A estación de Santiago de Compostela é unha estación de tren de Adif situada na cidade de Santiago de Compostela. Ten servizos de longa e media distancia operados por Renfe.
En 2010 recibiu 1.771.974 pasaxeiros, sendo a estación con maior número de viaxeiros de toda Galicia.[1]
A estación atópase no punto quilométrico 378,811 da liña férrea de ancho ibérico que une Zamora e A Coruña a 218 metros de altitude.[2] Tamén forma parte da liña férrea de ancho ibérico que une Redondela con Santiago de Compostela, punto quilométrico 92.[3]
Ademais a estación intégrase na liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia, concretamente no tramos Santiago-Ourense operativo dende 2011[4], e no eixe atlántico de alta velocidade.
A chegada do ferrocarril a Santiago vai unido á primeira liña férrea posta en funcionamento en Galicia que unía Cornes co Carril e que se prolongaría pouco despois ata Pontevedra. Construíuse así a estación de Santiago-Cornes inaugurada o 15 de setembro de 1873 por parte da The West Galicia Railway Company empresa británica que lograra a concesión da liña en 1866 tras comprar a compañía do Ferrocarril Compostelán da Infanta Dona Isabel.[5] En 1928, MZOV absorbeu a compañía inglesa para ser á súa quenda absorbida pola Compañía Nacional dos Ferrocarrís do Oeste un ano despois. En 1941, a nacionalización do ferrocarril en España integrou todas as compañías existente na recentemente creada Renfe.
O 14 de abril de 1943, coa apertura da liña férrea A Coruña-Santiago de Compostela que máis tarde se integraría dentro da liña Zamora-A Coruña, Renfe pechou a estación de Cornes e abriu o actual edificio.[6]
Desde o 31 de decembro de 2004 Renfe Operadora explota a liña mentres que Adif é a titular das instalacións ferroviarias.
O 10 de decembro de 2011 inaugurouse o tramo Santiago de Compostela-Ourense como parte da futura liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia.[4] En abril de 2015 quedou inaugurado o eixe atlántico de alta velocidade que une A Coruña e Vigo pasando por Santiago.[7]
O 24 de xullo de 2013 no lugar de Angrois (Sar), a dous quilómetros da estación tivo lugar o accidente de tren máis grave da historia de Galiza e por vítimas oficiais, tamén o máis grave da historia de España por descarrilamento ferroviario nunha curva fechada por mor, en principio, dunha velocidade excesiva do convoi. Polo menos 80 persoas faleceron no incidente. O pavillón Fontes do Sar utilizouse como tanatorio provisional pola gran cantidade de finados. O medios de comunicación nacionais e internacionais loaron a resposta dos veciños de Angrois, os servizos de Compostela e dos cidadáns de Galiza en xeral por contribuír nos labores de rescate e axuda.[8]
Está situada na zona sueste da cidade, a 1 quilómetro da catedral e da autoestrada AP-9, preto do río Sar.
Fiel ao estilo das estacións da zona o edificio segue o esquema dun pazo. Componse dun pavillón central de dous pisos flanqueado por dúas ás laterais que nos seu extremos posúen dúas torres de planta cadrada. O conxunto é asimétrico dado que mentres unha das torres alcanza os tres pisos, a outra apenas supera a altura das ás laterais. A fachada principal está decorada por un soportal formado por unha galería de cinco arcos frontais e 2 laterais.
Componse de tres plataformas, unha lateral e dúas centrais ás que acceden cinco vías. Todas elas están protexidas por unha marquesiña metálica de dúas vertentes de considerables proporcións e de difícil integración no conxunto. Fóra do seu alcance quedan máis vías de servizo destinadas a carga, apartado ou garaxe. Os cambios de plataforma realízanse grazas a pasos subterráneos.
Conta con atención ao cliente, punto de información, venda de billetes, aseos, cafetería e alugueiro de coches. Toda o recinto está adaptado para as persoas con minusvalía. No exterior atópase un amplo aparcadoiro e unha parada de taxis.
Actualizados a 14 de febreiro de 2023.
Volta: 1 tren Ma-Mér-V-D
Actualizado a 14 de febreiro de 2023