As mulleres contribuíron notablemente á ciencia desde os seus inicios. O estudo histórico, crítico e sociolóxico deste asunto volveuse unha disciplina académica de seu.
As mulleres estiveron involucradas no campo da medicina en varias civilizacións antigas e o estudo da filosofía natural estaba aberto ás mulleres na Antiga Grecia. Tamén contribuíron na protociencia da alquimia no século I e segundo d.C. Durante a Idade Media, os conventos foron un importante lugar para a educación feminina e algunhas destas institucións proporcionaron oportunidades para que as mulleres puidesen formar parte e contribuír no campo da investigación. Pero no século XI fundáronse as primeiras universidades e as mulleres foron excluídas da educación universitaria.[1] A actitude de educar mulleres no campo da medicina era máis liberal en Italia que noutros lugares. A primeira muller coñecida en completar os estudos universitarios nun campo de estudos científicos, foi a científica italiana do século XVIII Laura Bassi.
Aínda que os roles de xénero estaban moi definidos no século XVIII as mulleres experimentaron un grande avance no campo da ciencia. Durante o século XIX as mulleres seguían excluídas dunha educación científica formal, pero empezaron a admitirse en sociedades educativas de menor nivel. Posteriormente no século XX o aumento de mulleres que estudaban en universidades proporcionou traballos remunerados para as mulleres que se quixesen dedicar á ciencia e oportunidades para educarse. Marie Curie, a primeira muller en recibir un Premio Nobel en 1903 (de Física) foi tamén a primeira persoa en obter dous premios Nobel ao recoller en 1911 o de Química, ambos os premios polo seu traballo sobre a radiación. Entre 1901 e 2019 só 53 mulleres en total recibiron o Premio Nobel.[2]
Antigüidade
A participación das mulleres no campo da medicina foi documentada en varias civilizacións. Agameda foi citada por Homero como curandeira na Antiga Grecia antes da Guerra de Troia. Hagnódice foi a primeira médica en traballar como tal no século IV a.C. en Atenas.
Foi documentada a contribución de varias mulleres na protociencia da alquimia en Alexandría ao redor dos séculos I e II d.C., onde a tradición gnóstica liderada por mulleres foi valorada. Á máis coñecida, María a Xudía, atribúeselle a invención de varios instrumentos químicos, incluída a técnica do baño maría e un tipo de alambique.[4]
Os conventos medievais eran outro lugar para a educación das mulleres, e algúns deron oportunidades ás monxas para contribuír en investigación académica. Con todo, na súa maior parte, as mulleres foron excluídas das universidades.[6] Un exemplo é a abadesaalemáHildegard von Bingen, cuxos prolíficos escritos inclúen varias materias científicas, incluída a medicina, a botánica e a historia natural (c. 1151-58).[7]
Revolución científica (séculos XVI e XVII)
A pesar do éxito dalgunhas mulleres, os nesgos culturais durante a Idade Media eran notables. Estes nesgos afectaron á educación e a participación das mulleres na ciencia. Moitos crían na submisión da muller como un valor positivo e natural, e moitos deses nesgos proveñen da filosofía cristiá. Santo Tomé de Aquino, referíndose ás mulleres, escribiu na súa obra máis importante Summa Theologica, "este é o sometemento co que a muller, por natureza, foi posta baixo o marido; porque a mesma natureza deu ao home máis discernimento."[8]
En España nos séculos XV e XVI as crónicas históricas amosan a presenza puntual de mulleres nas universidades de Salamanca e de Alcalá de Henares. Entre elas Teresa de Cartaxena e Beatriz Galindo como alumnas en Salamanca, e Luisa de Medrano e Francisca de Lebrija como profesoras en Alcalá de Henares ou Salamanca. A máis coñecida é Beatriz Galindo, alcumada "a Latina", por destacar como especialista desa lingua, que chegou a ser a preceptora de latín da raíña Isabel a Católica e das súas fillas.[9]
A Revolución científica dos séculos XVI e XVII viu unha grande afluencia de mulleres ao campo da ciencia; con todo, as mulleres seguiron sendo excluídas das universidades. Así, para continuar cos seus intereses científicos, as mulleres interesadas víronse obrigadas a obter os seus coñecementos de maneira informal. Os homes da nobreza europea eran libres de desenvolver os seus intereses en ciencia como pasatempo, e as portas estaban abertas ás mulleres que podían tomar parte nos traballos científicos informais xunto aos seus pais e irmáns. Alentábanse con todo as habilidades en pintura das mulleres nobres, e a miúdo servíanlles para detallar e precisar as ilustracións científicas.
