Alkiza é un concello, de carácter rural, do centro de Guipúscoa, no noroeste da comarca de Tolosaldea, a 27 quilómetros ao sur de Donostia. En 2019 tiña 375 habitantes, dos cales o 88,8% eran euscaldúns. É concello independente dende 1731, anteriormente dependeu de Tolosa e de Donostia.[1]
A praza da vila atópase a 340 metros sobre o nivel do mar e nela atópanse a escola, o concello, o frontón e a igrexa parroquial. O concello conta con máis de 40 casaríos e casas dispersas. Aos seus habitantes alcúmaselles en éuscarooiloak (galiñas).
A festa maior da vila é o 8 de setembro.
Historia
As primeiras pegadas humanas en Alkiza datan da Idade de Bronce con restos cerámicos na cova de Olatzazpi e o túmulo da paraxe denominada Itzuregi, como principais exemplos.
As primeiras referencias escritas sobre Alkiza son de 1348. De feito, por encargo do rei de CastelaAfonso XI elaborouse a lista dos fidalgos de Tolosa. Nesta lista aparecen varios casaríos de Alkiza. Alkiza menciónase asociada administrativamente a Tolosa. En 1396, Tolosa recoñeceu a Alkiza o dereito de elixir o seu xurado. Por mor dos impostos, Alkiza e outras vilas de Tolosaldea tiveron litixios con Tolosa dende 1435. Dentro deste proceso, en 1450, Alkiza decidiu adscribirse a Donostia, pero isto non se materializou legalmente ata que en 1479 Tolosa e Donostia asinaron un acordo na Casa Torre Berroeta de Andoain. Aduna tamén foi parte do mesmo caso e pasou a ser termo de Donostia. Entre os séculos XV e XVIII, Alkiza autogobernouse como concello aberto, aínda que tamén se nomeaban xurados e rexedores para as decisións cotiás.
Concello independente
A finais do primeiro terzo do século XVIII, chegou o momento máis importante da historia de Alkiza: converterse en concello, contando con 54 fogares. O 21 de xaneiro de 1731 foi declarada vila polo rei Filipe V e separada de Donsotia. A distancia a Donostia foi a razón máis importante para levar a cabo esa secesión. Miguel Irazusta foi o primeiro alcalde.[2] Ese mesmo ano definíronse oficialmente os límites de Alkiza coas vilas da zona e procedeuse á designación de cada unha das mouteiras. O límite de Asteasu, por exemplo, foi delimitado polas mouteiras de Olatza, Arizmendi, Zalminaga e Arraiaga.
Ao se converter en municipio independente, Alkiza adquiriu o dereito de participación nas Xuntas Xerais de Guipúscoa. Iso tiña un custo económico e Alkiza propúxolle a Anoeta a unión para compartiren gastos. En 1742, as dúas vilas fundaron a unión Ainssu para a súa representación nas Xuntas Xerais. Ás Xuntas Xerais de 1743 asistiron representantes de ambos os municipios; ás de 1744 asistiron os de Anoeta; ás de 1754 os de Alkiza e así sucesivamente. O acordo foi de vinte anos e foi renovado en 1762, 1781 e 1805. Neste último acordo, non se fixou prazo de finalización. Posteriormente, en 1815 adheriuse a Ainssu, Hernialde e á unión ampliada denominóuselle Ainssuberreluz.
A principios do século XIX, produciuse a privatización dos terreos comunais en Alkiza. O primeiro movemento fíxose por mor das débedas derivadas da Guerra da Convención, e así en 1797 a vila autorizou ao concello a venda de terreos comunais. A primeira poxa de terreos comunais celebrouse en 1799 e o concello vendeu 53 lotes. Dende esa data ata 1814 o concello realizou seis poxas de terreos comunais. En 1810, poxáronse ademais outros bens, como os muíños de Olaa e Goiko Errota no barrio Aldapa e Igaran no barrio Arana. A finais do século XVIII, a metade dos terreos do municipio eran públicos e entre 1799 e 1845 o Concello poxou 682 parcelas comunais, 5,3 km²., quedando os terreos comunais reducidos a unha superficie de 0,4 Km².
