O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade en Camboxa, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. Camboxa ratificou a conveción o 28 de novembro de 1991.[3]
Camboxa conta con tres lugares clasificados como Patrimonio da Humanidade. Angkor foi incluído na lista en 1992 cando o país estivo brevemente gobernado pola misión das Nacións Unidas despois da guerra camboxano-vietnamita, en liña cos Acordos de Paz de París de 1991. O sitio foi clasificado inmediatamente na Lista do Patrimonio Mundial en Perigo co fin de afrontar con rapidez e eficiencia os problemas urxentes de conservación.[4] En 2004, Angkor foi eliminado da lista en perigo.[5] O Templo de Preah Vihear foi incluído en 2008, Sambor Prei Kuk en 2018 e Koh Ker en 2023.[3] Os catro sitios son culturais.
Ademais dos sitios inscritos na lista do Patrimonio da Humanidade, os estados membros poden manter unha lista de sitios provisionais que poden considerar para ser nomeados. Só se aceptan candidaturas para a lista do Patrimonio da Humanidade se o sitio figuraba previamente na lista provisional.[11] Camboxa conta con sete lugares na súa lista de candidatos.[3]