Era a única filla de Anacleto Valencia Lama, industrial hostaleiro que en 1910 se trasladou a Vigo coa familia. Realizou os estudos de bacharelato no Instituto de Pontevedra (actual IES Sánchez Cantón).[2] Estudou Maxisterio, para o que se preparou por libre na Academia Minerva. Sen vocación para o ensino, en 1919 comezou os estudos de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela. Licenciouse en 1925,[3] con premio extraordinario e dezanove matrículas de honra.[4] Ese mesmo ano marchou a Madrid facer a tese de doutoramento, que presentou en 1930 co título de La colesterinemia en la sangre en relación con la anestesia quirúrgica[5] dirixida polo doutor Sebastián Recaséns, da Cátedra de Obstetricia.[6]
En 1928 trasladouse a Vigo. Puxo en marcha un consultorio de medicina xeral e xinecoloxía no número 11 da rúa do Príncipe.[7], Alí exerceu a profesión ata a súa xubilación, non exenta de dificultades ao principio pola súa condición de muller. Olimpia mantivo conexión coa investigación e preocupouse por contactar coas técnicas e os avances médicos que se estaban a dar no estranxeiro. En 1929 solicitou unha bolsa á Junta para Ampliación de Estudios para ampliar coñecementos en clínicas xinecolóxicas de Alemaña e Suíza.[5]
Foi unha das fundadoras en 1930 da Academia Médico-Quirúrgica de Vigo, institución da que chegou a ser vicepresidenta (1935).[5] Como investigadora, presentou un relatorio nas I Jornadas Médicas Gallegas, celebradas na Coruña en 1929. En 1934 fixo unha comunicación na Academia de Vigo: La mujer gallega ante el homenaje a Paz Pardo. Tamén foi membro fundadora da Alianza Francesa de Vigo.[8]
Muller de inquietudes culturais e vinculada a Galicia, tivo relación con recoñecidos intelectuais e galeguistas, como Valentín Paz-Andrade, Álvaro das Casas ou Ramón Fernández Mato. Aceptou encabezar en xuño de 1931 un chamamento de apoio á candidatura galeguista da provincia de Pontevedra e outro en xuño de 1936 en prol do SI no Plebiscito do Estatuto de Autonomía de Galicia. Ambos documentos estaban asinados só por mulleres. En febreiro de 1937 foi detida e pasou catro días no cuartel da Garda Civil, acusada de pertencer ao Partido Galeguista e de ter trato con xente de esquerdas.[9] Os bos informes sobre o seu comportamento e un "donativo" conseguiron que saíse en liberdade.[10] Os anos seguintes foron de gran dureza: acusada de "roxa", moitas persoas deixaron de ir á súa consulta. Na década de 1940 conseguiu un posto na Seguridade Social e xubilouse na década de 1960.
Formou parte do comité organizador das Jornadas Médicas Galaico-Portuguesas, celebradas en 1958.[11]
Olimpia Valencia seguiu a traballar con máis de 80 anos na súa consulta particular, na liña dunha vida austera dedicada á profesión e ao estudo. Morreu no verán de 1987.[8]
Foi nomeada filla predilecta de Baltar en 2017.[10]
No edificio onde viviu e tivo a súa consulta foron colocadas dúas placas conmemorativas, unha do Concello de Vigo en 2003 e outra da Irmandade da Sanidade Galega (ISAGA) en 2016.[12]
Na parroquia viguesa de Oia hai unha rúa co seu nome.[14]
En outubro de 2019 a Xunta de Galicia anunciou que o edificio das Seccións da Audiencia dos xulgados de Vigo, cando se trasladen á nova Cidade da Xustiza, no antigo Hospital Xeral, pasaría a ser o centro de saúde "Olimpia Valencia".[15]
↑Gurriarán, Ricardo (2006). Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940). Universidade de Santiago de Compostela. p. 537. ISBN9788497506441.
↑Carballeira, Juan (28 de xaneiro de 1930). "Como trabaja la mujer en Galicia : gallegas insignes". Estampa.