Esta privatización afectou gravemente á economía do concello pois conseguía grandes recursos económicos vendendo leña, carbón vexetal, castañas e demais. Tamén provocou, por exemplo, a perda dos notarios residentes que Alkiza tiña dende 1749 en 1801 e tamén desapareceron os gardas forestais responsables dos bosques e viveiros municipais.
As guerras carlistas
As dúas guerras carlistas do século XIX afectaron pouco a Alkiza. Durante a primeira guerra carlista, entre 1836 e 1838, os carlistas confiscaron aos seus donos liberais os seus casaríos e obrigaron aos inquilinos a pagar as rendas ás autoridades carlistas. Durante a terceira guerra carlista, sucedeu en 1873 o chamado encontro de Alkiza.[3] Sospeitábase que o guerrilleiro cura Santa Cruz estaba na zona de Hernio e os miqueletes e as tropas liberais foron buscalo. Non atoparon a ninguén e decidiron descender do porto de Zelatun a Alkiza. Ao entrar na vila recibíronos con disparos, pero os liberais expulsaron os carlistas cargando á baioneta. Por outra banda, foi frecuente que Santa Cruz tomase albergue na casa cural de Alkiza cuxo párroco era un fervente carlista.[4]
Comunicacións e industrialización
O servizo de correo comezou en 1873 con dous carteiros. Un deles realizaba o percorrido Azpeitia-Alkiza-Larraul-Asteasu e o outro, Tolosa-Alkiza-Larraul-Asteasu. En 1885 o concello decidiu facer chegar o telégrafo e o teléfono á vila. Estes servizos tiveron a súa sede na taberna municipal. O teléfono non se estendeu a todos os fogares do municipio ata principios dos anos 80. Doutra banda, o concello decidiu en 1896 establecer o sistema métrico de pisos e medidas no municipio.
En 1911, catro alkizarras, Ignacio Urruzola do casarío Garaikoetxe, Eusebio Zubiaur da Arritzaga, Markos Bengoa da Zumitza e Fermin Roteta da Antzieta, construíron unha central hidroeléctrica nos terreos do casarío Bentzalaga, no arroio Mandabe. Desta maneira conseguiuse que a electricidade chegase aos fogares de Alkiza. Esta central foi pioneira da actual Elektralkiza. A enerxía eléctrica de Alkiza foi producida polo arroio Mandabe ata que en 1971 cando a empresa Iberduero instalou dous centros de transformación no concello.
O primeiro automóbil chegou a Alkiza o 2 de novembro de 1930, conducido por un dos propietarios da papeleira Echezarreta, Larrion e Aristi de Irura .
Xeografía
Alkiza atópase ao leste da serra de Hernio. O terreo de termo municipal é maiormente de gran pendente, atopándose a zona máis chaira no barrio Arana. Ten clima atlántico típico. Ao ser a serra de Hernio unha formación calcaria, nos terreos de Alkiza existen numerosas estruturas de carso como covas, simas e dolinas. Así mesmo, algúns dos regatos que percorren o municipio permanecen secos se non chove moito. O mesmo ocorre coa fervenza de Amixuri.
O complexo Leize-Haundia 2/Sabe-saia é a estrutura de carso máis importante de Alkiza.[5] As dúas covas forman un sistema de 340 m de profundidade, 2 km de galerías e cun arroio no seu interior.
Os cumes máis destacados son Herniozabal (1.010 m), Herniotxiki (820 m), Enaizpuru (731 m), Alluts (687 m) e Beleburu (619 m) ao oeste e Mendiola (431 m) ao leste.
No termo municipal de Alkiza atópase a cuarta parte a Zona de Especial Conservación Hernio-Gazume.
Está conectado con Anoeta e Asteasu a través da estrada GI-3630. O ramal de Asteasu inaugurouse en 1952 e o de Anoeta en 1957. Ata entón, os camiños veciñais e rurais unían Alkiza coas vilas próximas.
Hidrografía
Alkiza é unha zona de carso, polo que as augas de choiva e desxeo van ao subsolo en gran proporción. Por iso, algúns regatos só conducen auga en caso de precipitación intensa e, noutras, hai augas superficiais só nalgúns tramos da canle.