Margaret Cavendish, unha muller aristócrata do século XVII, duquesa de Newcastle, tomou parte nalgúns dos debates científicos máis importantes do momento.[10] A pesar de non estar admitida na Royal Society inglesa, unha vez permitíuselle asistir a unha reunión. Escribiu numerosos traballos sobre materias científicas, incluíndo Observations upon Experimental Philosophy e Grounds of Natural Philosophy. Nestes traballos foi especialmente crítica coa crenza crecente de que os humanos, a través da ciencia, eran os amos da natureza. Como aristócrata, a Duquesa de Newcastle foi un bo exemplo de mulleres que traballaron en ciencia en Francia e Inglaterra.
Mulleres que querían traballar en ciencia e vivían en Alemaña chegaron con distintas bagaxes. Alí, a tradición da participación feminina no oficio da produción permitía a algunhas mulleres penetrarse na ciencia experimental, especialmente en astronomía. Entre 1650 e 1710, as mulleres representaban, en Alemaña, o 14 % do total de astrónomos. A muller astrónoma máis coñecida foi Maria Winkelmann. Foi educada polo seu pai e o seu tío e recibiu coñecementos en astronomía por un astrónomo autodidacta próximo. A súa oportunidade de ser profesional en astronomía chegou cando casou con Gottfried Kirch, o astrónomo máis coñecido en Prusia. Ela converteuse na súa axudante no observatorio astronómico que operaba en Berlín para a Academia das Ciencias. Realizou algunhas contribucións orixinais, incluído o descubrimento dun cometa. Cando o seu marido morreu, Winkelmann solicitou un cargo de astrónoma asistente na Academia de Berlín, para o cal estaba altamente cualificada. Por ser muller —sen estudos universitarios por tanto— denegóuselle o cargo. Membros da Academia de Berlín temeron establecer o mal exemplo de contratar unha muller.[11]
Os problemas de Winkelmann coa academia de Berlín reflicten os obstáculos que as mulleres afrontaban para ser aceptadas na práctica científica, que estaba considerada como pertencente principalmente aos homes. Ningunha muller foi convidada nin á Royal Society de Inglaterra nin á Academia das Ciencias francesa até o século XX. Durante o século XVII unha vida dedicada á produción de coñecemento considerábase incompatible cos labores domésticos ás que se esperaba que se dedicasen as mulleres.
En xeral, a Revolución Científica fixo pouco por cambiar as ideas existentes sobre a natureza da muller. Homes científicos usaron a nova ciencia para estender a idea de que a muller era por natureza inferior ao home, e que estaba subordinada a el e a desempeñar un rol doméstico como nais coidadoras. A vasta distribución da produción escrita asegurou a continuación destas ideas.
Século XVIII
A Ilustración viu a expansión do rol das mulleres na ciencia. O xurdimento da cultura do salón literario en Francia durante este tempo, levou os filósofos e as súas conversacións sobre temas de política, sociedade e ciencia contemporánea, ás casas dos podentes e poderosos. Estes salóns eran maioritariamente dirixidos por mulleres, xa que a casa era tradicionalmente espazo da muller, e moitas damas recoñecidas emerxeron como figuras destacadas tanto polos seus dotes de anfitrioas, reunindo os ilustrados intelectuais do momento, como polas súas propias contribucións intelectuais á conversación.
