As Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego (NOMIG) son o documento en que se plasmou o acordo entre a Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega en materia de unificación ortográfica e morfolóxica.
A elaboración das normas fíxose atendendo aos seguintes principios:
- A proximidade entre a lingua escrita e a lingua oral popular ha de ser máxima, para ser continuadora da lingua viva, pero tamén ten que depurar as interferencias producidas pola presión do español.
- O galego normativo ten que servir para a expresión de todas as persoas en todos os usos comunicativos e, xa que logo, ha de ser supradialectal e representativo da diversidade dos falantes.
- A lingua moderna debe enraizar coa tradición escrita antiga e recente e debe dar preferencia ás formas tradicionais en detrimento das innovadoras.
- As escollas normativas deben ser harmónicas coas das outras linguas, especialmente coas romances en xeral e coa portuguesa en particular, que é considerado recurso fundamental para o léxico culto.
Evolución
A primeira edición das Normas foi aprobada o 3 de xullo de 1982, en sesión conxunta da Real Academia Galega e o Instituto da Lingua Galega.
En 1995 publicouse unha reedición das Normas que introduciu pequenas modificacións puntuais e cubría algunhas das lagoas que se detectaran na edición de 1982. Esta modificación foi aprobada polo Instituto da Lingua Galega o 11 de novembro de 1994 e pola Real Academia Galega o 25 de febreiro de 1995.
Finalmente, en 2003 publicouse unha terceira versión que modificaba en profundidade as Normas anteriores. Con esta reforma buscábase un acordo entre as diferentes tendencias normativas existentes nese momento, máis ou menos confrontadas. Con este obxectivo de concordia, introducíronse propostas doutras normativas e incluíronse solucións dobres. Para a redacción destas novas Normas, a Academia creou unha Comisión na que estaban representados os departamentos de Filoloxía Galega das tres Universidades de Galicia, ademais do Instituto da Lingua e a propia Academia. O texto final foi aprobado pola Real Academia en sesión plenaria celebrada o 12 de xullo de 2003 e publicado en decembro dese mesmo ano, malia que Edicións do Cumio xa as publicara o 17 de novembro, baixo o título de As normas ortográficas e morfolóxicas da lingua galega. Actualizacións, complementos e desviacións. A Real Academia esixiulle que retirase a publicación por non dispor de ningunha propiedade sobre o texto nin autorización para facelo, pero Cumio fixo caso omiso[1].
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas