Localización dos sitios da República do Congo na lista do Patrimonio Mundial.
O Patrimonio da Humanidade da Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura (UNESCO) componse de lugares de importancia para o patrimonio cultural ou natural descritos na Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO, estabelecida en 1972.[1] O patrimonio cultural está formado por monumentos (como obras arquitectónicas, esculturas monumentais ou inscricións), grupos de edificios e ruínas (incluíndo sitios arqueolóxicos). As paisaxes naturais (constituídas por formacións físicas e biolóxicas), as formacións xeolóxicas e fisiográficas (incluíndo os hábitats de especies de animais e plantas ameazadas) e os lugares naturais que son importantes dende o punto de vista da ciencia, a conservación ou a beleza natural, defínense como patrimonio natural.[2] Esta é unha lista do Patrimonio da Humanidade na República do Congo, especificamente clasificada pola UNESCO e elaborada de acordo con dez criterios principais, cuxos puntos son xulgados por especialistas na área. A República do Congo, país do golfo de Guinea cuxo legado cultural está marcado pola presenza histórica dos pobos bantús, ratificou a convención o 10 de decembro de 1987, convertendo os seus lugares en elixíbeis para a súa inclusión na lista.[3]
O sitio trinacional de Sangha (compartido co Camerún e a República Centroafricana) foi o primeiro lugar da República do Congo incluído na lista do Patrimonio da Humanidade da UNESCO, inscrito na 36ª Sesión do Comité do Patrimonio Mundial, realizada en San Petersburgo (Rusia) en 2012.[4] A República do Congo conta con dous lugares Patrimonio da Humanidade, sendo ámbolos dous de clasificación natural.
Datos da UNESCO: o número de referencia do sitio; o ano en que o xacemento foi inscrito na Lista do Patrimonio Mundial; os criterios nos que apareceu: os criterios de (i) a (vi) son culturais, mentres que de (vii) a (x) son naturais.[5]