En Madrid un dos primeiros salóns foi creado pola condesa de Lemos Rosa María de Castro y Centurión; outros salóns importantes foron os creados por María Lorenza de los Ríos, marquesa de Fuerte Híjar, o da duquesa de Benavente e condesa de Osuna, María Josefa Alfonsa Pimentel e o de Francisca de Sales Portocarrero e Zúñiga, condesa de Montijo.[13] As mulleres ilustradas conseguiron ser aceptadas en 1787 nas Reais Sociedades Económicas, entre elas Josefa Amar y Borbón que pertenceu á Real Sociedad Económica Aragonesa e á Junta de Damas de Honor y Mérito, Mari Carrillo da Sociedade Económica de Santiago de Compostela e María Reguera, que leu os seus discursos en defensa da educación na Real Sociedade de Lugo. En 1785, a madrileña María Isidra Guzmán de la Cerda obtivo o grao de doutora en Filosofía e Letras Humanas na Universidade de Alcalá de Henares, despois de ser autorizada por unha Real Orde do Rei Carlos III.[14]
As mulleres puideron tamén levar a cabo algúns estudos científicos como pasatempo. Por exemplo, a botánica foi popular como interese das mulleres durante o século XVIII; a pesar de que as mulleres non eran consideradas como suficientemente intelixentes para contribuír nos discursos formais sobre clasificación, puideron, dado o sistema taxonómico, identificar e debuxar plantas e flores para o seu divertimento no fogar. O debuxo foi tamén unha importante habilidade que as mulleres cultivaron excesivamente nas súas casas e que a miúdo foi posto ao servizo da ciencia, especialmente para o debuxo das novas especies de plantas ao regreso de viaxes de exploración no exterior. Maria Sibylla Merian mesmo foi botánica nun barco que realizou expedicións ao Novo Mundo, debuxando e catalogando novas especies de flores. Con todo, o sistema de Carlos Linneo para a clasificación das plantas, baseado nas características sexuais destas, derivou a atención cara á libertinaxe botánica, e cara a finais do século XVIII as mulleres deixaron de ser motivadas para o estudo da reprodución das plantas por medo a que puidesen levar unha educación moral equivocada da natureza como exemplo.
No campo das matemáticas cabería destacar a Maria Gaetana Agnesi, a cal tivo algúns titores ilustres, como os xesuítas e matemáticosGiovanni Saccheri e Vincenzo Ricatti, así como o monxe Ramiro Rampinelli, profesor nas universidades de Roma e Boloña. Foi precisamente Rampinelli quen a animou a escribir un libro sobre cálculo diferencial e quen a puxo en contacto con Vincenzo Ricatti. Sábese que o propio Ricatti se prestou a ler a versión final do libro e a achegar material propio para o mesmo. Ela estaba tan entusiasmada coa idea que pensou que este traballo podería ser utilizado como libro de texto polos seus irmáns máis novos. Con todo, o estudo resultante converteuse en moito máis. Instituzioni analitiche ad uso della gioventù italiana foi publicado en Milán en 1748 e editado e sufragado pola propia autora.[15]
A autora Lady Mary Wortley Montagu á súa volta a Inglaterra do Imperio Otomán en 1717, trouxo consigo a práctica da inoculación como profilaxe contra a enfermidade da varíola. Escribiu sobre iso con detalle na súa famosa correspondencia.[16]
Debido a que moitos dos experimentos e conversacións tiñan lugar en casa, as mulleres acomodadas puideron gozar dun espazo no que asistir aos seus maridos ou outros membros da familia interesados na ciencia. Entre as mellor coñecidas destas esposas atópase Marie-Anne Pierrette Paulze, casada aos 14 anos con Antoine Lavoisier e que deveu a súa asistente no laboratorio da súa casa. Marie-Anne Pierrette Paulze falaba inglés e traduciu non só a correspondencia do seu marido cos químicos ingleses da época, senón tamén integramente o "Essay on Phlogiston" de Richard Kirwan, coñecido como a Teoría do floxisto. O texto de Kirwan tratábase dun texto chave na controversia que existía entre os químicos ingleses, como Joseph Priestley, sobre a natureza da calor nas reaccións químicas. Marie-Anne Pierrette Paulze tamén recibiu clases de debuxo de Jacques-Louis David, e persoalmente gravou as catorce ilustracións para o revolucionario traballo do seu marido, Tratado elemental de química (1789). Marie-Anne Pierrette Paulze mantiña un pequeno pero activo salón e correspondencia cos científicos e naturalistas franceses da época, moitos dos cales quedaron impresionados pola súa intelixencia. O seu interese na natureza da calor continuou tras a morte do seu marido, que foi guillotinado en 1794. Ela casou de novo con Benjamin Thompson en 1804 e converteuse na condesa de Rumford, pero a intolerancia de Thompson polas súas "festas de salón" e o seu rexeitamento por incluíla na súa vida de experimentador, levounos ao divorcio catro anos despois.
