O grafito[1][2] (tamén chamado en ocasións plumbaxina ou chumbo negro) é unha das formas coñecidas nas que se pode presentar o carbono. Outra forma ben coñecida é o diamante. É, polo tanto, un mineral da clase dos elementos navitos cuxa fórmula química é C.
Aspecto
De aspecto metálico e de cor agrisada, o grafito rara vez aparece na súa forma cristalina. Exfóliase con moita facilidade.
Estrutura
No grafito, os átomos de carbono forman capas paralelas, apiladas unhas encima das outras. Detro dunha capa, os átomos de carbono están enlazados a outros tres a unha distancia moi curta. Entre unha capa é outra a distancia de unión é moito maior, e por iso as capas pódense exfoliar tan facilmente unhas das outras.
Propiedades
En dirección perpendicular ás capas, o grafito presenta unha certa condutividade da electricidade, que aumenta ó elevar a temperatura, comportándose deste xeito como un semicondutor. Ó longo das capas a condutividade é moito maior e diminúe ó aumentar a temperatura, comportándose como un condutor eléctrico semimetálico.
Usos do grafito
O grafito é usado basicamente para a fabricación de lapis, ladrillos, crisois, discos parecidos ós de vinilo pero máis resistentes, reactores nucleares, eléctrodos (pola súa condutividade) e pezas de enxeñería (pistóns, xuntas, arandelas, rodamentos).
Pódese obter grafito sintético quentando unha mestura de petróleo e brea de carbón a uns 950 °C durante un tempo que abrangue entre as 11 e as 13 semanas, depositando logo o produto resultante nun forno eléctrico a unha temperatura próxima ós 2.800 °C durante unhas 4 ou 5 semanas. O proceso é, na súa meirande parte, unha técnica a altas temperaturas, pero é tamén un procedemento de refinado, xa que case tódalas impurezas dos óxidos metálicos do carbón en bruto quedan reducidas a metal e acaban por evaporar.
Outros elementos nativos
Existen outros minerais formados exclusivamente por un só elemento. Algúns deles son:
O xofre (S), o cobre (Cu), o ouro (Au) e a prata (Ag). Tamén o diamante é un elemento nativo formado, do mesmo xeito co grafito, unicamente por átomos de carbono (C).
Notas
Véxase tamén
Outros artigos