Lendas: UNITED STATES OF AMERICA / LIBERTY / IN GOD WE TRUST / QUARTER DOLLAR.
Os cuartos de dólar America the Beautiful (coñecidos tamén como cuartos de dólar dos parques nacionais) son unha serie de 56 moedas con valor facial dun cuarto de dólar emitidas pola Casa da Moeda dos Estados Unidos entre 2010 e 2021.[1]
O deseño común do anverso desta serie correspóndese co coñecido como cuarto de dólar Washington, creado por John Flanagan en 1923 e adaptado nesta ocasión polo gravador da US Mint William Cousins, en tanto que anualmente se cuñaron cinco reversos diferentes, cada un dos cales conmemora un sitio natural ou histórico dos Estados Unidos coa consideración de parque nacional, lugar histórico nacional ou bosque nacional. A orde en que foron emitidos correspóndese coa da data en que cada lugar acadou a declaración de sitio nacional.[1][2]
O programa dos cuartos de dólar America the Beautiful foi autorizado pola Lei Pública 110-456, do 23 de decembro de 2008, asinada polo presidente George W. Bush.[3]
Ao longo da existencia desta serie, ocupáronse da súa produción catro cecas da Casa da Moeda dos Estados Unidos, cada unha das cales imprimiu a súa particular marca de ceca no anverso das moedas, á dereita do busto de Washington, debaixo do lema IN GOD WE TRUST.[1][4]
As moedas cuñadas na Ceca de Filadelfia e na Ceca de Denver —as máis habituais no que a moedas circulantes se refire— correspóndense coas marcas de ceca "P" e "D", respectivamente.[1][4]
En 2010 e en 2011, a Ceca de San Francisco ("S") produciu moedas co acabamento especial proof —fondo espello e relevo mate— non destinadas á circulación senón ao coleccionismo numismático, e todas elas pasaron a formar parte dos estoxos de presentación anuais. A partir de 2012, a Ceca de San Francisco continuou coa cuñaxe das mesmas moedas que se producían en Filadelfia e en Denver, xa co acabamento estándar mais igualmente destinadas á venda aos coleccionistas e non á súa posta en circulación.[2][5]
O 2 de abril de 2019, a Casa da Moeda dos estados Unidos anunciou que a Ceca de West Point produciría dez millóns de cuartos de dólar desta serie (dous millóns de cada un dos cinco deseños anuais) coa súa marca de ceca "W", tanto en 2019 como en 2020. Era a primeira vez que esta marca de ceca aparecía sobre unha moeda posta en circulación.[2][6][7]
En 2020 o anverso común da serie viuse alterado nas moedas cuñadas na Ceca de West Point, co engadido da marca V75 á esquerda do busto de Washington, con motivo de conmemorar o 75º aniversario da vitoria dos aliados e a fin da segunda guerra mundial. Esta marca aparece inscrita dentro dunha cartela que reproduce o contorno da Rainbow Pool ("Piscina do Arco da Vella") do Memorial Nacional á segunda guerra mundial, en Washington.[8][9]
A escolla dos deseños dos reversos de cada cuarto de dólar desenvolveuse mediante a cooperación entre a Casa da Moeda dos Estados Unidos e a entidade federal responsable da supervisión, a xestión ou conservación de cada lugar nacional.[1][2]
As propostas de deseño foron revisadas pola Comisión de Belas Artes, polo Comité Consultivo Cidadán sobre a Moeda, polo gobernador de cada estado ou territorio e polo secretario do Interior. Finalmente, os deseños dos 56 parques e sitios nacionais foron seleccionados polo secretario do Tesouro dos Estados Unidos, tendo en conta a recomendación da US Mint e as opinións recibidas ao longo do proceso.[1][2]
Para a decisión final, o secretario do Tesouro dispuña dun prazo de 270 días a partir da promulgación da lei que autorizara o programa. O 9 de setembro de 2009 deuse a coñecer a listaxe de lugares que se incluirían no programa.[10] Tamén se estableceu a orde de emisión, con base na orde en que os sitios escollidos foran designados polo Goberno federal como "sitios nacionais".[2]
Na seguinte táboa reflíctense os reversos específicos de cada un dos cuartos de dólar da serie America the Beautiful, así como os datos máis salientables de cada moeda:[1][4]
A lei de 2008 pola que se creaba o programa dos cuartos de dólar America the Beautiful dáballe ao secretario do Tesouro a posibilidade de continuar cunha segunda rolda con outras 56 modas dedicadas aos parques nacionais,[3] mais Steven Mnuchin rexeitou esa opción. Consonte a lei, logo da finalización do programa en 2021, o anverso da moeda dun cuarto de dólar volvería a ser exactamente o deseñado por Flanagan e utilizado desde 1932 ata o inicio da serie de cuartos de dólar dos 50 estados en 1999. O 30 de marzo de 2001 anunciouse o cesamento das cuñaxes da serie America the Beautiful[71] e de inmediato comezou a cuñarse o novo cuarto de dólar, co xa citado anverso e cun reverso redeseñado que amosa a Washington cruzando o río Delaware.[72]
Finalmente, coa aprobación da Lei de Redeseño de Moedas Circulantes de Colección en 2021 (Lei Pública 116-330, do 13 de xaneiro), estableceuse un novo calendario de programas de moedas dun cuarto de dólar circulantes conmemorativas, que comeza coa serie American Women (2022-2025),[74] a dedicada ao 250º aniversario dos Estados Unidos (2026) e outra serie dedicada aos deportes xuvenís (2027-2030).[75]
No seguinte mapa amósanse os anos nos que a moeda dun cuarto de dólar conmemorou cada parque nacional ou sitio nacional, así como o estado ou territorio ao que este pertence:
A táboa seguinte reflicte os cuartos de dólar agrupados por ano de emisión e, dentro de cada ano, a orde do seu lanzamento. As cores correspóndense coas do mapa anterior, para facilitar a localización dos grupos por estados ou territorios