Outro famoso exemplo é a astrónoma Caroline Herschel, quen naceu en Hannover pero trasladouse a Inglaterra, onde traballou como asistente do seu irmán, William Herschel. Recibiu un pequeno soldo da Coroa polo seu traballo, un exemplo temperán dunha muller sendo pagada como científica. Descubriu oito cometas entre 1786 e 1797, e presentou o traballo Index to Flamsteed's Observations of the Fixed Stars (que incluía máis de cincocentas estrelas descoñecidas até entón) á Royal Society en 1798, converténdose na primeira muller en presentar aí un traballo. En 1835, ela e Mary Fairfax Somerville foron as dúas primeiras mulleres elixidas como membros pola Royal Astronomical Society.
Na segunda metade do século XVIII destacou Laura Bassi; nada en Boloña o 31 de outubro de 1711, Laura Maria Caterina Bassi pertencía a unha familia adiñeirada. O seu pai, o avogado Giuseppe Bassi, facilitoulle unha educación privilexiada. Entre os 13 e os 20 anos, Laura Bassi estivo baixo a tutela de Gaetano Tacconi, físico e profesor da Universidade de Boloña, formándose en filosofía e metafísica. Tacconi recoñeceu o seu talento innato e decidiu promocionala nos círculos académicos de Boloña. Á idade de 20 anos, Laura Bassi obtivo o posto de profesora na Universidade de Boloña, a máis antiga de Europa. Isto supuxo un fito xa que foi a primeira muller en impartir clases de maneira oficial nunha universidade europea. O seu doutoramento, o segundo obtido por unha muller no continente, foille concedido nunha fastosa cerimonia pública na cal Laura ía ataviada cunha capa de armiño, unha coroa de prata e xoias engastadas e un anel, honras que até o momento estaban reservadas aos homes. A pesar desta veneración pública e do seu nomeamento para unha cátedra de filosofía dous anos despois, Laura tivo poucas ocasións de exercer a súa actividade docente neste período da súa carreira. Considerábase que era indecoroso que ensinase nunha clase chea de homes, aínda que fosen os seus alumnos. Só se lle permitiría exercer como profesora universitaria baixo mandato do Senado de Boloña ou dar conferencias en eventos solemnes ou públicos, onde as mulleres eran convidadas.[17]
Século XIX
A ciencia seguiu sendo unha profesión afeccionada durante a primeira parte do século XIX. As contribucións de mulleres seguían limitadas pola súa exclusión da maioría de ámbitos de educación científica, pero empezaron a ser recoñecidas debido á súa admisión nas sociedades doctas durante este período.
A científica escocesa Mary Fairfax Somerville levou a cabo experimentos en magnetismo, presentando un artigo titulado "The Magnetic Properties of the Violet Rays of the Solar Spectrum" á Royal Society en 1826, sendo a segunda muller en facelo. Tamén foi autora de numerosos textos matemáticos, astronómicos, físicos e xeográficos, e foi unha fervente defensora do dereito da muller á educación. En 1835, xunto a Caroline Herschel, foron as dúas primeiras mulleres en ser elixidas pola Royal Astronomical Society.
A matemática inglesa Ada Lovelace (nada como Ada Byron) mantivo correspondencia con Charles Babbage sobre aplicacións para a súa máquina analítica. É considerada como a primeira programadora, xa que escribiu a manipulación dos símbolos, de acordo ás normas para a máquina de Charles Babbage aínda antes de ser construída. Nas notas que ela engadiu (1842-3) á súa tradución do artigo sobre a máquina de Luigi Menabrea previu amplas aplicacións para o seu uso como computadora de uso xeral, incluíndo a composición de música.
Nos Estados Unidos, Maria Mitchell deuse a coñecer polo descubrimento dun cometa en 1847, pero tamén traballou para a Oficina de elaboración de Almanaque Naval dos Estados Unidos calculando táboas para as posicións astronómicas de Venus. Foi a primeira muller membro da Academia Estadounidense das Artes e as Ciencias en 1848 e da American Association for the Advancement of Science en 1850, da que tamén formarían parte a entomóloga Margaretta Morris e a educadora científica Almira Hart Lincoln Phelps.[20]
Outras mulleres científicas notables durante este período foron :[3]
A última parte do século XIX viu un crecemento nas oportunidades de educación para as mulleres. O interese de prover as nenas dunha educación similar á dos nenos instituíuse no Reino Unido, incluíndo as escolas do North London Collegiate School (1850), o Cheltenham Ladies' College (1853) e o Girls' Public Day School Trust (desde 1872). A primeira universidade británica para mulleres, o Girton College, Cambridge, foi fundado en 1869 e pronto foi seguido por outros: o Newnham College (1871) e o Somerville College, Oxford (1879).
