Bergara (en castelán Vergara) é un concello da provincia de Guipúscoa, País Vasco, pertencente á comarca de Debagoiena. Conta cunha poboación de 14.853 habitantes (2006).[1] A extensión do termo municipal é de 75,97 km², cunha densidade de poboación de 195,52 hab./km². A súa altitude é de 110 msnm.
Historia e características
Bergara considerouse historicamente como a capital de Debagoiena. A súa situación no cruzamento de camiños entre a vía de comunicación da costa cantábrica coa meseta castelá, pola que se exportaba a la, e as rotas que se internaban en Guipúscoa, por Oñati, Elgeta e Zumarraga, e en Biscaia, por Elorrio, favoreceu o seu crecemento e a súa riqueza económica. Coa irrupción da industria a finais do século XIX e principios do XX, Bergara converteuse nun importante centro fabril centrado nas industrias téxtil e metalúrxica. A produción téxtil chegou a ser tan importante e característica que ao azul mahón se lle chamou "azul bergara".
Nos libros escolares de Historia de España, o nome da vila aparece na expresión o abrazo de Bergara. No século XIX Bergara aparece nas turbulencias das dúas primeiras Guerras Carlistas, onde se chegou a loitar nas súas rúas. O 31 de agosto de 1839 asínase en Bergara o tratado de paz que poría fin á Primeira Guerra Carlista no norte. O tratado foi asinado polos xenerais Rafael Maroto e Baldomero Espartero, os cales se abrazaron, polo que dito feito coñécese como o abrazo de Bergara. O lugar, que se chamaba Aseurrunz-bide azpiko soluase, pasou a denominarse Campo del Abrazo ou Campo del Convenio.