Óscar Pereiro Sío, nado en Petelos (Mos) o 3 de agosto de 1977, é un ciclistagalego retirado, profesional entre os anos 2000 e 2010,[1] cuxo principal éxito foi acadar a vitoria na clasificación xeral do Tour de Francia 2006, converténdose no quinto ciclista español que gañaba a prestixiosa carreira francesa. Trala súa retirada como ciclista profesional, debutou como futbolista disputando unha tempada co equipo filial do Coruxo Fútbol Club, ó tempo que comezaba a colaborar como comentarista deportivo radiofónico na COPE. Ó ano seguinte deixou o fútbol para probar sorte no mundo dos rallys, disputando varias probas da edición 2012 do Campionato de España, ó tempo que comezou a traballar como colaborador do programa de televisión Punto Pelota.
Traxectoria como ciclista
Comezos
Pereiro comezou na súa mocidade pola práctica do ciclocross, deporte do que foi subcampión estatal sub-23 con 17 anos 1994 e máis tarde campión por dúas veces. En 1995 chegou a ser campión galego ao mesmo tempo de tres especialidades: afeccionado en estrada, montaña e ciclocross.
Decidiuse polo ciclismo en estrada grazas aos consellos do adestrador valenciano Paco Pla.
Pereiro fíxose profesional no ano 2000 ao entrar no equipo portuguésPorta da Ravessa. En decembro de 2001Álvaro Pino comunícalle a posibilidade de que entre a formar parte do equipo suízo Phonak, ás súas ordes, e incorpórase definitivamente a el en 2002.
Pereiro xogou un papel moi importante no Tour de Francia deste ano. Non só quedou 10º na clasificación xeral, recibindo o premio á combatividade, senón que foi grande protagonista de dúas tiradas:
Na 15ª tirada, nos Pireneos e con final en St-Lary-Soulan, tras subir catro portos de primeira categoría, un de segunda e un de categoría especial ó final, Pereiro quedou segundo tras George Hincapie. Un xurado composto por ex-ciclistas e xornalistas concedeulle ó premio á combatividade dese día.
Na 16ª tirada, con final en Pau, Pereiro quedou gañador tras escaparse do pelotón xunto con outros tres ciclistas. Esta vitoria deulle un grande prestixio, xa que durante a tirada atravesárase o famoso Col d'Aubisque (de categoría especial)
Pereiro integrou a selección española que participou nos Mundiais de ciclismo de Madrid, o 25 de setembro de 2005, na proba de fondo en estrada. Rematou a proba na posición 50ª.
Venda de tirada
Pereiro rematou na segunda posición na 15ª tirada que percorreu os Pireneos, por detrás de George Hincapie. En xaneiro de 2014, confesou nun programa de radio que este resultado produciuse tras negociar co ciclista estadounidense un prezo para deixarse gañar, aínda que segundo a súa versión, nun primeiro momento Pereiro pensou que Hincapie estáballe a ofrecer o trato ao revés: pedíndolle cartos ao ciclista galego para deixarlle a vitoria da tirada máis importante do Tour dese ano.[2] Nas súas explicacións, Pereiro tamén conta como, dado este erro de interpretación, se colocou ben o maillot e os lentes antes de chegar á meta. Nas imaxes da tirada non se aprecia que fixera nada do que describe, como tampouco parece que estivese correndo sabéndose gañador da etapa, pero si pode verse que mantén unha breve conversa con Hincapie a falta duns quilómetros para o final.[3]
As prácticas de compra e venda de competicións deportivas están prohibidas pola UCI, pero prescriben aos oito anos de producirse. No momento que Pereiro confesou esta ilegalidade xa se cumprira este prazo, xa que pasaron oito anos e medio.
Ano 2006
No Tour de Francia deste ano, Pereiro tivo unha destacada presenza. Ó principio, e tras sufrir unha "baixada de azucre" (segundo el mesmo) na 11ª tirada, situouse a 28 minutos e 52 segundos respecto do primeiro clasificado.
Porén, dous días máis tarde, na 13ª tirada, Pereiro poñíase no primeiro lugar da clasificación xeral, vestindo a camisola do equipo Caisse d'Épargne-Illes Balears, ó chegar á meta 29 minutos e 57 segundos por diante do pelotón. Isto debeuse a que o equipo do entón líder, Floyd Landis, quería ceder a responsabilidade do liderado a outro corredor, con vistas a recuperalo nos Alpes na seguinte semana.
Así, Pereiro convertíase no primeiro galego en vestir o maillot amarelo no Tour. Porén, tres días máis tarde (na 15ª tirada, con final no Aup d'Ueis), perdía esa mesma camisola por tan só 10 segundos.
