Kenya ten un clima cálido, húmido e tropical na liña costeira do océano Índico. O clima é máis frío nas sabanas arredor da capital, Nairobi, e especialmente preto do monte Kenya, que ten neve de forma permanente no seu cumio. Máis no interior, na provincia de Nyanza, hai un clima quente e seco que se converte en húmido arredor do Lago Vitoria, o meirande lago tropical de auga doce do mundo. O lago dá paso ás zonas montañosas temperadas e boscosas da veciña rexión occidental. As rexións do nordés na fronteira con Somalia e Etiopía son áreas áridas e semiáridas case desérticas. Kenya é tradicionalmente famoso polos seus safaris, o clima e a xeografía diversos e polas súas grandes reservas e parques nacionais, como Parque Nacional de Tsavo Leste e Oeste, o Maasai Mara, o lago Nakuru e o Parque Nacional de Aberdare. Kenya ten varios lugares Patrimonio da Humanidade como a cidade de Lamu e varias praias famosas como Diani, Bamburi e Kilifi, onde se celebran cada ano competicións internacionais de vela.
A rexión dos Grandes Lagos Africanos, da cal forma parte Kenya, foi habitada polo ser humano dende o Paleolítico inferior. Arredor do primeiro milenio da nosa era, a expansión bantú chegou até a zona dende África Occidental e Central. As fronteiras do estado moderno comprenden a encrucillada das áreas níxer-congo, nilo-saharianas e afroasiáticas do continente, representando a maioría de grupos etnolingüísticos que hai en África. As poboacións bantú e nilóticos constitúen xuntas arredor do 97% dos habitantes do país.[3] A presenza árabe e europea en Mombasa data de comezos da Idade Moderna, e a exploración europea do interior de África comezou no século XIX. O Imperio Británico estabeleceu o protectorado da África Oriental Británica en 1895, que en 1920 deu paso á Colonia de Kenya. Kenya obtivo a independencia en decembro de 1963. Segundo o referendo de agosto de 2010 e a adopción dunha nova constitución, Kenya está dividida en 47 condados semi-autónomos gobernados por gobernadores electos.
A capital, Nairobi, é o centro rexional do comercio. A economía de Kenya é a maior de África Oriental e Central.[4][5] A agricultura é a principal actividade económica, e o país exporta tradicionalmente té e café, e máis recentemente, flores frescas cara a Europa. O sector terciario tamén é un importante aspecto da súa economía.
Etimoloxía
A palabra Kenya procede do nome kamba para o Monte Kenya, Kiinyaa. As prehistóricas erupcións volcánicas do Monte Kenya (hoxe extinto) puideron ser a orixe da súa asociación cunha divindade e co mito da creación entre grupos étnicos kikuyu, que son os habitantes nativos da área agrícola arredor do Monte Kenya.
No século XIX, o explorador alemán Johann Ludwig Krapf estivo co pobo kamba cando viu por vez primeira o monte. Cando preguntou polo nome da montaña, respondéronlle "Kĩ-Nyaa" ou "Kĩĩma- Kĩĩnyaa" probablemente porque a visión da rocha negra coroada de branco pola neve lles lembraba ás plumas dun avestruz.[6] Os agikuyu, que habitan á beira do monte Kenya, Kĩrĩma Kĩrĩnyaga en Kikuyu, que é bastante semellante ó nome kamba.
Ludwig Krapf rexistrou os dous nomes, Kenia e Kegnia (considerado como unha corrupción da versión kamba).[7][8][9] Malia a controversia sobre o significado da palabra Kenya, está amplamente aceptado que foi o nome da montaña o que lle deu o nome ó país.
A superficie total de Kenya é de 582.650 km², e conta con 536 km de costa no océano Índico. O clima varía do tropical na zona costeira ao árido no interior.
O Monte Kenya, que dá nome ao país, encóntrase no centro do territorio, ao norte de Nairobi, é o cume máis alto do estado e o segundo de África, tralo Kilimanjaro. Este último está tamén parcialmente en Kenya, mais a súa cima máis elevada emprázase na súa totalidade o territorio de Tanzania.
↑Central Intelligence Agency (2012). The World Factbook, ed. "Kenya". Arquivado dende o orixinal o 31 de agosto de 2020. Consultado o 28 de maio de 2013.
↑Asongu, J. J. and Marr, Marvee (2007). Greenview Publishing Co., ed. Doing Business Abroad: A Handbook for Expatriates. pp. 12 & 112. ISBN0979797632.