David Blanco Rodríguez, nado o 3 de marzo de 1975 na localidade suíza de Berna, é un ciclista galego.
Traxectoria
Iniciou a súa carreira como profesional en Portugal, en 2000, no Rota dos Móveis. Con este club disputou a súa primeira Volta ao Alentejo (onde rematou undécimo), e a súa primeira Volta a Portugal, onde chegou de 14º. En 2001 repite ese posto final na rolda lusa, e en 2002, xa co ASC Vila do Conde remata de 21º. En 2003 ficha polo Porta da Ravessa, e remata quinto na Volta a Portugal e undécimo de novo na do Alentejo.
En 2004 ficha polo equipo español Kelme, onde permaneceu dous anos, e que mudou aos nomes de Comunitat Valenciana e Costa Blanca. Dese ano é a súa participación primeira na Vuelta a España, onde rematou décimo, e o seu primeiro podio, ao finalizar terceiro na Volta á Comunidade Valenciana. En 2005 quedou de quinto na volta portuguesa e duodécimo na española, e en 2006 chegou a súa primeira gran vitoria como profesional, ao conseguir a primeira posición na Volta a Portugal, onde ademais gañou a oitava tirada (Favaios-Guarda) e mais a décima e última tirada (Idanha-a-Nova - Castelo Branco, contra o reloxo).
Ao ano seguinte non renova co equipo español, e ficha de novo por un conxunto profesional portugués, o Duja Tavira. Ese ano queda quinto na rolda lusa, e na edición seguinte, en 2008, volve obter o título de vencedor final[1]. En 2009 volve ser proclamado vencedor da Volta a Portugal logo da descualificación do portugués Nuno Ribeiro por dopaxe[2]. A eliminación de Ribeiro e do español Héctor Guerra por esa razón, converteuno ademais en vencedor de dúas tiradas. En 2010 volve gañar a Volta a Portugal[3].
En setembro de 2010 asinou un contrato co equipo italiano Geox para a seguinte tempada.
No ano 2012 gañou por quinta vez a Volta a Portugal.[4]
Vida persoal
Actualmente reside en Santiago de Compostela.
Notas
- ↑ David Blanco gaña a Volta a Portugal Arquivado 04 de marzo de 2016 en Wayback Machine., A Nosa Terra, 25 de agosto de 2008, consultado o 19 de setembro de 2009
- ↑ Tres casos de dopaxe na Volta a Portugal, Vieiros, 18 de setembro de 2009, consultado o 19 de setembro de 2009
- ↑ David Blanco vuelve a coronarse en Portugal Arquivado 21 de agosto de 2010 en Wayback Machine., La Voz de Galicia, 15 de agosto de 2010
- ↑ David Blanco, rei de Portugal, Praza Pública, 27 de agosto de 2012
Véxase tamén
Ligazóns externas
Outros artigos