Wikipedia en chinés (chinés tradicional: 中文維基百科, chinés simplificado: 中文维基百科, pinyin: wéijī bǎikē) é a edición en idioma chinés de Wikipedia. Foi iniciada o 11 de maio de 2001.[1]
Esta versión da enciclopedia contén 1.456.638 artigos e 3.639.840 usuarios, dos cales 6.970 son activos.[2]
Nome
O nome da versión chinesa de Wikipedia (chinés tradicional: 維基百科, chinés simplificado: 维基百科, pinyin: wéijī bǎikē, literalmente "enciclopedia wiki") decidiuse o 21 de outubro de 2003, tras unha votación. A transcrición ao chinés do termo "wiki" consta de dous caracteres: wéi (t. 維, s. 维), cuxo significado orixinal como morfema chinés é o de "rede de pescar" ou "fibra", utilizado aquí en alusión a Internet; e jī (基), que significa "base" ou "fundamento". A segunda parte do nome, bǎikē (百科), é abreviatura da palabra chinesa "enciclopedia" bǎikē quánshū (t. 百科全書, s. 百科全书), que significa literalmente "libro completo dos cen (é dicir, múltiples) materias".
Ademais de wéijī (t. 維基, s. 维基), propuxéronse outras transcricións en caracteres chineses para o concepto tecnolóxico de "wiki", tales como wéikè (t. 維客, s. 维客) ou wéijì (t. 圍紀, s. 围纪). Os proxectos da fundación Wikimedia utilizan sempre a primeira forma, polo que no uso actual en chinés, o termo wéijī adoita asociarse a Wikimedia.
A Wikipedia en chinés utiliza tamén un subtítulo en chinés clásico: Hǎi nà bǎi chuān, eǒou róng nǎi dà (t. 海納百川,有容乃大, s. 海纳百川,有容乃大), que significa "O mar recibe a cen ríos, e a todos acólleos. Tal é a súa grandeza". Este símil entre o mar e a inmensidade do coñecemento humano utiliza tamén o numeral 100 como sinónimo de "numeroso", recurso moi habitual en chinés, e é a primeira metade dun famoso pareado composto polo funcionario e poeta da dinastía Qing Lin Zexu.
Comunidade
A Wikipedia en chinés reúne a participantes de orixes moi diversas. Segundo estatísticas de marzo de 2005, un 46% dos usuarios conéctanse desde a China continental, un 22% desde América do Norte, un 12% desde Taiwán, un 9% desde Hong Kong, un 3% desde o Xapón, un 3% desde Europa, un 2% desde o sueste asiático e un 3% desde outras partes do mundo.
As áreas de coñecemento con maior desenvolvemento en Wikipedia en chinés corresponden a temas de historia, cultura e xeografía da China. A presenza dispar das novas tecnoloxías informáticas nas diferentes rexións de lingua chinesa explica que a profundidade dos artigos sobre Hong Kong, Taiwán, Macau e Singapur, así como sobre as rexións costeiras da China continental, sexa moi superior á de artigos sobre as zonas menos desenvolvidas economicamente da China, das que proceden moi poucos usuarios.
Os temas que provocan máis conflitos e discusións son aqueles directamente relacionados coa política chinesa e as relacións entre Taiwán e a República Popular. Por exemplo, os artigos sobre o independentismo taiwanés ou sobre as protestas da Praza de Tian'anmen de 1989 provocaron moitas guerras de edicións e bloqueos de páxinas. Especialmente problemáticos foron os artigos sobre o movemento Falun Gong dada a diversidade de opinións respecto deste grupo, moi crítico co Partido Comunista da China, e considerado unha seita destrutiva polos seus detractores e un movemento espiritual pacífico polos seus defensores. A diferenza do que ocorre con estes temas directamente relacionados coa China, outros asuntos de ámbito internacional que foron motivo de disputas e guerras de edicións noutras edicións de Wikipedia, como o conflito árabe-israelí, apenas suscitaron problemas na versión chinesa de Wikipedia.
