Francisco Xavier Rodríguez Baixeras, nado en Tarragona en 1945, é un poeta, ensaísta e tradutor galego. É irmán do pintor Rafael Baixeras.
Naceu en Tarragona, onde estaba destinado como militar o seu avó paterno, orixinario de Nois (Foz). O seu pai, galego, era secretario de administración local, exercía na Pobra do Caramiñal, a súa nai era catalá. Por tanto medra políglota en tres idiomas: catalán, castelán e galego[1]. A familia marcha despois a Ribadeo. Alí fai os estudos primarios. En 1957 trasladáronse a Segovia ao ser nomeado o pai secretario da Deputación. En Segovia estuda o bacharelato. Pasa pola Universidade de Valladolid, e despois pola de Madrid, onde se licenciou en Filoloxía Románica.
En Madrid retomou o contacto con Galicia a través das clases que na delegación da UNESCO dirixía Ben-Cho-Shey. Tamén coñeceu a Reimundo Patiño, o último dos Brais Pinto en Madrid. En 1970 trasladouse novamente coa familia á Coruña, onde comezou a impartir clases no instituto Ramón Puga. Ao aprobar as oposicións obtivo praza en Palma, onde viviu tres anos. En 1977 trasladouse a Vigo onde entrou en contacto con escritores e xente da cultura, e comezou a escribir libros en galego e a súa actividade como tradutor[2][3]. Amigo persoal de poetas e artistas da Movida viguesa dos 80, como Xosé María Álvarez Cáccamo, Fernán Vello ou Ramiro Fonte. Desde 2006, unha vez xubilado como profesor de lingua e literatura do instituto Castelao do Calvario de Vigo, pasou a residir en Salvador de Baía (Brasil) durante catro anos. Reside en Vigo alternando estadías en Nois (Foz) onde cultiva a poesía, ensaio e a tradución. Como tradutor traduciu ao galego a autores italianos, cataláns e de lingua portuguesa ao galego; tamén a autores galegos ao castelán e ao catalán[1][4]. Participa activamente en recitais poéticos[5], presentacións, colaboracións literarias e congresos[6].