A placenta (do latíntorta plana referíndose á súa aparencia en humanos[1][2]) é un órgano presente na maioría dos mamíferos (os marsupiais, por exemplo, non producen placenta) e que relaciona estreitamente ao bebé coa súa nai e atende as necesidades de respiración, nutrición e excreción do feto durante o seu desenvolvemento. A placenta desenvólvese a partir das mesmas células que deron lugar ao feto e ten dous compoñentes, unha porción fetal, o corion frondoso e unha porción materna ou decidua basal.
Clasificación
A placenta humana é de tipo hemocorial (ou discoidal), que quere dicir que o tecido fetal penetra o endometrio ata o punto de estar en contacto co sangue materno. Este tipo de placenta é a que presentan todos os primates e os roedores[3]. Porén, entre os mamíferos existen outros tipos de placenta:
Endoteliocorial: onde o corion penetra no endometrio, chegando a tocar os vasos da nai. É unha característica de animais carnívoros, como o gato, o can ou o lobo[4].
Sindesmocorial: nela o epitelio da mucosa uterina segue intacta, pero o trofoblasto chega a ter contacto co tecido uterino permitindo o paso de nutrientes necesarios. Existe en ruminantes como a ovella.
Epiteliocorial: o corion toca lixeiramente o endometrio materno, pero non o penetra, como é o caso da porca.