Xunto co punto de vista neutral, Wikipedia en chinés tenta evitar o sinocentrismo habitual en moitas enciclopedias impresas chinesas. Por iso, en prol dunha descrición neutral, evítanse termos como wǒ guó (t. 我國, s. 我国), "o noso país", forma habitual de referirse á China, ou běn gǎng (本港), "este porto", expresión utilizada con frecuencia para referirse a Hong Kong na prensa dese territorio.
En marzo de 2006, Wikipedia en chinés contaba con 65 bibliotecarios: 23 establecidos na China continental, nove nos Estados Unidos, oito en Hong Kong, oito en Taiwán, seis no Canadá, dous no Reino Unido, un en Singapur, un en Francia, un en Alemaña, un en Malaisia, un no Xapón, e catro en localidades non especificadas.
Até a data, os wikipedistas chineses organizaron as seguintes reunións:
Conversión automática entre caracteres simplificados e tradicionais
Situación inicial
A existencia de dous sistemas estándar de escritura do chinés, o chinés simplificado e o chinés tradicional, levou nun primeiro momento á creación de dúas versións diferentes de Wikipedia en lingua chinesa, baixo os códigos "zh-cn" e "zh-tw". Polo xeral, os usuarios da China continental utilizaban a versión en chinés simplificado, mentres que os usuarios de Hong Kong, Macau e Taiwán utilizaban a versión en chinés tradicional. Aínda que algúns usuarios tentaban manter sincronizadas as versións dos artigos en ambas as wikipedias, a falta de coordinación e de comunicación directa entre as dúas wikipedias facía difícil manter os artigos sincronizados, e a diverxencia entre ambas as versións ía en aumento.
Solución
Para evitar esta fragmentación dos esforzos por escribir unha Wikipedia en lingua chinesa, en xaneiro de 2005 introduciuse un mecanismo mediante o cal unha ferramenta de software instalada nos servidores permite a conversión automática entre ambos os sistemas de caracteres. Os usuarios non rexistrados poden ler todos os artigos en versión simplificada, tradicional ou na forma orixinal, na que poden aparecer ambos os sistemas mesturados debido ás edicións de diferentes usuarios. Un sistema de tres pestanas na parte superior dos artigos permite cambiar a versión. Os usuarios rexistrados poden elixir o tipo de caracteres que desexan nas súas preferencias persoais, co que ven todo o texto nun único sistema.
A conversión entre ambos os estándares é un problema técnico complexo, pois ás veces a relación entre caracteres de ambos os sistemas non é biunívoca (por exemplo, o carácter simplificado 后 pode corresponder a dous caracteres tradicionais, 后 ou 後, dependendo do contexto). Tamén hai transcricións de nomes propios estranxeiros que son diferentes na China continental e en Taiwán, Hong Kong e Macau. A conversión efectúase a través dunhas táboas de equivalencias que poden ser editadas polos bibliotecarios. Ademais, o propio software de MediaWiki permite indicar manualmente, mediante códigos nos propios artigos, diferenzas entre ambos os sistemas, de modo que un determinado carácter se visualice dunha maneira na versión simplificada e doutra maneira na versión tradicional.
Estas diferenzas entre estándares dan lugar a catro opcións para as preferencias de usuario:
- zh-cn (China continental, caracteres simplificados co léxico propio desta rexión)
- zh-sg (Singapur, caracteres simplificados co léxico propio desta rexión)
- zh-tw (Taiwán, caracteres tradicionais co léxico propio desta rexión)
- zh-hk (Hong Kong e Macau, caracteres tradicionais co léxico propio destes territorios)
Os títulos das páxinas están sometidos a un sistema de redirección automática, polo que os usuarios poden buscar os artigos de maneira indistinta en caracteres simplificados ou tradicionais.
A outra principal enciclopedia chinesa en Internet, Baidu Baike, mencionada máis adiante neste artigo, utiliza exclusivamente o sistema estándar de caracteres simplificados da China continental, segundo o estándar de codificación "GB 2312" para chinés simplificado, a diferenza de MediaWiki, que utiliza "UTF-8".
Historia
Wikipedia en chinés foi creada en maio de 2001 xunto con outras doce versións de Wikipedia, aínda que permaneceu sen artigos durante moitos meses.
