Xosé Lois García Fernández, nado en Lugo o 22 de abril de 1945, é un escritor galego.
Aínda que naceu en Lugo, criouse en Merlán (Chantada).[1] Con vinte anos pasou a vivir a Barcelona, onde traballou de obreiro da metalurxia na SEAT e estudou varios cursos de socioloxía no Instituto de Ciencias Sociais e Políticas que, máis tarde, abandonou para ingresar na Universidade de Barcelona da que é licenciado en Filosofía e Letras (sección de Historia). Foi Director do Arquivo Histórico Municipal e Responsable de Patrimonio HIstórico de Sant Andreu de la Barca (Barcelona).[2] Fundador do “Centre d’Estudis Joan Falguera” de Sant Andreu de la Barca, e da “Asociación de Amigos do Románico da Comarca de Chantada”.
Desenvolveu diversos labores na divulgación da cultura galega en Cataluña. Autor de diversas publicacións de historia, ensaio, teatro, literatura infantil e sobre a simboloxía románica na Ribeira Sacra. Crítico de arte e literatura, conferenciante, articulista en varias publicacións de Galiza, España e do estranxeiro. Foi correspondente da revista portuguesa Nova Renascença. Articulista da prensa catalá: revista Canigó e Historia y Vida e nos xornais: Avui e Mundo Diario. Participou nas revistas portuguesas: Quadernos do Tâmaga!, Anto e Saudade, Colóquio & Letras. Columnista semanal do xornal O Correo Galego, Galicia Hoxe, A Nosa Terra e Sermos Galiza.[3]
Especialista da literatura de expresión portuguesa en África (a este continente viaxou en numerosas ocasións) e autor de antoloxías poéticas de Portugal, Galicia, Mozambique, Angola, Guinea-Bissau, Macau e o Brasil. Tamén é antólogo e tradutor. A súa obra a compoñen mais de cincuenta libros publicados sobre diversas temáticas en galego, portugués e catalán. Ten realizado varias viaxes a África e América. Investigador sobre a obra de Agostinho Neto, o primeiro presidente de Angola, e doutros autores. Ten escrito numerosos prólogos sobre autores de poesía. É membro de honor da União dos Escritores Angolanos e en 2024 foi nomeado por unanimidade membro correspondente da Academia Angolana de Letras.[4]