En anatomía, a uretra (do gregoοὐρήθρα, ourethra) é un tubo que conecta a vexiga urinaria co exterior e serve para expulsar a urina (en ambos os sexos) e para expulsar o seme (no sexo masculino). Nos machos, a uretra está conectada tanto co aparato urinario coma co reprodutor, atravesa lonxitudinalmente o pene e acaba no seu extremo. Nas femias a uretra é máis curta, é independente do aparato reprodutor, e acaba no perineo por diante do orificio vaxinal.
O esfínter uretral externo está ao inicio da uretra, formado por fibras musculares estriadas, e permite o control voluntario da micción.
Anatomía
Uretra feminina
Na muller, a uretra mide só de 2,5 cm a 4 cm [1][2] de lonxitude (a cifra varía algo segundo as fontes), e ábrese ao exterior entre o clítoris e a vaxina. Está situada detrás da sínfise pubiana, incrustada na parede anterior da vaxina, e a súa dirección é oblicua cara a abaixo e adiante; está lixeiramente curvada coa concavidade dirixida cara a adiante.
A uretra consta de tres capas: muscular (externa), lámina propia conxuntiva, e mucosa (interna). O seu revestimento (mucosa) ten un epitelio estratificado escamoso, que se vai facendo de transición preto da vexiga urinaria, e ten pregamentos lonxitudinais e numerosas invaxinacións, e algunhas células mucosas. A lámina propia é un tecido conxuntivo laxo sen papilas e con moitas fibras elásticas e moitos plexos venosos. A capa muscular é unha continuación da da vexiga, consta de fibras de músculo liso que son lonxitudinais as exrternas e circulares as capas máis externas. Entre a fascia superior e inferior do diafragma uroxenital, a uretra feminina está rodeada polo esfínter uretral. A innervación (consciente e voluntaria) do sistema nervioso somático do esfínter uretral externo procede do nervio pudendo.
Uretra masculina
No macho humano, a uretra ábrese ao final do pene (normalmente, pero ver hipospadia). A uretra é a vía de saída da urina durante a micción e do seme durante a exaculación. Os datos da lonxitude da uretra masculina son variables segundo as fontes e adoitan estar entre 18 e 22 cm [1][3] A uretra ten forma de S invertido, xa que baixa en vertical atravesando a próstata, inclínase cara a adiante
e penetra no bulbo do pene. Normalmente as paredes da súa luz están en contacto, agás cando pasa líquido.
A uretra pode dividirse en catro partes no macho, denominadas:
Esta é a parte intramural da uretra e varía entre 0,5 e 1,5 cm de lonxitude dependendo do chea que estea a vexiga. Nalgúns textos non se considera esta parte, xa que está incluída na parede vesical.
Atravesa a próstata. Presenta unha crista media (crista uretral) e varias aberturas para os seguintes condutos: (1) o conduto exaculador, que recibe os espermatozoides do conduto deferente e o fluído exaculado da vesícula seminal, (2) varios condutos prostáticos polos que se descarga a secreción prostática, (3) o utrículo prostático, que é simplemente unha indentación (homóloga embrioloxicamente do útero feminino). Esta zona das aberturas denomínanse en conxunto colículo seminal (verumontano).
Percorre toda a lonxitude do pene, pero non polo seu centro, senón pola súa parte inferior ou ventral. Ten uns 15–16 cm de lonxitude, e sitúase dentro do corpo esponxoso do pene. Os condutos das glándulas uretrais (ou de Littré) desembocan aquí, e tamén están aquí as desembocaduras das glándulas bulbouretrais.[4] Algúns libros subdividen a uretra esponxosa en dúas partes, a uretra bulbosa e a pendulosa. O lume uretral é máis estreito na parte final, o orificio ou meato uretral externo. A parte final correspondente á glande está alargada formando a fosa navicular, que é máis vertical. Isto produce un fluxo espiral de urina, o que contribúe a limpar o meato uretral externo. As mulleres non teñen un mecanismo equivalente, o que en parte explica por que teñen infeccións do tracto urinario máis frecuentemente.
A lonxitude da uretra masculina e o feito de que teña unha curvatura prominente, fai que a cateterización da uretra masculina sexa máis difícil. A integridade da uretra pode determinarse por un procedemento chamado uretrograma retrógrado.
Histoloxía
O epitelio da uretra empeza sendo transicional na saída da vexiga. Despois convértese nun epitelio estratificado columnar, e máis adiante, preto do meato urinario, un epitelio estratificado escamoso. No epitelio superficial hai pequenas glándulas secretoras de mucus, que axudan a protexer o epitelio da urina. A superficie da membrana mucosa ten moitos divertículos (lagoas de Morgagni), que se continúan con túbulos profundos e ramificados, que son as glándulas de Littré, presentes sobre todo na parte esponxosa.[1]
A lámina propia é un tecido conxuntivo laxo con moitas fibras elásticas e algúns feixes espallados de músculo liso, principalmente lonxitudinais, mais tamén circulares. Non ten papilas estendidas dentro do epitelio.
Orixe embrionaria
O seo uroxenital embrionario orixina a uretra (e outras partes) e pode dividirse en tres compoñentes. A primeira das tres é a porción cranial que é continua co alantoide e forma a propia vexiga. A porción pélvica do seo forma a uretra prostática, o epitelio, a uretra membranosa e as glándulas bulbouretrais do macho e a uretra membranosa e parte da vaxina das femias.
Enfermidades
A hipospadia e epispadia son formas de desenvolvemento anormal da uretra masculina, nas que o meato urinario non está localizado no extremo do pene, senón que aparece na parte inferior (hipospadia) ou superior (epispadia). En casos severos a uretra pode desembocar entre o pene e o escroto.
A infección da uretra é a uretrite, que é máis común nas femias. A uretrite é unha causa común da disuria (dor durante a micción).