceps

Os músculos son asociados xeralmente nas funcións obvias como o movemento, pero en realidade son tamén os que nos permiten impulsar a comida polo sistema dixestivo, respirar e facer circular o sangue .

O funcionamento do sistema muscular pódese dividir en 3 procesos: un voluntario a cargo dos músculos esqueléticos, un segundo proceso involuntario realizado polos músculos viscerais, e o último proceso débese aos músculos cardíacos e é de funcionamento autónomo.

Os músculos esqueléticos permiten camiñar, correr, saltar e realizar unha multitude de actividades voluntarias; agás os reflexos, que son as repostas involuntarias xeradas como resultado dun estímulo. Canto aos músculos de funcionamento involuntario, desempeñan de maneira independente á nosa vontade pero son supervisados e controlados polo sistema nervioso, encárgase de xerar presión para o traslado de fluídos e o transporte de substancias ao longo do organismo con axuda dos movementos peristálticos (como o alimento, durante o proceso de dixestión e excreción). O proceso autónomo realízase no corazón, órgano feito con músculos cardíacos. A función primordial deste tecido muscular é contraerse regularmente, millóns de veces, debendo soportar a fatiga e o cansazo.

Coidado do sistema muscular

Para manter o sistema muscular en óptimas condicións, débese ter presente unha dieta equilibrada, con doses xustas de glicosa que é a principal fonte enerxética dos músculos do ser humano. Débese evitar o exceso no consumo de graxas, xa que non se metabolizan completamente, producindo sobrepeso. Para rutinas de exercicios físicos prolongados, necesítase unha dieta rica en azucres e vitaminas.

Ademais dunha alimentación saudable, tamén se recomenda exercicio físico, pois o exercicio muscular fai que os músculos traballen, desenvolvéndose aumentando a súa forza e volume, adquirindo elasticidade e contractilidade, resistindo mellor o cansazo. Tamén beneficia o desenvolvemento do esqueleto porque o fortalece e modela, debido á tracción que os músculos exercen sobre os ósos; se os exercicios son correctamente practicados, perfeccionan a harmonía das liñas e curvas. O exercicio axuda ao desempeño dos órganos. Aumenta o volume torácico, mellora a respiración e a circulación sanguínea, ampliando o tamaño dos pulmóns e do corazón. Outro efecto do exercicio físico é que provoca un aumento considerable no apetito, favorecendo a dixestión e a asimilación dos alimentos.

Enfermidades

Desgarro muscular.

As enfermidades que lle afectan ao sistema muscular poden ser producidas por algúns virus que atacan directamente o músculo, por cansazo muscular, posturas inadecuadas, exercicios bruscos ou accidentes.

Algunhas enfermidades e doenzas que afectan ao sistema muscular son:

  • Desgarro: como vemos na imaxe é unha ruptura do tecido muscular.
  • Cambra: contracción espasmódica involuntaria, que afecta aos músculos superficiais.
  • Escordadura: lesión producida por un dano moderado ou total das fibras musculares.
  • Distrofia muscular: dexeneración dos músculos esqueléticos.
  • Atrofia: perda ou diminución do tecido muscular.
  • Hipertrofia: crecemento ou desenvolvemento anormal dos músculos, producindo nalgúns casos serias deformacións.
  • Poliomielite: coñecida tamén como polio. É unha enfermidade producida por un virus, que ataca o sistema nervioso central e ocasiona que os impulsos nerviosos non se transmitan e as extremidades se atrofien.
  • Miastenia gravis: é un trastorno neuromuscular, caracterizado por unha debilidade do tecido muscular.

Lista dos músculos do corpo humano

Miscelánea

  • O fisiculturismo (do francés culturisme) é unha disciplina utilizada para o desenvolvemento das fibras do sistema muscular, mediante a combinación de exercicio físico como o levantamento de peso, aumento da inxesta calórica e descanso para desenvolver unha gran musculatura e un corpo voluminoso.
  • Para lograr a relaxación do corpo e aliviar as contracturas e tensións do sistema muscular, existen numerosas técnicas de masaxe, que en moitos países se estudan a nivel universitario baixo o título de quinesioloxía.
  • No corpo humano masculino os músculos representan dun 40 a un 50% do peso corporal, na muller representan dun 30% a un 40%. O músculo máis grande é o Trapecio e o Dorsal Ancho das costas a partes iguais, e o máis pequeno é o estribo (óso) no sistema auditivo. O máis longo é o longuísimo das costas (é o máis próximo á columna lumbar en visión posterior e contribúe a mantela erguida). Cando camiñamos, utilizamos ao mesmo tempo máis de 200 músculos diferentes. O músculo máis rápido do corpo é o das pálpebras, capaz de abrilas e pechalas até 5 veces por segundo. O músculo máis forte é o maseter, que pese a que só mide 5 cm, pode chegar a ter unha forza de máis de 4 kN. O músculo que máis se desenvolve é o miometrio, cuxas fibras pasan a ter unha lonxitude de 3 micrómetros a 500 micrómetros no momento do parto.
  • O cansazo muscular orixínase na produción de ácido láctico, sumado ao traballo muscular excesivo, que supón requirimentos maiores de glicosa e osíxeno.
  • Un mineral fundamental no traballo muscular é o magnesio, cuxo requirimento diario nun adulto oscila entre 310 e 420 mg. A pesar de que o exceso de magnesio é tóxico, a súa carencia produce inconvenientes no funcionamento muscular, que adoitan presentar os seus primeiros síntomas a través de cambras. O mineral imprescindible na contracción muscular é o "Calcio", posto que sen este oligoelemento o ATP non se disocia en ADP e Pirofosfato e a Miosina non se ancora á Actina (ciclo contráctil).
  • Pese a que se acostuma asociar os músculos co movemento, pensamos xeralmente nas funcións obvias; en realidade son tamén os que nos permiten impulsar a comida polo sistema dixestivo, respirar e facer circular o sangue.
  • Unha técnica singular -e libre de riscos- para reducir os síntomas dunha cambra consiste en manter durante varios segundos un belisco sobre a boca, no labio superior.[1] Isto pode ter relación coa manipulación do sistema nervioso que practican técnicas como a dixitopuntura.

Notas

  1. "As cambras". Arquivado dende o orixinal o 02 de febreiro de 2007. Consultado o 31 de maio de 2010. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Rouviére, Henri (1968). Madrid:Casa Editorial Bailly-Bailliere S.A., ed. Anatomía humana descriptiva y topográfica. OCLC 45816081. 
  • Testut,, L; Latarjet, M. (1965). Barcelona:Salvat Editores S.A, ed. Tratado de anatomía humana. Tomo I;Osteología-Artrología-Miología. OCLC 57025323. 
  • Vallés Iglesias, Alejandro (1980). Barcelona : Editorial Ramón Sopena, ed. La ciencia de la vida, un milagro de la naturaleza. ISBN 84-303-0786-9 OCLC 11455854. 
  • Parker, Steve (1997). Santiago : Editorial Zig-Zag, ed. The human body. Tradución de Antonio Avaria de la Fuente. ISBN 956-12-1217-X. 

Outros artigos

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!