En 1967 graduouse en Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela coa memoria de licenciatura Vocabulario del Valle del Suarna, e doutorouse en 1973 coa tese El habla del valle de Suarna, dirixida polo profesor Constantino García, sobre os dialectos orientais do galego e en concreto da lingua falada en San Martín de Suarna.
Profesor adxunto interino desde 1967[1], compaxinou o cargo de profesor da Universidade de Santiago, por oposición desde 1975, co de secretario do Instituto da Lingua Galega entre 1971 e 1991. En 1991 foi elixido polo consello científico director do Instituto da Lingua Galega, deixando este cargo no 2005.
En 1983 gañou a cátedra de Filoloxía Románica en Cádiz pero permaneceu na Universidade de Santiago, obtendo a cátedra nesta en setembro dese mesmo ano. Entre 1992 e 1997 foi vicepresidente do Consello da Cultura Galega.
Xa en 1971, xunto a Guillermo Rojo, Ramón Lorenzo e José Luis Couceiro, publicou os libros de texto Galego 1, 2 e 3 (1971-1974). Neste último ano comezou a dirixi-la revista Verba. Anuario galego de Filoloxía, desde o primeiro número ata o nº 13, en 1986, data na que pasou a se-lo Secretario desta publicación.
Desde 1986 dirixe desde o ILG o Tesouro Informatizado da Lingua Galega, unha base de datos con máis de once millóns (11 409 358 en novembro de 2007) de rexistros extraídos de textos publicados desde 1612 á actualidade.
Dirixiu o Dicionario de Dicionarios, editado en 2000 en formato electrónico polo Instituto da Lingua Galega e a Fundación Barrié, patrocinado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. A terceira edición (2003) contén máis de 300.000 entradas extraídas de 25 dicionarios e vocabularios editados ou inéditos, así como de textos de Martín Sarmiento.
Notas
↑VV.AA. (2008). Cada palabra pesaba, cada palabra medía: homenaxe a Antón Santamarina. Universidade de Santiago de Compsotela, páx. 20.
↑Sen esquecer a súa dirección na versión anterior do VOLGa, inédita e que circulara anos atrás como fotocopia en mans de tódolos que traballaban na lingüística en Galicia.