A Guerra de Crimea (1854-6) contribuíu a instaurar a enfermaría como profesión, facendo de Florence Nightingale un nome recoñecido. Unha subscrición pública permitiu a Nightingale establecer unha escola de Enfermaría en Londres en 1860, e outras escolas seguindo os seus principios foron establecidas ao longo do Reino Unido.[18] Nightingale foi tamén pioneira en temas de saúde pública e estatística.
Annie Scott Dill Maunder foi unha pioneira na fotografía astronómica, sobre todo en manchas solares. Graduada en matemáticas polo Girton College, Cambridge, foi contratada en 1890 como asistente de Edward Maunder, descubridor do Mínimo de Maunder e traballador no Real Observatorio de Greenwich. Traballaron xuntos na observación de manchas solares e a mellora das técnicas da fotografía solar, casaron en 1895. As habilidades de Annie para as matemáticas fixo posible a análise dos datos que Maunder coleccionara durante os anos de traballo en Greenwich. Ela tamén deseñou unha pequena e portátil cámara con obxectivo grande angular con lentes 1,5 polgadas de diámetro. En 1898, o matrimonio viaxou á India, onde Annie tomou as primeiras fotografías da coroa do sol durante unha eclipse solar. Grazas á análise dos arquivos de Cambridge de manchas solares e tormentas magnéticas, puideron mostrar que rexións específicas da superficie do sol eran a fonte de tormentas magnéticas e que o sol non irradiaba a súa enerxía de maneira uniforme no espazo, como Lord Kelvin declarara.[23]
Outras mulleres científicas notables deste período inclúen a:[3][24]
A finais do século XIX o xurdimento dos colexios femininos trouxo consigo oportunidades de traballo para as mulleres científicas e oportunidades para a súa educación. Os colexios de mulleres deron lugar a un elevado número de mulleres que realizaron un doutoramento en ciencias. Moitos colexios e universidades empezaron tamén a admitir mulleres durante este período; en 1875 as institucións que admitían mulleres eran algo máis de 3000, mentres que en 1900 contábanse un mínimo de 20 000.[24]
Un exemplo é Elizabeth Blackwell, quen foi a primeira muller en obter un doutoramento nos Estados Unidos de América ao doutorarse no Geneva Medical College (Geneva, Nova York en 1849.[25] Xunto á súa irmá Emily e Marie Zakrzewska, Blackwell fundou unha escola de enfermaría para mulleres en Nova York en 1857, así como o primeiro colexio médico para mulleres en 1868, achegando tanto prácticas como experiencia clínica para as mulleres médicas. Tamén publicou numerosos libros de educación médica para mulleres.
O Programa de Erlangen tratou de identificar invariantes baixo un grupo de transformacións. O 16 de xullo de 1918, Felix Klein presenta un artigo ante unha organización científica en Gotinga orixinalmente escrito por Emmy Noether, quen non estaba autorizada a presentar ela mesma o seu artigo ante a organización. Concretamente, de acordo ao que en física coñécese como o Teorema de Noether, o artigo identificaba as condicións baixo as cales o Grupo de Poincaré define leis de conservación para relatividade xeral. O artigo de Noether foi clave para precisar as leis de conservación.
Inge Lehmann, sismólogadanesa, foi a primeira persoa en suxerir que o núcleo da terra debía ser sólido en 1936.
Mulleres como Margaret Fountaine continuaron contribuíndo en observacións e ilustracións no campo da botánica, así como noutros campos relacionados.
