O sistema nervioso autónomo (SNA) ou sistema nervioso vexetativo (SNV) ou visceral ou involuntario é a parte do sistema nervioso periférico que actúa como un sistema de control que funciona fundamentalmente de forma inconsciente controlando as funcións viscerais. O SNA afecta á frecuencia cardíaca, dixestión, tragar, frecuencia respiratoria, salivación, suoración, dilatación pupilar, micción, e excitación sexual, entre outras. A maioría das funcións autónomas son involuntarias, pero certo número de accións do SNA poden funcionar cun certo grao de control consciente.
No encéfalo, o SNA está localizado no bulbo raquídeo no tronco cerebral inferior. Entre as principais funcións do SNA bulbar están a respiración (polo centro de control respiratorio), a regulación cardíaca (polo centro de control cardíaco), a actividade vasomotora (polo centro vasomotor), e certas accións reflexas (como tusir, espirrar, vomitar e tragar). Estas despois subdivídense noutras áreas e están tamén ligadas a subsistemas do SNA e do sistema nervioso externos ao encéfalo. O hipotálamo, situado xusto enriba do tronco cerebral, actúa como un integrador de funcións autonómicas, que recibe sinais regulatorios do SNA desde o sistema límbico para facelo.[1] Está formado por ganglios e plexos autónomos situados fóra do sistema nervioso central aos que chegan fibras nerviosas preganglionares procedentes do sistema nervioso central e desde os que parten fibras postganglionares, que chegan ao órgano diana que debe ser controlado. En xeral, as fibras preganglionares parasimpáticas son máis longas que as simpáticas e os seus ganglios están máis preto do órgano diana.
O SNA divídese clasicamente en dous subsistemas: o sistema nervioso parasimpático (SNPS) e o sistema nervioso simpático (SNS),[2] os cales operan independentemente nalgunhas funcións e interaccionan cooperativamente noutras. En moitos casos, teñen accións "opostas", xa que un activa unha resposta fisiolóxica e o outro inhíbea. Unha simplificación antiga é dicir que o simpático é "excitador" e o parasimpático "inhibidor", pero esta visión quedou anulada polas moitas excepcións que se atoparon. Unha caracterización máis moderna é que o sistema nervioso simpático é un "sistema que mobiliza unha resposta rápida" e que o parasimpático é un "sistema de diminución da resposta activado máis lentamente", pero mesmo isto ten excepcións, como no caso da excitación sexual e orgasmo, nos que ambos os sistemas teñen un papel.[1]
O sistema nervioso entérico é tamén ás veces considerado parte do sistema nervioso autónomo,[1] e outras veces considerado como un sistema independente.
En xeral, as funcións do SNA poden dividirse en subsistemas sensoriais (aferentes) e motores (eferentes). En ambos os dous hai sinapses inhibitorias e excitatorias entre as neuronas. En tempos relativamente recentes, distinguiuse un terceiro subsistema de neuronas denominadas neuronas "non adrenérxicas e non colinérxicas" (porque usan óxido nítrico como neurotransmisor), que forman parte integral da función nerviosa autónoma, en especial no tubo dixestivo e pulmóns.[3]
A innervación do SNA comprende dúas grandes divisións: sistema nervioso simpático e sistema nervioso parasimpático. A división simpática ten un “fluxo ou saída” toracolumbar, o que significa que as neuronas saen das porcións torácica e lumbar (T1-L2/3) da medula espiñal. A división paasimpática ten un “fluxo” craniosacro, o que significa que as neuronas saen polos nervios craniais (pares III, VII, IX, e X) e da porción sacra (S2-S4) da medula espiñal.
O SNA é peculiar porque precisa un vía eferente de dúas neuronas secuencial. Primeiro unha neurona preganglionar fai sinapse nunha neurona postganglionar, que innerva o órgano diana. A preganglionar ou primeira neurona sae do sistema nervioso central e a postganglionar ou segunda neurona encóntrase noutra parte do corpo (un ganglio), desde onde fai sinapse co órgano que debe controlar.
A división simpática (toracolumbar) ten o soma ou corpo celular neuronal no corno lateral da medula espiñal (columnas celulares intermediolaterais) desde T1 a L2/3. Estes corpos celulares son neuronas eferentes viscerais xerais e constitúen as neuronas preganglionares. Hai varias localizacións posibles nas que as neuronas preganglionares poden facer sinapse coas neuronas postganglionares:
Estes ganglios conteñen as neuronas postganglionares desde as que se fará a innervación dos órganos diana. As fibras postganglionares forman parte de nervios esplácnicos (viscerais) simpáticos.
A división parasimpática (craniosacra) ten os corpos neuronais en dúas posibles localizacións: o tronco encefálico (pares craniais III, VII, IX e X) ou na medula espiñal sacra (S2, S3 e S4). Estas son as neuronas preganglionares, que fan sinapse nas neuronas postganglionares situadas nos seguintes lugares:
Estes ganglios conteñen as neuronas postganglionares a partir das cales se innervan os órganos diana. Exemplos son:
As divisións simpática e parasimpática funcionan xeralmente opoñéndose unha a outra. Pero esta oposición é mellor denominala como complementaria que como antagonista. Facendo unha analoxía, pode considerarse a división simpática como o acelerador e a parasimpática como o freo. A división simpática normalmente funciona en accións que requiren unha resposta rápida. A división parasimpática funciona en accións que non requiren unha reacción inmediata. O sistema simpático considérase a miúdo o sistema de "loita ou fuxida", mentres que o parasimpático considérase o sistema de "descanso e dixestión" ou "alimentación e procreación".
Con todo, hai moitos exemplos de actividades simpáticas e parasimpáticas que non poden adscribirse a situacións de "loita" ou "descanso". Por exemplo, erguerse de súpeto cando se estaba sentado ou deitado supoñería unha caída da presión arterial insostible se non fose porque se produce un incremento compensatorio no ton arterial simpático. Outro exemplo é a constante modulación segundo a segundo da frecuencia cardíaca debida á influencia do simpático e parasimpático, como unha función que é parte dos ciclos respiratorios. En xeral, estes dous sistemas deberían verse como sistemas que modulan permanentemente as funcións vitais, xeralmente de forma antagonista, para conseguir a homeostase. Algunhas accións típicas dos sistemas simpático e parasimpático son as que se indican a continuación.
Promove a resposta de "loita ou fuxida", e a excitación e xeración de enerxía, e inhibe a dixestión.
Promove a resposta de "descanso e dixestión", promove que os nervios se calmen e volvan á súa función normal, e potencia a dixestión.
Nos órganos efectores, as neuronas ganglionares simpáticas liberan noradrenalina (norepinefrina), xunto con outros cotransmisores como a ATP, para que actúen sobre os receptores adrenérxicos, coa excepción das glándulas sudoríparas e a medula adrenal:
As seguintes táboas resumen as accións destes neurotransmisores sobre os seus receptores.
Os bronquíolos non teñen innervación simpática, pero están afectados pola adrenalina circulante.[4]