Os dous principais arroios de Alkiza son:
O arroio Mandabe atravesa o barrio de Arana e verte as súas augas no termo de Anoeta ao río Oria. Nace na fonte chamada Bidania erreka, onde afloran as augas do complexo Leize-Haundia 2/Sabe-saia. Entre os habitantes de Alkiza pensábase que as augas desta fonte procedían do outro lado de Hernio, concretamente de Bidania, e de aí o seu nome.
O arroio Aranguren nace xunto ao casarío do mesmo nome e discorre polo barrio de Aldapa. Verte as súas augas no arroio Asteasu, afluente do Oria. A este arroio denomínaselle Arraiaga augas abaixo da ponte de Egurrola.
En 1775, o concello ditou un decreto polo que se organizaba a recollida de fento, follas secas e similares para as camas do gando dos terreos comunais. No mesmo dividíase o municipio en catro barrios: Azaldegi, Aldapa, Arana Behea e Arana Goikoa. O centro situouse no casarío Otsamendi e o termo municipal dividiuse en catro cuartos para levar a cabo esta distribución.
No momento en que se estabeleceron as cotas para o pago do médico da localidade en 1847, o municipio dividiuse novamente en catro barrios: Azaldegi, Aldapa, Arana e Herriburua. En 1884 o barrio Aldapa dividiuse en dous: Aldapa e Hernio. O barrio Sakamidra foi organizado en 1940, xuntando varios casaríos de Arana e Azaldegi.
Ademais do núcleo urbano, denominado Praza polos naturais, Alkiza divídese actualmente oficialmente en cinco barrios: Aldapa (limita con Larraul), Arana (zona chá da estrada de Anoeta), Azaldegi (a ambos os dous lados da estrada de Asteasu), Hernio (aos pés do macizo de Hernio) e Sakamidra (lindeiro o barrio Goi-bailara de Anoeta).
Demografía
No momento que aparece a primeira documentación escrita sobre Alkiza, é dicir no século XIV, estímase que tiña uns 60 habitantes; a principios do século XVII eran ao redor de 230 e cando se constituíu como municipio, uns 270. A principios do século XIX vivían en Alkiza máis de 350 persoas. Os primeiros datos exactos do número de habitantes son de mediados do século XIX. Na táboa seguinte móstrase a evolución da poboación de Alkiza dende 1851.
Dende principios do século XX a poboación diminuíu paulatinamente, diminución que se acelerou dende a década de 1960 ata finais de século. O número de habitantes alcanzou o mínimo en 2000, con só 264.
A comezos do século XXI a poboación de Alkiza era comparable á que tiña cando se converteu en municipio. Isto ten unha explicación sinxela dende o punto de vista da estrutura económica e familiar do municipio. Dende mediados do século XX o casarío deixou de ser o motor da economía local. Os alkizarras empezaron a ir traballar á industria e aos servizos situados de localidades próximas como Asteasu, Anoeta ou Tolosa. Ao mesmo tempo as familias extensas que necesita a economía rural empezaron a reducirse, pasando de seis a sete fillos e fillas a só dous ou tres.
Economía
Ata mediados do século XX a actividade económica principal de Alkiza foi a agricultura e actividades relacionadas como os ferreiros ou os muíños. A actividade agraria organizouse en torno ao casarío e foi en gran medida unha economía de subsistencia. O necesario para vivir producíase principalmente no casarío. A diferenza doutras comarcas guipuscoanas, non parece que o pastoreo tivese un gran peso na economía dos casaríos de Alkiza. Alkiza contou historicamente con tres muíños: Igaran, no barrio Arana sobre o regato Mandabe, e Olaa e Goiko Errota no barrio Aldapa sobre o regato de Aranguren. Estes dous últimos muíños estiveron activos ata 1953. Moíase millo e trigo.[6]
No século XVI, cabe destacar a ferreiría de Egurrola que tivo unha actividade moi importante entre 1511 e 1615.[7] A ferreiría foi destruída por unha gran riada. En 1514 a ferrería quedo exenta de impostos por un edicto da raíña de Castela Xoana I.
