A Sociedade Numismática Brasileira (SNB) é unha entidade asociativa sen ánimo de lucro de carácter cultural, instituída na cidade brasileira de São Paulo en 1924 e recoñecida de utilidade pública en 1951, que ten como obxectivo a promoción e o desenvolvemento da investigación numismática e do coleccionismo de moedas, medallas e billetes.[1][2]
Na procura dos seus obxectivos, a SNB mantén, na súa sede no número 247 da rúa 24 de Maio de São Paulo, un museo numismático, unha importante biblioteca especializada en numismática e disciplinas anexas, con máis de 2.000 volumes, e publica periodicamente un boletín con artigos relativos á súa área de estudo.[1][3][4][5] Así mesmo, organiza dous encontros semanais, así como outros de carácter extraordinario, para fomentar as relacións e os intercambios entre os seus asociados, e emite medallas conmemorativas de diversos eventos relacionados coa numismática.[6][7][8]
Xa a mediados do século XIX, coñécense algunhas referencias en xornais dos primeiros coleccionistas de moedas no Brasil, case sempre residentes nas zonas máis desenvolvidas do país. É salientable, tamén, o acervo numismático dos emperadores, que logo pasou ao Museo Nacional, e a colección da Biblioteca Nacional de Río, que en 1922 pasou ao Museo Histórico Nacional e que alberga a maior colección numismática do Brasil.[9][10]
No coleccionismo privado tivo unha relevancia singular a figura de Julius Meili (1839-1907), un coleccionista de orixe suíza, estudoso e divulgador numismático, autor dunha obra de referencia na numismática luso-brasileira, en tres volumes, titulada O Meio Circulante no Brasil 1645 a 1900. Parte da colección Meili constituíu os alicerces do fondo numismático do Museo do Banco do Brasil.[9][10]
Neste contexto, en 1922 un grupo de sociois da Sociedade Philatelica Paulista creou nesa institución unha sección de numismática, que se constituíu no xermolo da Sociedade Numismática Brasileira.[11][12]
Naquela época probablemente houbese en todo o Brasil arredor dunha centena de coleccionistas numismáticos, moitos dos cales comezaron a reunirse na rúa São Bento de São Paulo, no consultorio dun dos que logo sería membro da sociedade, o doutor Raul Whitaker. A partir daquelas xuntanzas organizouse a dirección provisional da incipiente sociedade, presidida por Agostinho Pardini, que exerceu ata a elección da definitiva, baixo a presidencia de José Vieira da Costa Valente, coa que se aprobaron os estatutos e se formalizou a constitución da Sociedade Numismática Brasileira, o 19 de xaneiro de 1924.[11][12]
Nos seus inicios, os lugares de reunión seguían a ser salas prestadas por algúns dos seus asociados mais, co aumento da masa social, a dirección decidiu alugar dúas salas do Instituto Histórico Xeográfico de São Paulo. Desde a presidencia de José Benedito de Moura en 1964 comezouse a xestar a idea da disposición dunha sede propia e en 1968 inaugurouse a sede do número 488 da rúa Libero Badaró, onde a sociedade radicou durante un decenio, ata a adquisición dunha sede en propiedade. Os boletíns da Sociedade deses anos salientaron a estrea e a cerimonia de inauguración: " A SNB adquiriu en febreiro de 1979 un local de 150 m2 no edifício Adelilda, situado no número 247 da rúa 24 de Maio, no centro de São Paulo e a poucos pasos da praza da República”. Ese espazo foi posteriormente ampliado coa adquisición en 1992, de novos locais anexos, de xeito que a SNB pasou a ocupar todo o segundo andar do edificio, cunha superficie de 245 m2.[13]
Esta é unha listaxe dos presidentes da entidade desde a súa fundación:[14]
A xunta directiva da Sociedade Numismática Brasileira acordou o 13 de xullo de 2013 a creación da Medalla ao Mérito Numismático, de concesión anual, para o recoñecemento dos seus membros que destaquen por diferentes méritos. A medalla, cuñada en ouro e en prata, ten un diámetro de 35 milímetros, e amosa no seu anverso o escudo da sociedade rodeado pola lenda SOCIEDADE NUMISMÁTICA BRASILEIRA S. PAULO, en tanto que o reverso está ocupado por unha coroa de loureiro e un espazo interior para gravar o nome da persoa agraciada e a data de concesión, todo iso coa lenda MEDALHA AO MÉRITO NUMISMÁTICO no seu exterior.
Para levar a cabo o seu propósito de difusión da numismática, a SNB editou, ao longo da súa historia diversas publicacións de carácter tanto periódico como mográfico.[19][20]
No Brasil leváronse a cabo ata 2018 vinte e dúas edicións do Congreso Brasileiro de Numismática; o primeiro en 1936, o segundo en 1986 e, a partir de aí, cunha periodicidade non fixa pero comunmente cada un ou dous anos (1988, 1989, 1992, 1994, 2000, 2002, 2003, [...] 2016, 2017, 2018...), todos eles contaron coa participación da Sociedade Numismática Brasileira. As actas do primeiro congreso foron editadas en dous volumes en 1937 e en 1940.
Ademais dos congresos nacionais, en 1988 comezou a proxectarse a celebración dun encontro internacional que reunise numismáticos do Brasil e de Portugal e, en colaboración coa Sociedade Portuguesa de Numismática, organizouse o I Congresso Luso Brasileiro de Numismática, que tivo unha primeira fase en 1999 en Portugal, na cidade de Porto, e unha segunda en 2000 no Brasil, entre São Paulo e Río de Xaneiro. O éxito deste congreso levou os organizadores a unha segunda edición en 2002, que tivo lugar en Brasilia, e, na procura da internacionalización da actividade da SNB, en 2003 organizou en São Paulo o I Congresso Latino Americano de Numismática, que viu o ano seguinte a súa segunda edición.[22]