O Mueso do Banco Nacional de Bélxica (en francés: Musée de la Banque nationale de Belgique; en neerlandés: Museum van de Nationale Bank van België) é un museo numismático sito en Bruxelas que se constitúe como un departamento do Banco Nacional de Bélxica.
O museo amosa unha visión global da historia da moeda belga e do resto do mundo desde a práctica do troco ata o actual sistema do euro. Do mesmo xeito, nas súas instalacións explícanse as funcións e as tarefas do Banco Nacional de Bélxica.
Desde 1982, o Banco Nacional de Bélxica posuía un museo que ata 2013 estivo situado na rue du Bois Sauvage, nun edificio que xa era propiedade do banco desde a súa primeira expansión en 1865. En 2013 cambiou a súa sede a outro edificio no Boulevard du Berlaimont, onde estivo ata o 1 de xullo de 2017, cando pechou as súas portas.[1][2]
O 1 de xaneiro de 2018 inaugurouse o novo Museo do Banco Nacional de Bélxica, no antigo edificio renovado na rúa Warmoesberg, do século XIX, onde xa tiña a sede a biblioteca do banco.[3]
O museo contén obxectos que ilustran a vida financeira, económica e monetaria: billetes de banco, moedas, deseños e esbozos, pinturas, moblaxe bancaria, instrumentos de medida, balanzas, arquivos, fotografías, etc. Estas coleccións poden ser utilizadas por particulares, investigadores e outras institucións.[4]
O edificio que alberga o Museo do Banco Nacional de Bélxica construíuse entre 1872 e 1874 para a Union du Crédit (rebautizada en 1901 como Union du Crédit de Bruxelles), un banco fundado en 1848 por Jonathan Bischoffsheim. O arquitecto encargado do seu deseño foi o belga Désiré de Keyser (1823-1897), que o concibiu cun estilo clásico, aínda que previu unha técnicas de construción modernas. As esculturas da súa fachada son obra do decorador francés Georges Houtstont (1832-1912), habitual colaborador de proxectos arquitectónicos en Bruxelas. O barrio onde se ergueu o edificio estaba preto dos bulevares máis transitados da cidade e estaba a experimentar un notable renacemento comercial.[11][12][13]
Logo dun longo período de actividade como banco independente, a Union du Crédit de Bruxelles foi absorbida en 1969 por United California Bank, que instalou unha filial no edificio. Pola súa banda, en 1979, o Banco Nacional de Bélxica adquiriu o inmoble, así como outros edificios adxacentes, para situar a súa sede central, e entre 2004 e 2009 levou a cabo importantes traballos de restauración.[11][12][13]
As caixas de seguridade situadas nos sotos constitúen un patrimonio bancario único. As dúas bóvedas onde se instalaron foron restauradas mantendo os seus trazos orixinais, de xeito que as caixas fortes ocupan tres laterais de cada unha das bóvedas.[11]