España. Idade de prata
En 1910, aprobouse unha Real Orde que autorizou as mulleres a matriculares na Universidade, pouco despois de que Emilia Pardo Bazán fora nomeada conselleira de Instrución Pública.[26] O primeiro terzo do século XX acolleu a chamada Idade de Prata das letras e ciencias españolas,[27] quebrada en 1939 co proceso de depuración e exilio da comunidade científica provocados pola ditadura de Francisco Franco, e que permitiu a moitas mulleres incorporarse o labor investigador entre elas as primeiras doutoras: Carmen Martínez Sancho en Matemáticas, Jenara Vicente Arnal en Química, Felisa Martín Bravo en Física ou investigadoras como Dorotea Barnés González, María Teresa Toral e Piedad de la Cierva.[28] Tamén Jimena Quirós, a primeira oceonógrafa, e as mulleres que traballaron no equipo de Ramón y Cajal, Manuela Serra, Laura Forster, María Soledad Ruiz Capillas e María Luisa Herreros. Unha época na que as universitarias españolas optaban maioritariamente polo ámbito científico, especialmente por Farmacia, e esta preferencia polas carreiras do ámbito científico mantívose até os anos sesenta.[29]
O documental El enigma Agustina permite redescubrir este período[33] da historia recente no que España se achegou á vangarda científica -a chamada idade de prata da ciencia española- grazas ao traballo da Junta de Ampliación de Estudos (JAE). Unha época que permitiu a incorporación de moitas mulleres ao labor investigador e probar que o talento científico non era exclusivo dos homes.[34]
Estados Unidos de América
Gran número de mulleres introducíronse na ciencia desde 1900 axudadas polos colexios femininos e as oportunidades brindadas por algunhas das novas universidades.[35]
Seguiron atopando oportunidades en botánica e embrioloxía. En psicoloxía, as mulleres obtiveron doutoramentos, pero eran alentadas a especializarse en psicoloxía infantil e da educación, e a tomar traballos en áreas do coidado, como traballos en hospitais e en asistencia social.
A segunda guerra mundial trouxo algunhas novas oportunidades. A Office of Scientific Research and Development, baixo a dirección de Vannevar Bush, iníciase en 1941 co obxectivo de levar un rexistro dos homes e mulleres diplomados en ciencia. Moitas mulleres traballaron no Proxecto Manhattan ou en proxectos científicos para os servizos militares estadounidenses. Algunhas mulleres que traballaron no proxecto Manhattan foron Leoa Woods Marshall, Katharine Way e Chien-Shiung Wu.
Mulleres doutras disciplinas buscaron maneiras de aplicar a súa experiencia no esforzo da guerra. Tres nutricionistas, Lydia J. Roberts, Hazel Stiebeling e Helen S. Mitchell desenvolveron o Consumo de Referencia Alimenticio en 1941 para axudar a grupos de militares e civís a crear plans de alimentación. Probouse a súa necesidade cando a comida empezou a necesitar ser racionada.
Rachel Carson traballou para o Servizo de Pesca e Vida Silvestre dos Estados Unidos. En 1962 escribiu o libro Primavera Silenciosa que advertía dos efectos prexudiciais dos pesticidas no medio ambiente e culpaba á industria química da crecente contaminación.[37] O libro tivo unha enorme influencia, proporcionando unidade e forza ao que até entón era unha conciencia incipiente e dispersa, axudando a que se cristalizase o movemento ecoloxista.
Na Mariña dos Estados Unidos, as mulleres científicas levaron a cabo multitude de investigacións. Mary Sears, estudosa do plancto investigou técnicas oceanográficas militares como cabeza da Oficina Hidtrográfica da Unidade de Ocenografía. Grazas a recomendación de Mary Sears, Ánxeles Alvariño ocupou un posto no Instituto Scripps de Oceanografía, en California.[38]Florence van Straten, química, estudou os efectos do clima durante o combate militar. Grace Hopper, matemática, foi pioneira no mundo da informática. Foi a primeira programadora que utilizou o Mark I e entre as décadas dos 50 e 60, propiciou a aplicación dos compiladores para o desenvolvemento das linguaxes de programación e métodos de validación.
En 1925, Cecilia Payne-Gaposchkin foi a primeira persoa en lograr un doutoramento na área de astronomía na Universidade de Harvard cunha tese que establecía que as estrelas se compuñan basicamente de hidróxeno e helio, unha das teorías fundamentais na astrofísica das estrelas.[39] En España, Antonia Ferrín Moreiras sería a primeira doutora en Astronomía en 1963.[40]
Desde a segunda guerra mundial á actualidade
Nina Byers decátase de que antes de 1976, as contribucións fundamentais de mulleres á física eran raramente recoñecidas.[41] As mulleres traballaban sen remuneración ou ocupando postos de traballo que non recoñecían o seu nivel de coñecementos.
Rosalind Franklin era experta en cristalografía e contribuíu a detallar as estruturas precisas do carbón, o grafito, o ADN e os virus. En 1953 o traballo que realizou co ADN permitiu a Watson e Crick a concibir o seu modelo de estrutura de ADN. Rosalind Franklin non puido compartir o Premio Nobel con Crick, Watson e Wilkins debido á súa morte prematura.