En outubro de 2002 o usuario Ghyll (posteriormente renomeado a zh:User:Mountain) escribiu a primeira páxina en lingua chinesa: a portada. Mountain foi tamén o primeiro usuario rexistrado en Wikipedia en chinés. Unha actualización de software o 27 de outubro de 2002 pasou a permitir a introdución directa de texto en chinés desde teclado. O 17 de novembro de 2002, Mountain traduciu o artigo en:Computer Science da Wikipedia en inglés, creando zh:计算机科学, o primeiro artigo enciclopédico da Wikipedia en chinés.
Nos seus primeiros momentos, a maior parte dos artigos da Wikipedia en chinés eran traducidos da versión en inglés de Wikipedia. Os primeiros cinco bibliotecarios zh:User:Samuel, zh:User:Menchi, zh:User:Lorenzarius, zh:User:Formulax e zh:User:Shizhao foron nomeados o 14 de xuño de 2003. Shizhao, ademais de encargarse de tarefas de mantemento, tivo un papel destacado no levantamento do primeiro bloqueo que sufriu Wikipedia na China continental, en xuño de 2004.
A primeira mención a Wikipedia na prensa da China continental foi no Diario de formación informática da China (中国电脑教育报) o 20 de outubro de 2003 nun artigo titulado "Eu tamén vou escribir unha enciclopedia" (我也来写百科全书). O 16 de maio de 2004, apareceu a primeira mención coñecida nun dos principais diarios de Taiwán, nun artigo no China Times (中國時報). Desde entón, foron numerosas as referencias a Wikipedia nos medios de comunicación, e varios bibliotecarios foron entrevistados por xornalistas.
Bloqueo de Wikipedia
A República Popular da China e os provedores de servizos de Internet manteñen unha política de bloqueo de sitios web cuxos contidos poidan violar leis nacionais ou ameacen a seguridade do Estado. Isto inclúe sitios web con contidos de pornografía ou violencia, pero tamén páxinas con contidos políticos e de información. Os sitios web de Wikimedia foron sometidos a bloqueo en todo o territorio da República Popular da China, excepto Hong Kong e Macau, polo menos en catro ocasións.
O primeiro bloqueo transcorreu entre o 2 e o 21 de xuño de 2004. Comezou cando o acceso a Wikipedia en chinés desde Pequín foi bloqueado durante o 15º aniversario das protestas da Praza de Tian'anmen de 1989.
Posiblemente en relación con este mesmo feito, o 31 de maio publicouse un artigo do servizo de noticias IDG News Service, no que se discutía o tratamento dado no artigo de Wikipedia ás protestas de 1989. Mencionábase tamén a presenza en Wikipedia de artigos sobre o independentismo taiwanés, aos que poden contribuír, sen ningún tipo de restrición, usuarios de Taiwán e outras partes do mundo. Varios días despois do bloqueo de Wikipedia en chinés, interrompeuse o acceso desde a China continental a todos os proxectos de Wikimedia. En resposta a esta situación, dous bibliotecarios prepararon unha solicitude para pedir que se levantase o bloqueo. Esta solicitude foi presentada aos seus provedores de Internet para que lla fixesen chegar ás autoridades. Entre o 17 e o 21 de xuño de 2004, as páxinas de Wikimedia volveron estar accesibles desde toda China.
Este primeiro bloqueo afectou á vitalidade de Wikipedia en chinés, que sufriu descensos en varios parámetros estatísticos[3], tales como a incorporación de usuarios novos, o número de artigos novos e o número de edicións de artigos. Nalgúns casos, necesitáronse entre seis e doce meses para volver ás cifras de maio de 2004.
A segunda suspensión do acceso a Wikipedia, menos importante que a anterior, desenvolveuse entre o 23 e o 27 de setembro de 2004. Durante estes catro días, o acceso a Wikipedia foi inestable ou inexistente para moitos usuarios na China continental. En todo caso, este bloqueo non tivo o carácter sitemático do primeiro e algúns usuarios non chegaron a verse afectados polo mesmo. A razón concreta deste bloqueo é descoñecida, pois neste caso non coincidiu con ningunha efeméride nin con ningunha polémica concreta. Algúns wikipedistas chineses comezaron a preparar unha nova petición dirixida ás autoridades, pero a continuación do acceso normal en só catro días fixo innecesaria a iniciativa.