A actividade carboeira foi un complemento monetario importante para os labradores de Alkiza, que vendían o carbón á industria e fogares dos municipios próximos como Tolosa. A madeira dos bosques de Hernio foi unha materia prima moi adecuada para a fabricación de carbón vexetal. Esta actividade moldeou a estrutura dos bosques de Alkiza, impondo faias podadas. Esta actividade sobreviviu ata principios dos anos 60. Na década de 1950 podían estar acendidas ao mesmo tempo unha ducia e media de carboeiras.[8]
Entre 1945 e 1950 un grupo de emprendedores, entre eles o alcalde de Alkiza, Mateo Aranburu, construíu un sistema de cables, cadeixos e postes que baixaba a madeira colgando dos mesmos dende os bosques de faias da pena Zopite, no termo de Alkiza, ata o casarío Konporta de Asteasu. Esta madeira era vendida polos donos do cable aos fornos panadeiros.[9]
Nas últimas décadas do século XX, Alkiza contou cun pequeno polígono industrial xunto ao barrio Umanea de Asteasu, que xa non ten actividade. Baldosas Jarri foi a principal empresa local.
Na actualidade, Alkiza ten unha actividade económica propia moi débil e os veciños en activo traballan principalmente fóra do municipio principalmente na industria e servizos da comarca. É de sinalar a presenza dun grupo significativo de profesores universitarios entre os veciños de Alkiza.
En 2020, o tecido produtivo de Alkiza está constituído por dúas explotacións agrarias, o agroturismo Lete,[10] a adega de Txakoli Inazio Urruzola,[11] o bar municipal, a minicentral hidroeléctrica Elektralkiza e unha empresa de afiado.
Política
Ao ser declarada vila, houbo que empezar a elixir os alcaldes en Alkiza. Como se mencionou anteriormente, o primeiro foi Miguel de Irazusta, arquitecto alkizarra residente en Madrid . As ordenanzas municipais estableceron que os sucesivos alcaldes debían de residir na vila, de tal xeito que Jerónimo Alkizalete sucedeu a Irazusta. Ata mediados do século XIX, os alcaldes elixíanse nos primeiros días do ano natural e para seren candidatos debían ser fidalgos e propietarios de casarío de primeira categoría. Elixíanse para un ano, aínda que hai algunhas excepcións, por exemplo Gregorio Arantzabe foi elixido para 1808 e 1809. En 1845, tras a primeira guerra carlista, o sistema electoral mudou e, entre outras cousas, prolongouse o mandato dos alcaldes.
En 1931, nas eleccións municipais que levaron á proclamación da Segunda República, Krispin Sorarrain foi elixido alcalde ocupando o seu cargo ata 1934. Sucedeuno José Tolosa. O 27 de agosto de 1936, xa comezada a guerra civil española, a Xunta de Burgos, fiel aos golpistas, procedeu á destitución de José Tolosa e do resto de concelleiros: Krispin Sorarrain, José Luís Iruretagoiena e Simón Ugalde, e nomeou alcalde, a Matías Aranburu, a Pantaleón Iruretagoiena, tenente de alcalde e a Juan Bautista Altuna, Francisco Uzkudun, Pedro Otegi e Juan Cruz Urruzola como concelleiros.
Ao rematar o franquismo, nas primeiras eleccións municipais en 1979, Bittor Sorarrain Lasa, neto de Krispin, foi elixido alcalde da lista independente Alkizako Herriaren Alde. Antonio Zubiaurre Otegi foi alcalde da vila dende 1983 ata o seu falecemento en 2004, en nome de Euskadiko Ezkerra primeiro e da lista independente Alkizako Abertzale Ezkertiarrak dende 1995. En 2004, Jon Roteta tomou posesión da alcaldía e permaneceu no cargo ata 2011. Nas eleccións de 2011 e 2015, Jon Umérez Urrezola foi elixido alcalde e Inaki Irazabalbeitia Fernández nas de 2019.[12] Dende 1995 todos os electos municipais de Alkiza fórono na candidatura Alkizako Abertzale Ezkertiarrak (en galego, Patriotas de Esquerda de Alkiza)
Nas eleccións a Xuntas Xerais, Parlamento Vasco, Cortes e Europeas o voto a candidaturas nacionalistas vascas supera con folgura o 80% dos votos emitidos.