Pero un día máis tarde, na 16ª tirada, con final en La Toussouire, Pereiro recuperou o liderado do Tour ó sacarlle case dez minutos ó estadounidense Floyd Landis, que sufriu un desfalecemento durante a subida final. Despois da seguinte tirada, a que rematou dez quilómetros despois do porto de Joux-Plane, Óscar Pereiro retivo o maillot amarelo, pero coas diferenzas moi exiguas: o segundo, o español Carlos Sastre, estaba a 12 segundos e o estadounidense Landis a 30 segundos.
Estas diferenzas non abondaron na contra o reloxo do día seguinte, na que Landis rematou un minuto e 29 segundos por diante de Pereiro, converténdose así no gañador da edición do Tour de Francia dese ano. Malia todo, na clasificación xeral, Pereiro rematou sendo segundo, 57 segundos por detrás de Landis. Porén, uns días despois, fíxose pública a dopaxe de Floyd Landis por testosterona. Ao confirmarse o positivo, Pereiro converteuse de facto en vencedor do Tour 2006, o primeiro galego en facelo. Porén, o Tour non recoñeceu a súa vitoria durante meses, de xeito que a edición de 2006 non recolleu ningún vencedor. O 18 de febreiro de 2006, o xornal francés Le Monde publicaba unha noticia onde se acusaba a Pereiro de tomar substancias dopantes. O produto, salbutamol, é un medicamento contra a asma, para o que Pereiro estaba autorizado e consumido nunha proporción menor[4] á tolerada polos regulamentos antidopaxe. O 25 de febreiro, a Axencia Antidopaxe Francesa arquivaba esta acusación.
Investigación por dopaxe
O 18 de xaneiro de 2007 o diario francés Le Monde publicou que Pereiro dera dous positivos no Tour de Francia 2006. Segundo esta información estes positivos producíranse nas tiradas 14ª e 16ª pola substancia salbutamol.[5] O salbutamol é un medicamento para tratar os síntomas do asma, e o seu uso está autorizado se o cilista presenta un certificado médico para o seu consumo. No caso de Pereiro, a axencia antidopaxe francesa considerou nun primeiro momento que a xustificación presentada polo ciclista era insuficiente, e concedeulle un prazo dunha semana para aclarar a situación. Finalmente, o 25 de xaneiro, a axencia antidopaxe francesa pechou a investigación xa que Pereiro proporcionou a xustificación médica que se lle pedira.
Ano 2007
Óscar Pereiro comezaba o Tour de Francia 2007 sen que lle recoñecesen a vitoria da edición anterior. Así, sairía de último na tirada prólogo, que arrincaba en Londres, pero no canto de levar o dorsal número 1 levaría o 11. Tampouco figuraba como o líder do seu equipo, o Caisse d'Epargne, onde traballou para mellorar a clasificación do líder do conxunto, o español Alejandro Valverde. Finalmente, rematou en décima posición, co que sumaba tres edicións consecutivas da rolda gala entre os dez mellores.
Entre o Tour e a Vuelta a España Pereiro seguiu a dúa preparación co Tour do Lemosín, onde quedou segundo da xeral. Na Vuelta, que comezou o 1 de setembro en Vigo, Pereiro foi líder do seu conxunto, logo de que Valverde decidise non participar para preparar o Mundial de ciclismo.
Ano 2008
No ano 2008, Pereiro quedou en terceira posición no campionato de España de ciclismo, onde obtivo a medalla de bronce.
Na tirada 11ª protagonizou unha escapada que chegou a ter máis de dous minutos de vantaxe sobre o grupo, pero que foi neutralizada lonxe aínda da chegada. Na tirada 15ª, no descenso do Agnel, esvarou e saíu da estrada, caendo por un cavorco duns 5 m de altura sobre outro treito da mesma estrada. Como consecuencia da caída rompeu o brazo esquerdo, e tivo que rematar a tempada sen participar nin nos Xogos Olímpicos nin na Vuelta a España[6].
En 2008 concedéronlle a medalla de ouro ao mérito deportivo de España.
Outros datos persoais
Mide 1,77 m.
Está casado e cun fillo nado en decembro de 2005. De neno tiña por alcume Estilike (coma o xogador de fútbol alemán Uli Stielike) e Cascarilla.
Participou en 2006 nunha campaña publicitaria da Xunta de Galicia para promover a repartición de tarefas no fogar e noutra, despois de gañar o Tour, para mellorar a condución nas estradas e evitar os accidentes de tráfico.
Á súa volta a Galiza logo de participar no Tour de Francia2006, e durante un acto co presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, Óscar Pereiro levaba unha camisola verde coa lenda "Please refrain from throwing missiles", ou sexa: "Por favor, abstéñase de guindar mísiles". Coincidía no tempo con intensos bombardeos de Israel sobre o sur do Líbano.
En 2006, participou xunto a outros ciclistas profesionais galegos no día da bici na Coruña. Nese día amosou o seu apoio as reivindicacións dos ciclousuarios da cidade.