En xullo de 1967, Jocelyn Bell Burnell descubriu a primeira radio púlsar pola que en 1974 foi concedido o Premio Nobel en Física ao seu supervisor, Anthony Hewish.
En 1979 June Almeida, a primeira persoa que observou un coronavirus nun microscopio publicou Manual for rapid laboratory viral diagnosis, para a OMS.[42]
España
O franquismo acabou cos logros en ciencia do primeiro terzo do século XX, co exilio e a depuración de profesorado universitario. Foi unha época difícil para as mulleres incluso para as que tiñan sintonía política co réxime e non foi até 1961 que unha muller, Asunción Linares Rodríguez, gañou a cátedra de Paleontoloxía en Granada, converténdose na primeira catedrática en ciencias.[43] En 1940 xa o intentaran Piedad de la Cierva e Teresa Salazar, pero o tribunal prefiriu deixar a praza baleira antes que nomear unha muller para o cargo.[44] Aínda así houbo mulleres como Gertrudis de la Fuente que conseguiron desenvolver a súa carreira científica.
En Galicia, no período 1936-1940, foron represaliados 44 profesores e profesoras na Universidade de Santiago de Compostela (USC), entre elas Antonia Ferrín Moreiras.[45] Nesta época as mulleres tiveron que loitar contra as normas sociais e políticas que as querían relegar ao ámbito doméstico, como se narra no proxecto Compromiso e Igualdade, Mulleres Universitarias durante o franquismo, e que recolle entrevistas a pioneiras como Inmaculada Paz Andrade, Tarsy Carballas, Esther Fernández ou Milagros Rey.[46] En 1970 María del Pilar Fernández Otero, gañou a cátedra de Fisioloxía animal na Facultade de Farmacia, un cargo que en 1974 só ocupaban once mulleres nas universidades españolas, catro delas na USC.[47]
Algunhas científicas marcharon aos EUA, como María Josefa Wonenburger quen foi a primeira española en lograr unha bolsa Fulbright dos Estados Unidos en 1953, o que lle permitiu estudar na Universidade Yale, converténdose nunha experta mundial na teoría de grupos.[48]Ánxeles Alvariño, primeira muller que participou como científica nunha expedición oceanográfica mundial en 1953, desenvolveu o seu labor investigador nos EUA dende o ano 1956.[49] Tamén a investigadora Margarita Salas, cuxa patente da DNA polimerase viral é a máis produtiva do CSIC, pasou catro anos nos EUA e posteriormente desenvolveu o seu labor investigador en España, recibindo o Premio ao Inventor Europeo 2019 en xuño dese mesmo ano.[50] Científicas como Sonia Villapol ou Susana Martínez Conde desenvolven o seu labor investigador nos Estados Unidos.
A primeira muller en ocupar a presidencia dunha Real Academia foi María Teresa Mirás Portugal en 2007.[51] A traxectoria dalgunhas científicas contemporáneas, entre elas as galegas Isabel Pastoriza ou Otilia Mó, é analizada e comparada coa das pioneiras de idade de prata como Pilar de Madariaga no TFM “Las Sincátedra. Repaso por la historia de las científicas españolas olvidadas".[52] No documental ¿Por qué tan pocas? analízanse as dificultades das mulleres no ámbito STEM e amósanse científicas tecnólogas que poidan ser referentes inspiradores para as novas xeracións como a galega Elena Ojea.
Estados Unidos
Os estudos de Barbara McClintock sobre a xenética do millo demostraron o fenómeno da transposición xenética durante os anos corenta e cincuenta. En 1983, foille adxudicado o Premio Nobel en Fisioloxía ou Medicina como resultado destes traballos.
Sulamith Low Goldhaber e o seu marido Gerson Goldhaber formaron un equipo de investigación sobre o Kaón ou mesón K e outras partículas físicas no cincuenta.
O equipo de Deborah S. Jin no Joint Institute for Laboratory Astrophysics, en Boulder (Colorado), produciu en 2003 o primeiro condensado fermiónico, un novo estado de agregación da materia.
As dificultades que as mulleres teñen que vencer para dedicarse a ciencia amósanse no documental Picture a Scientist.[53]
Australia
Dorothy Hill, xeóloga australiana e a primeira muller profesora dunha universidade australiana.