Educación
Pouco tempo despois de ser declarada vila, o concello de Alkiza decidiu ocuparse da educación dos seus veciños. En 1749, no acordo co primeiro notario residente da vila, Francisco Ignacio Larrunbide, menciónase que o devandito notario debía impartir clases de lectura e escritura.[13] Isto foi así ata 1797 cando o concello nomea o primeiro mestre que non era notario: Juan Antonio Irazusta. No convenio que asinou co concello detállanse as súas obrigas e dereitos: ensinar ás nenas e nenos a doutrina cristiá e a ler, escribir e contar. Agás no caso das familias pobres, todas as familias pagaban con trigo ao mestre que ademais percibía o salario estipulado polo concello. A escola estaba situada no edificio consistorial. O mestre tiña tamén a función de manter o reloxo da torre da igrexa parroquial.
En 1816, os irmáns e veciños da vila Juan Bautista e José Antonio Legarra fixeron reconstruír a casa Migelena, situada ao costado do concello. Nesa casa situouse a escola e o párroco Juan Bautista Legarra exerceu nela de mestre entre 1822 e 1843. Ademais do mestre nomeouse mestra para dar clases ás mozas. A primeira delas, entre 1823 e 1846, foi Juana María Aranburu. No testamento realizado por Juan Bautista Legarra en 1845, o edificio da escola, xa coñecido como Donjuanena, foi cedido ao concello para o seu uso como escola.[14] A escola estivo nese edificio ata 1930 cando se levantou unha nova no terreo da casa Madrigal.
En marzo de 2020 abriuse ao uso un novo edificio construído polo Departamento de Educación do Goberno Vasco que vén substituír o antigo que quedara pequeno e anticuado. A escola unitaria de Alkiza imparte educación infantil e primaria. No curso 2019-2020 matriculáronse un total de 53 alumnos.
En 1999, celebrouse ne Alkiza a festa das escolas unitarias da Comunidade Autónoma Vasca, Eskola Txikien Festa.
Lingua
En Alkiza, segundo datos de 2016, o 88,8 % da poboación é euscaldún e o uso social da lingua é do 83,6 % (dato medido en 2017). A escola unitaria da localidade escolariza aos alumnos no modelo D, co éuscaro como lingua vehicular.[15]
O concello é dende decembro de 2019 membro da Mancomunidade de Municipios Euscaldúns (UEMA).[16]
En Alkiza fálase a variante de Tolosaldea do dialecto guipuscoano, pero como consecuencia do uso do éuscaro batua na educación e nos medios de comunicación e o contacto mais frecuente con falantes doutros dialectos, as xeracións mais mozas teñen unha fala máis híbrida.
No portal Ahotsak hai recollidas gravacións con 8 persoas, 5 homes e 3 mulleres nadas entres 1917 e 1941, que son mostra do euskara tradicional de Alkiza[17].
Cultura
Alkiza é un concello de grande actividade cultural. Ao longo do ano organízanse múltiples actividades culturais como conferencias, actuacións musicais, exposicións e teatro. Tamén se organizan dúas semanas culturais, unha en San Isidro e outra en San Martiño.
Doutra banda, cabe destacar que entre 2008 e 2010 desenvolver un proxecto cultural impulsado polos veciños denominado Itxurain que tubo como obxectivo o recoller o patrimonio socio-etnográfico e cultural da localidade e proxectalo a futuro como un dos alicerces dos acenos de identidade da comunidade. Realizáronse en total 4 proxectos coa participación da escola e decenas de veciñas e veciños.
