O sistema nervioso parasimpático é unha parte do sistema nervioso autónomo ou vexetativo, cuxos nervios nacen tanto do encéfalo como da medula espiñal á altura do sacro.
O neurotransmisor deste sistema, tanto das neuronas pre como postganglionares, é a acetilcolina (neurotransmisor endóxeno).
Os centros nerviosos de orixe das fibras preganglionares do parasimpático están localizados tanto no encéfalo como no plexo sacro na medula espiñal. Estas fibras nerviosas ramifícanse polo territorio dalgúns nervios craniais, como o nervio facial ou nervio vago, ou polos nervios pelvianos no plexo sacro.
O sistema nervioso parasimpático ten dous tipos de neuronas:
Están preto dun núcleo cerebro-espiñal, mentres que o seu eixo segue a un nervio raquídeo ou cranial e chega aos ganglios periféricos, onde poden establecer sinapses ou ben o fan no interior do órgano efector parasimpático. As fibras preganglionares son longas, mentres que as anteganglionares son curtas (contrariamente ao simpático). As fibras do parasimpático non forman feixes e non poden ser seguidas, excepto o vago e nervios pelvianos.
Son neuronas cuxo corpo se localiza no ganglio nervioso que se sitúa no mesmo órgano diana, e o axón que orixina é moi curto porque actúa neste órgano.
Topograficamente divídense en catro porcións:
Os centros onde se orixinan as febras preganglionares son os núcleos supraóptico, paraventricular e os núcleos do túbulo hipotalámico anterior. Deles saen fibras que en sentido descendente van terminar nas células secretoras da neurohipófise e forman os fascículos supraóptico-hipofisarios, paraventrículo-hipofisarios e tubero-hipofisarios. A interrupción destas fibras determina a diabete insípida.
As fibras pregangliónicas nacen dos núcleos de Edinger-Westphal e mediano anterior, moi próximos ao núcleo do motor ocular común e marchan por dentro do nervio motor ocular común ata o ganglio ciliar onde fan sinapse. As fibras nadas deste ganglio, fibras postgangliónicas, forman os nervios ciliares curtos que chegan ao músculo ciliar e ao iris. A función destas fibras é a de producir miose ao contraer o esfínter do iris e a de acomodación do ollo á visión próxima ao contraer o músculo ciliar.
Posúe distintas fibras nerviosas que percorren distintos nervios craniais como:
Os núcleos nerviosos están dentro dunha substancia gris da porción sacra que se estende desde o segundo segmento sacro até o final da medula espiñal. As fibras nerviosas saen ao exterior a través de dous pares de nervios raquídeos, o terceiro e cuarto nervios sacros que se unen no plexo pelviano ou hipogloso. Do plexo pelviano orixínanse fibras parasimpáticas que van innervar a musculatura lisa do colon descendente, colon sigmoide e recto, órganos xenitais internos e externos, vexiga urinaria e uretra. A función do parasimpático sacro é a de producir relaxación dos esfínteres e contracción das paredes musculares, provocando a micción, a defecación e a erección dos órganos xenitais.
A función principal do sistema nervioso parasimpático é a de provocar ou manter un estado corporal de descanso ou relaxación tras un esforzo ou para realizar funcións importantes como é a dixestión ou o acto sexual. Actúa sobre o nivel de tensión do organismo diminuíndoo. Realiza funcións opostamente complementarias con respecto ao sistema nervioso simpático.
Por tanto, o sistema nervioso parasimpático participa na regulación do aparello cardiovascular, do aparello dixestivo e do aparello xenitourinario. Hai tecidos, como o fígado, ril, páncreas e tiroide, que reciben innervación parasimpática, o que suxire que o sistema parasimpático participa na regulación metabólica, aínda que as influencias colinérxicas sobre o metabolismo non están ben coñecidas.