Baidu, Inc. (百度公司) é unha empresa chinesa establecida o 18 de xaneiro de 2000 como unha compañía de servizos web con sede en Pequín[1]. Ofrece múltiples servizos, o máis recoñecible é o motor de busca en lingua chinesa para sitios web, ficheiros de son e imaxes, pero en total son 57 os servizos que ofrece, entre eles Baidu Baike, unha enciclopedia colaborativa en liña e en chinés[2]. Os seus fundadores foron Robin Li e Eric Xu que lograron convertela nun dos principais referentes de Internet, situando a Baidu na quinta posición mundial no índice Alexa[3]. Consonte a política de censura de Internet na China, Baidu filtra o material controvertido nos seus resultados, cunha longa lista de sitios webs bloqueados e temas censurados nas buscas de Baidu[4]. Baidu Japan non aplica a censura pero o sitio está bloqueado na China [5].
Historia
Primeiros pasos
Entre 1994 e 1997 Robin Li traballou en IDD Information Services en Nova Jersey, unha división de Dow Jones and Company, alí realizou tarefas de desenvolvemento de software para a edición dixital de The Wall Street Journal[6] e na mellora de algoritmos para os motores de busca. Entres estaba en IDD, Li desenvolveu RankDex, o seu propio algoritmo para indexar os contido de Internet segundo a calidade dos sitios webs[7][8][9] que patentou [10]. Esa foi a base sobre a que no ano 2000 xunto con Eric Xu fundou Baidu, que tivo a súa primeira oficina nun cuarto de hotel en Pequín. No ano 2003, Baidu lanzou un motor de busca de novas e imaxes, adoptando unha tecnoloxía de identificación especial, que era quen de identificar e agrupar os artigos[11].
Consolidación
No ano 2006 Baidu trataba máis de 740 millóns de páxinas, 80 millóns de imaxes e 10 millóns de ficheiros multimedia[12].
En decembro de 2007 converteuse na primeira compañía chinesa en ser incluída no índice NASDAQ-100[13]. En pleno crecemento a empresa pasou de 6000 empregados en 2006 a 10.000 en 2010.
En 2011Microsoft e Baidu estableceron un acordo nas buscas por Internet, que permitía ao motor de buscas do primeiro, Bing, entrar no mercado chinés e a Baidu internacionalizar as súas actividades. No primeiro cuarto de 2012 Baidu tiña o 78.6% dos ingresos no mercado de buscas na China[14]. En 2012, diversificando aínda máis os seus produtos, lanzou un teléfono intelixente de baixo custe, o Changhong H5018.[15]
Servizos
Baidu ofrece múltiples servizos[16] para localizar información, produtos e servizos utilizando termos en lingua chinesa, permitindo as buscas por fonética chinesa, buscas avanzadas, correctores, novas, imaxes, vídeo, mapas, tempo, horarios de trens e avións e moita información local. O axente de usuario do motor de busca de Baidu search é baiduspider.[17][18]. Entre os máis coñecidos servizos que ofrece están:
Baidu Japan, o seu servizo de buscas en lingua xaponesa, o primeiro servizo regular da empresa fóra da China [20], inclúe unha caixa de buscas para sitios webs e imaxes, axuda ao usuario e servizo de buscas avanzadas[21]
Baidu Tieba, unha comunidade en liña para intercambiar ideas e compartir coñecemento e experiencias.
Baidu News, dispón de ligazóns cara a unha selección de novas locais, nacionais e internacionais, presentando novas historias nun formato que permite as buscas logo duns minutos da súa publicación na web, tamén dispón dunha licenza do goberno que lle permite realizar os seus propios artigos de prensa.[22]
Baidu Zhidao (百度知道), unha comunidade de usuarios rexistrados que poden preguntar cuestións específicas e responder ás realizadas por outros usuarios.
Baidu Music, fornece ligazóns xeradas por algoritmo a cancións e outros arquivos multimedia de provedores de contido de Internet, principalmente de música pop chinesa. Baidu comezou ofrecendo unha lista de música chinesa pop, Baidu 500, baseada no número de descargas. Baidu localiza MP3, WMA e SWF. Aínda que os temas están suxeitos a copyright segundo a lei chinesa, Baidu afirma que esas ligazóns non infrinxen a lei. Outros motores de busca, como Google China (Hong Kong), seguiron a práctica e usan unha compañía intermediaria, Top100, para ofrecer un servizo semellante de busca MP3.
Baidu Hitao o servizo de rede social de Baidu, que permite aos usuarios rexistrados crear páxinas personalizas[23] e establecer as súas propias comunidades de amigos. En xullo de 2009 tiña 100 millóns de usuarios rexistrados.
Baidu Baike, a principal enciclopedia chinesa en número de usuarios e páxinas vistas/tráfico web e a segunda por número de artigos logo de; Hudong.
↑Infoniac.com, ed. (23 de marzo de 2007). "China's Google in Japan". Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2007. Consultado o 19 de maio de 2014.