Dende 2018, está en marcha a iniciativa Sormenaren Kabia (Niño para a creatividade). Cada ano ofrece unha bolsa a dous artistas un espazo de creación artística e o asesoramento de Koldobika Jauregi durante a súa estancia en Alkiza.[18]
Doutra banda, xunto á estrada de Asteasu, no barrio de Azaldegi, atópase o Museo Ur Mara,[19] deseñado e xestionado polo escultor Koldobika Jauregi e a súa esposa a deseñadora de xoias Elena Cajarabille. No mesmo, ademais da obra de Koldobika e Elena, reúnese, tamén, a doutros artistas. Así mesmo, ofrece unha programación anual de concertos, exposicións e talleres.
O pintor Juan Luís Goenaga ten o seu taller no casarío Aritzategibarrena do barrio Hernio.
Monumentos
Casa Alkizalete ou Lete
A casa Alkizalete ou Lete está declarado Ben Cultural coa categoría de Monumento. É de orixe medieval, ten un arco de medio punto e panos da planta baixa de estilo gótico, así como alicerces e vigas de madeira do século XVI. No escudo da fachada ten gravada a data de 1212. O casarío actual é un edificio barroco rehabilitado do século XVIII.
Igrexa de San Martiño de Tours
A igrexa parroquial de San Martiño de Tours é de estilo gótico con bóvedas de cruzaría e adquiriu a súa forma actual na segunda metade do século XVI. O edificio orixinal carecía de torre que foi construída no século XVII.
O primeiro retablo da igrexa de San Martiño foi considerado por algúns como obra do escultor Joanes Antxeta. Con todo, o autor foi o escultor de Soravilla Joanes de Arbeiza.
Desa mesma época é o sagrario da igrexa, obra de Ambrosio Bengoetxea, fillo da vila. Actualmente atópase no Museo Diocesano de San Sebastián, onde foi levado a restaurar a principios da década de 1980.
A torre e a sancristía da igrexa construíronse entre 1688 e 1700.
O actual retablo da igrexa é obra de Miguel de Irazusta, arquitecto alkizarra residente en Madrid. Recibiu o encargo en 1724 e finalizouno co seu nomeamento como primeiro alcalde da vila. Na época do párroco Juan de Irazusta, primo de Miguel, entre 1755 e 1772, realizáronse na igrexa algunhas melloras significativas: construíronse o arco do coro, o novo chan da igrexa e o pórtico e instalouse un reloxo na torre. Este reloxo foi reformado en 1841 e 1932. O órgano da igrexa é de 1928. Entre 1998 e 2000 a igrexa de San Martiño sufriu unha profunda restauración que foi financiada en parte con fondos da Unión Europea.
Ermidas de Santiago e da Santa Cruz
Non hai datos sobre a data de construción da ermida de Santiago. Actualmente forma un conxunto co cemiterio, xunto ao aparcadoiro da localidade. Na documentación antiga tamén foi chamada hospital. A primeira mención documentada da ermida data de 1528. O nome do hospital animou a Luís Pedro Pena Santiago a especular que por Alkiza poderíase pasar algún ramal do Camiño de Santiago.
Foi bastante habitual que os veciños de Alkiza fixesen doazóns á ermida nos seus testamentos. Doutra banda, en 1762 a parroquia de San Martiño encargou ao arquitecto Martín Carrera o proxecto de construción dun calvario dende a igrexa ata a ermida. Non hai datos de cando se construíu, pero actualmente media ducia de cruces seguen en pé.
Poucos anos despois do encargo a Carrera, o 22 de xuño de 1771, o bispado de Pamplona prohibiu dar misa na ermida por atoparse esta nunha situación arquitectónica precaria. Dita prohibición durou ata 1832. Ese mesmo ano o bispado autorizou a restauración da ermida xa que se tomou a decisión de derrubar a outra ermida da localidade, a ermida da Santa Cruz.
Celebráronse misas na ermida de Santiago ata 1977 e seguiuse celebrando a procesión de Venres Santo que partía da parroquia e acababa na ermida ata 1979. Actualmente a ermida está desacralizada.
A ermida da Santa Cruz, afastada da vila, achábase a media hora de camiño do núcleo urbano e a 520 m de altitude. O antigo camiño de Alkiza ao Hernio pasa xunto ás súas ruínas. A primeira mención documentada desta ermida data de 1528. En 1832 autorizouse a derriba da mesma polo bispado de Pamplona, alegando que se achaba afastada do núcleo urbano e que tiña algunha parede caída.
