O Museo Numismático de Atenas (en grego: Νομισματικό Μουσείο Αθηνών) é unha das institucións museísticas máis importantes de Grecia, que aloxa unha das coleccións máis completas do mundo de moedas antigas e modernas.[1]
O museo ten a súa sede na que foi a mansión do arqueólogo Heinrich Schliemann (1822-1890), coñecida como "Palacio de Llion" (Ιλίου Μέλαθρον -Iliou Melathron-).[2]
A primeira tentativa de elaborar unha colección estatal produciuse pouco despois da independencia de Grecia en Exina. Aquela primitiva colección foi enriquecida a través de diversas escavacións, compras e doazóns.
O museo propiamente dito fundouse en 1838, na mesma época que o Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas, aínda que cumpriu o paso de varios anos e a publicación dunha regulación específica para que ambas as institucións chegasen a ser totalmente independentes, nunha primeira etapa en 1893 e, posteriormente, a partir de 1965.
Inicialmente, a colección formaba parte da Biblioteca Nacional de Grecia e estaba aloxada no edificio principal da Universidade de Atenas, onde se exhibiu ao público por vez primeira. En 1946, a colección foi trasladada á sede do Museo Arqueolóxico Nacional e, finalmente, en 1984 decidiuse levala á súa situación actual, na que se estableceu en 1998 logo das oportunas obras de acondicionamento.[3][4]
O edificio de tres andares Iliou Melathron, que acolle o Museo Numismático, atópase na rúa Panepistimiou (Οδός Πανεπιστημίου; "Rúa da Universidade"), preto da coñecida praza Syntagma. Foi construído entre 1878 e 1880 para Heinrich Schliemann, baixo a dirección do afamado arquitecto Ernst Ziller.[5][6][7]
Na época da súa construción, considerouse como a residencia privada máis abraiante de Atenas, cun deseño exterior de inspiración tanto neorenacentista como neoclásica, mentres que o interior amosa influencia da arquitectura de Pompeia. Os cuartos están decorados con mosaicos e murais que representan temas da Guerra de Troia e motivos gregos.
En 1927, a viúva de Heinrich Schliemann, Sofía, vendeulle o edificio ao Estado Grego, que o dedicou inicialmente á sede do Consello de Estado e posteriormente á do Tribunal de Casación.[8]
O uso do edificio como tribunal de xustiza ocasionoulle moitos danos, que obrigaron a sometelo a unha importante renovación para poder albergar o Museo Numismático; entre outras cousas, restauráronse os mosaicos e os murais.[9]
Finalmente, a colección numismática foi inaugurada na parte restaurada do edificio en 1998 e non acabou de estar totalmente visitable ata 2007.[10][11]
A colección do museo componse de 600.000 obxectos, principalmente moedas aínda que tamén medallas, pesas padrón, cuños, selos e outros, desde o século -XIV a. de C. ata os tempos actuais. A disposición da colección ten unha orientación cronolóxica. O museo posúe unha importante colección de moedas desde o século VI a. de C. ata o século V d. de C., como as das cidades-Estado gregas e as dos períodos helenístico e romano. Tamén cómpre salientar as coleccións bizantinas e medievais de Europa Occidental, do Oriente e do Imperio Otomán.[12][13]
Unha gran parte da colección está constituída por moedas procedentes de achados arqueolóxicos, e o resto provén da colección inicial de Exina e de diversas doazóns e adquisicións.[14]
O museo aloxa tamén unha biblioteca de 12 000 libros especializados no estudo da da moeda, ademais dun laboratorio para a conservación dos obxectos expostos e custodiados.[15][16]