A liña de alta velocidade Olmedo-Zamora-Galicia é unha liña de alta velocidade que conectará Galicia co resto da Península Ibérica. Parte da LAV Madrid-Valladolid á altura de Olmedo e finaliza en Santiago de Compostela.
Atópase en servizo entre Olmedo e Zamora (a vía par dende o 17 de decembro de 2015 e a vía impar dende o 21 de outubro de 2016), e entre Ourense e Santiago (dende o 11 de decembro de 2011), con continuidade ata A Coruña e Vigo a través do eixe atlántico de alta velocidade. Está prevista a inauguración do tramo entre Zamora e Seabra para 2018[1] e entre Seabra e Ourense para 2019.[2]
Para facilitar a explotación de trens que continúan por vía convencional, ten actualmente ancho ibérico de 1.668 mm entre Ourense e Santiago. Cando a liña estea finalizada, cambiarase ao ancho internacional de 1.435 mm, como o resto de liñas de alta velocidade. O trazado está adaptado ás esixencias de interoperatibilidade da Unión Europea. Cando se atope finalizado completamente, contará con dobre vía electrificada a 25 kV e unha velocidade máxima de 350 km/h. Forma parte do Corredor Atlántico da Rede Transeuropea de Transporte.
En 1986 o Goberno de Felipe González, co galego Abel Caballero á fronte do Ministerio de Transportes, deseña o Plan de Transporte Ferroviario, aprobado o 30 de abril de 1987, con obxectivo no ano 2000. Nesta primeira versión non se prevén investimentos ferroviarios para as principais cidades de Galicia. Para reducir os tempos de viaxe, deséñase unha liña de alta velocidade de Madrid a León pasando por Valladolid, con velocidade máxima de 250 km/h. Desde León ata Monforte de Lemos planéase unha reforma da liña existente para aumentar a súa velocidade ata os 160 km/h. Prevese outra reforma, neste caso da liña entre Medina del Campo e Zamora, a 160 km/h.
En plena crise económica de 1993, o Goberno recorta os plans para a liña a Galicia e limita o proxecto de liña de alta velocidade ao tramo Madrid-Valladolid. Descarta construír a longo prazo o tramo de alta velocidade entre Valladolid e León , substituíndoo por unha reforma para alcanzar os 160 km/h nese tramo. Os tramos Monforte-Vigo e Ourense-A Coruña só serían obxecto de actuacións complementarias.
Ao terminar o anterior plan ferroviario no ano 2000, o goberno de José María Aznar lanza un novo e ambicioso plan para levar a alta velocidade a todas as rexións da península, de tal forma que ningunha capital de provincia quede a máis de catro horas de Madrid. As modernizacións a 160 km/h do plan anterior son eliminadas e proxéctase unha nova liña de alta velocidade a Galicia a 300 km/h en todo o seu percorrido, pero non por León, senón mediante un trazado máis directo por Zamora. Desde Ourense, proxéctanse tres ramais de alta velocidade: cara a Lugo, Santiago de Compostela e Vigo. Este último non seguiría o curso do Miño como fai a liña convencional, senón o trazado da autovía A-52.
A partir de 2005, o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero define con exactitude os trazados e usos das liñas de alta velocidade galegas. O traxecto Olmedo-Santiago sería exclusivo de pasaxeiros, como tamén o sería unha solución distinta para conectar Ourense e Vigo, coa variante de Cerdedo. Este by-pass de 54 km entre Ourense e Pontevedra daría servizo a esta cidade, ademais de Vigo, sen que o tren teña que cambiar de sentido como ocorre na actualidade. Dita liña permitiría acurtar os tempos entre Ourense e Vigo, pois sen ela e tendo que dar un rodeo por Santiago, o tren non sería competitivo contra a estrada. O resto das liñas proxectadas serían mixtas, para tráfico de pasaxeiros e mercadorías.
En 2011 ponse en servizo en ancho ibérico o tramo Ourense-Santiago, xunto co tramo Santiago-A Coruña do eixe atlántico.[3] A partir de 2012 circulan trens híbridos Alvia da serie 730 entre Madrid e Galicia, capaces de circular polas liñas de alta velocidade e as estándar non electrificadas sen cambiar de locomotora, a diferenza do Altaria existente ata entón.[4]
A aproximadamente 3 km da estación de Santiago de Compostela e concretamente no punto quilométrico 80,620, á altura de Angrois, tivo lugar o 24 de xullo de 2013 o accidente de Angrois dun tren Alvia con orixe en Madrid-Chamartín e destino Ferrol. Polo menos 79 persoas faleceron e outras 131 resultaron feridas de diversa consideración, sendo este un dos accidentes máis graves da historia ferroviaria de España.[5]
En 2015 entra en servizo o eixe atlántico entre Santiago e Vigo[6] e o tramo de alta velocidade Olmedo-Zamora[7], reducindo os tempos de viaxe.
A liña atópase operativa desde a súa inauguración oficial o 10 de decembro de 2011.[18]