Cemiterio
Ata principios do século XVXIII os mortos enterrábanse na igrexa de San Martiño. O cemiterio propiamente dito construíuse en 1708 xunto á ermida de Santiago. Durante mais dun século os mortos enterráronse, indistintamente, na igrexa parroquial ou no cemiterio. A partir de 1828, utilizouse exclusivamente o cemiterio para os enterramentos.
O cemiterio foi xestionado pola parroquia de San Martiño ata 1885 cando que o Concello investiu 550 pesetas para a ampliación do mesmo. A partir de aí o concello xestionou a infraestrutura. En 1945 o cemiterio ampliouse e adquiriu coa configuración actual.
En febreiro de 1926, trasladáronse dende a parroquia San Martiño ao cemiterio os ósos que quedaban das persoas que foran enterradas na mesma.
Frontón
O xogo de pelota practicouse dende antigo en Alkiza, tal como indícao a toponimia menor: por exemplo nos nomes das leiras como Pelotaleku (lugar onde se xoga a pelota) ou Mendiola-pelota-lekuazpia (baixo o lugar onde se xoga a pelota en Mendiola). A primeira referencia documentada aparece nas ordenanzas de 1735, onde se prohibía a práctica da pelota no pórtico da igrexa durante as horas de culto.
Con todo, o primeiro frontón de parede esquerda non foi construído ata 1922, financiado pola papeleira Echezarreta, Larrion e Aristi de Irura, dentro da operación para a construción da central hidroeléctrica Elektralkiza. A parede esquerda construíuse contra a igrexa de San Martiño e o frontis fronte ao casarío Katalandegi. Foi unha obra importante, xa que non había frontón con parede esquerda en tódalas vilas. O pelotari alkizarra Telesforo Arregi comenta o seguinte nunha entrevista realizada en 2003:
‘Nas vilas dos arredores non había frontóns con parede esquerda e o que tiña afección… todos a Alkiza. Dende Hernialde, dende Asteasu. En Asteasu só había un pequeno pórtico…’
O actual frontón cuberto inaugurouse o 15 de decembro de 1957. Foi construído pola Deputación Foral de Guipúscoa no contexto do Día dos Municipios de Guipúscoa. No partido inaugural Atano X e Atano IX gañaron 20-17 a Atano III e Atano IV. Ao ser un dos poucos frontóns cubertos de Guipúscoa, había grande afluencia de xente foránea que achegaba a xogar, ata que na década de 1980 comezáronse a construír frontóns cubertos en todos as vilas da provincia.
Outros lugares de interese
Son dalgún elemento do patrimonio etnográfico de Alkiza como a caleira de Intxarraundiaga, as fontes-lavadoiros de Altzorbe e Etxabeguren Berri, o sistema de canles de recollida de auga do muíño Goiko Errota, as calzadas ou camiños de narria de Illumbe, Askantxo e Lakapide, a presa de Elektralkiza e a muralla da horta do casarío Mariategi.
Centro de Interpretación Fagus-Alkiza. É a porta á Zona de Especial Conservación (rede Natura 2000) Hernio-Gazume.
↑Aranburu Ugartemendia, Pello Joxe (2001). Alkiza auzo eta hiribilduaren azterketa historikoa (1348-1950)(en éuscaro). Alkizako udala. p. 217-230. ISBN84-606-3058-7.
↑Arquivo Provincial de Guipúscoa, Protocolos, lote 1774, páx. 37-39.
↑Aranburu, Pello Joxe (2001). "Alkizako beste zenbait pertsonaia: Elolatarrak, Legarratarrak etab.". Alkiza auzo eta hiribilduaren azterketa historikoa (1348-1950). Alkizako udala. p. 474-477. ISBN84-606-3058-7.
Aranburu, Pello Joxe; Sorarrain Amunarriz, Antonio (2001 [1936]). Alkiza auzo eta hiribilduaren : azterketa historikoa (1348-1950)(en éuscaro). Alkiza: Alkizako Udala. ISBN84-606-3058-7. OCLC434253952.