O terceiro bloqueo comezou o 19 de outubro de 2005, e prolongouse até o 10 de novembro de 2006 para Wikipedia en chinés, mentres que os demais sitios de Wikimedia, como as versións de Wikipedia noutras linguas, pasaron a estar accesibles un mes antes, o 10 de outubro.[4] Nun principio pensouse que podía tratarse dun bloqueo breve, como os anteriores, pero o transcurso dos meses fixo temer que as autoridades chinesas non tivesen intención de permitir o acceso a Wikipedia a curto prazo. A liberdade de edición de artigos e a accesibilidade desta a persoas en todo o mundo fan que a información de Wikipedia non pase polas canles de control a que están sometidos os medios impresos tradicionais na República Popular da China, e este carácter de Wikipedia pode ser interpretado como contrario ás leis sobre información do Estado. En calquera caso, na República Popular da China non houbo nunca ningún recoñecemento oficial destes bloqueos dos sitios de Wikimedia. Como no caso doutros casos significativos de censura, como o da páxina web británica BBC News, a inaccesibilidade destas páxinas é confirmada por usuarios de Internet na China, pero non hai ningunha explicación oficial sobre estes bloqueos.
Apenas unha semana despois do levantamento do bloqueo da Wikipedia en chinés, e despois de que os medios de comunicación fóra da China dedicasen unha grande atención ao aparente cambio de actitude das autoridades chinesas, o 17 de novembro de 2006 renovábase o bloqueo, de novo total, de todos os sitios web da fundación Wikimedia. A falta de explicacións oficiais fan imposible saber se o levantamento do bloqueo e a súa posterior continuación debéronse a causas políticas ou a cuestións técnicas.
Baixo o bloqueo, os usuarios máis activos conseguen conectarse a Wikipedia en chinés a través de servidores proxy que eluden os filtros postos en marcha polos provedores chineses de Internet. A falta de acceso directo, con todo, freou a incorporación de novos usuarios á Wikipedia en chinés, e mantén alta a proporción de usuarios doutros territorios, como Taiwán e Hong Kong, no proxecto. A incorporación de usuarios disparouse durante a breve paréntese no último bloqueo.[5][6]
Informouse que desde abril de 2008 Wikipedia foi desbloqueada na China continental, salvo a versión en Chinés que comezou a estar dispoñible no país desde xullo de 2008.[7]
Bǎidù Bǎikē
Durante o período no que o acceso ás páxinas de Wikimedia estaba bloqueado na China continental, o buscador de Internet Baidu, un dos máis populares na China continental, lanzou unha enciclopedia en liña cuxos artigos poden ser editados por usuarios rexistrados. O nome desta enciclopedia é Bǎidù Bǎikē (百度百科), nome ás veces traducido ao español e a outras linguas europeas como Baidupedia, pois combina o nome do buscador, bǎidù (百度, "cen graos"), co termo bǎikē (百科), que forma parte da palabra chinesa para "enciclopedia".
O proceso de edición de Bǎidù Bǎikē é moi diferente, con todo, ao de Wikipedia, xa que as edicións deben ser revisadas por administradores do sistema antes de que sexan incorporadas ao texto dos artigos. O sistema non é, por iso, un sistema wiki.
Bǎidù Bǎikē foi posta en marcha o 20 de abril de 2006, e en poucos días superou o número de artigos de Wikipedia en chinés. Moitos usuarios chineses de Wikipedia acusaron a Bǎidù Bǎikē de copiar artigos enteiros de Wikipedia sen recoñecer a orixe do texto, en violación da licenza GFDL. Ademais, nos artigos de Bǎidù Bǎikē é difícil atopar mencións a temas controvertidos, e o sistema vólvese automaticamente inaccesible cando se fan procuras de termos como "democracia" ou "Falun Gong". Isto último foi tamén confirmado por usuarios fóra da China.
Datas clave
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
|
---|
+ 6.000.000 | |
---|
+ 2.000.000 | |
---|
+ 1.000.000 | |
---|
+ 500.000 | |
---|
+ 200.000 | |
---|
+ 100.000 | |
---|
+ 50.000 | |
---|
+ 10.000 | |
---|
+ 1.000 | |
---|
+ 100 | |
---|
Pechadas | |
---|