Entre 1830 e 1876, coincidindo co período de C. A. Holmboe como segundo director do Gabinete, os fondos da colección aumentaron desde as 9.000 pezas ata superar as 43.000, grazas, en parte, á adquisición de varios dos maiores tesouros de moedas norueguesas da época viquinga, entre os que destacan os coñecidos como tesouro Dæli e tesouro Årstad.[3]
A partir da década de 1920 a colección seguiu incrementándose a través de novos achados monetarios, adquisicións e diversas doazóns. Unhas das adquisicións máis importantes deste períoro foron a de Fridtjof Nansen e Roald Amundsen, constituída por medallas e condecoracións, e a de Frederik Schjöth, de moedas chinesas.[3]
Xunto coa colección de antigüidades, o gabinete numismático ocupou diversas instalacións universitarias e, cando en 1952 se inaugurou a nova sede da Universidade de Oslo no centro da cidade, este foi instalado na Domus Academica, coñecida como o "Edificio do Reloxo".[4] Ao inaugurarase en 1904 o novo edificio do Museo de Historia Cultural, o Gabinete Numismático pasou a instalarse nel.
A colección
A colección actual consta de arredor de 250.000 obxectos relacionados coa moeda, procedentes de todo o mundo e representativos de todas as etapas históricas, e o Gabinete conta cunha biblioteca especializada de 8.000 volumes.[1][3]
As moedas da Antiga Roma e da Antiga Grecia acadan a cantidade de 20.000 pezas. A moeda viquinga está representada por uns 5.000 exemplares de diversos territorios europeos e arredor de 20.000 norueguesas, a maior parte delas procedentes de diversos achados.[3] Cómpre, a este respecto, ter en conta que o Estado noruegués ten a propiedade de todas as moedas anteriores a 1650 atopadas en achados monetarios, en virtude da Lei do patrimonio cultural do 9 de xuño de 1978.[5]
O Myntkabinettet alberga tamén diversas coleccións de moedas norueguesas e europeas de épocas máis recentes, así como outras moedas, medallas, billetes e condecoracións de todo o mundo.[3]