Aos 16 anos foi capturado polos alemáns, do mesmo xeito cós demais xudeus do seu pobo. Tras chorar a morte de todos os seus familiares en Auschwitz e Buchenwald, estudou na universidade da Sorbona, en París, e posteriormente traballou en xornais de Israel, Francia e Estados Unidos de América, onde se estableceu dende 1956.
Autor de tres novelas sobre as súas vivencias durante aqueles anos de represión e morte (La Nuit, L'Aube e Le Jour; publicadas en galego baixo o título de Triloxía da noite), gañou o Premio Nobel da Paz en 1986.
O 16 de maio de 1944, a familia Wiesel, como outras tantas familias xudías, embarcábanse nun tren rumbo ao campo de concentración de Birkenau. "É a primeira parada, logo veñen Auschwitz e Buchenwald. É noite pechada, tebras exteriores ás que son guindadas, xunto a tantos xudeus asasinados ou sobreviventes, as nosas entrañas de humanidade, o noso manancial de profunda compaixón". La Nuit (1956-1958), foi o título que máis fama lle deu.
Nos seus últimos anos de vida, Wiesel xustificou bombardeos por parte do estado de Israel, onde morreron nenos, dicindo que era culpa de Hamas por usalos como escudos humanos. Nunha carta publicada no The New York Times, 327 sobreviventes e descendentes xudeus do Holocausto responderon a Wiesel “indignados pola sua xustificación do inxustificábel”) condenando o masacre de Gaza e, “alarmados pola desumanización racista e extrema dos palestinos na sociedade israelí. (...) O xenocidio comeza co silencio do mundo (...) “Nunca Máis debe significar Nunca Máis para Ninguén.”[1]
Na súa vila natal de Sighetu en Romanía fundou un museo de conmemoración do Holocausto. Xunto á súa esposa, fundou a Elie Wiesel Foundation for Humanity, co propósito de "Combater a indiferenza, a intolerancia e a inxustiza a través do diálogo internacional e programas enfocados á xuventude, que promovan a tolerancia, comprensión e igualdade." [2]. En 2008 desvelouse que o matromonio e a fundación perderan uns 15 millóns de dólares invertindo no esquema Ponzi de Bernard Madoff. [3]