Ruby Payne-Scott, australiana que foi unha das primeiras líderes nos campos da radioastronomía e a radiofísica.
Tendencias rexionais
Segundo o último informe global sobre ciencia da UNESCO, a inserción feminina presenta amplas disparidades dunha rexión a outra. No sueste de Europa, por exemplo, as investigadoras obtiveron a paridade e, cun 44%, están a piques de facelo en Asia Central, América Latina e o Caribe. Na Unión Europea, doutra banda, só un de cada tres investigadores (33%) é muller, en comparación co 37% no mundo árabe. As mulleres tamén están mellor representadas no África subsahariana (30%) que no sur de Asia (17%).[54]
Tamén hai grandes disparidades intrarrexionais. As mulleres representan o 52% dos investigadores en Filipinas e Tailandia, por exemplo, e están preto da paridade en Malaisia e Vietnam, con todo, só un de cada tres investigadores é muller en Indonesia e Singapura. No Xapón e a República de Corea, dous países caracterizados por altas densidades de investigadores e sofisticación tecnolóxica, tan só o 15% e o 18% dos investigadores son mulleres respectivamente. Estes son os índices máis baixos entre os membros da Organización para a Cooperación e o Desenvolvemento Económicos. A República de Corea tamén ten a maior brecha entre os membros da OCDE en canto á remuneración entre homes e mulleres investigadores (39%). Tamén hai unha enorme brecha no Xapón (29%).[54]
América Latina e o Caribe
América Latina ten algunhas das taxas máis altas de mulleres no mundo que estudan campos científicos. Tamén comparte co Caribe unha das proporcións máis altas de investigadoras: 44%. Dos 12 países que reportaron datos para os anos 2010-2013, sete lograron paridade de xénero, ou mesmo dominaron a investigación: Bolivia (63%), Venezuela (56%), Arxentina (53%), Paraguai (52%), Uruguai (49%), Brasil (48%), Guatemala (45%) e Costa Rica (43%). Chile ten a puntuación máis baixa entre os países para os que hai datos recentes[cando?] (31%). O Caribe pinta un cadro similar, con Cuba que alcanzou a paridade de xénero (47%) e Trinidad e Tobago co 44%. Os datos sobre a participación das mulleres na investigación industrial para aqueles países con sistemas nacionais de innovación máis desenvolvidos (con excepción do Brasil e Cuba), mostran con todo unha participación menor: Uruguai (47%), Arxentina (29%), Colombia e Chile (26%).[54]
Como noutras rexións, a gran maioría dos graduados en saúde son mulleres (60–85%). As mulleres tamén están fortemente representadas na ciencia. Máis do 40% dos graduados en ciencias son mulleres na Arxentina, Colombia, Ecuador, O Salvador, México, Panamá e o Uruguai. O Caribe presenta unha imaxe similar, xa que as mulleres graduadas en ciencias están á vez cos homes ou dominan este campo en Barbados, Cuba, República Dominicana e Trinidad e Tobago.[54]
En enxeñaría, as mulleres representan máis do 30% da poboación graduada en sete países latinoamericanos (a Arxentina, Colombia, Costa Rica, Honduras, Panamá e o Uruguai) e un país do Caribe, a República Dominicana. Houbo unha diminución no número de mulleres graduadas en enxeñaría na Arxentina, Chile e Honduras.[54]
A participación das mulleres na ciencia con todo diminuíu constantemente desde o cambio de século. Esta tendencia observouse en todos os sectores das economías máis grandes: a Arxentina, o Brasil, Chile e Colombia. México é unha excepción notable, rexistrando un lixeiro aumento. Parte da diminución pode atribuírse ás mulleres que se transfiren ás ciencias agrícolas nestes países. Outra tendencia negativa é a caída das doutoradas e da forza laboral. Dos países que reportan datos, a maioría sinala unha caída significativa de 10-20 puntos porcentuais na transición de mestrías a doutoramentos.[54]
↑Farnham, C. A.The Education of the Southern Belle: Higher Education and Student Socialization in the Antebellum South, NYU Press, 1994, ISBN 0-8147-2615-1
↑Clark, Stuart. The Sun Kings - The Unexpected Tragedy of Richard Carrington and the Tale of How Modern Astronomy Began, Princeton University Press, 2007, pp.140-146;154-162.