Os subxéneros do heavy metal foron desenvolvéndose dende que o propio heavy metal xurdiu a finais dos anos 1960 e comezos dos anos 1970. A clasificación de heavy metal tradicional, tamén chamado en ocasións heavy metal clásico,[1] atribúese a aqueles grupos e artistas cun estilo musical semellante ao dos primeiros grupos do xénero, antes de que este evolucionase e se dividise nos diversos estilos e subxéneros.[2][3] Estes novos xéneros adoitan sobrepoñerse os uns ós outros dificultando a súa distinción, pero poden identificarse segundo unha serie de características, como poden ser a instrumentación empregada, o tempo musical e a estrutura das cancións, o estilo vocal e as letras dos temas, o estilo e ritmos das guitarras e da batería ou a estética empregada.[4][5]
O avant-garde metal é unha clasificación aplicada a aqueles grupos que usan elementos innovadores, presentan unha gran experimentación musical e unha diversidade de sons, instrumentos, estruturas e técnicas non convencionais ou habituais no heavy metal máis tradicional.[2][6] É habitual que se relacione co metal progresivo, aínda que o avant-garde metal adoita presentar unha maior experimentación xeral, mentres que o metal progresivo ten unha relación máis achegada ao heavy metal tradicional e céntrase en acadar maiores niveis de complexidade na instrumentación. O avant-garde metal tamén emprega sons non habituais, sen seguir as convencións típicas e incluíndo novos elementos, con presentacións visuais e líricas eclécticas.[6]
O black metal é un xénero e tamén subcultura do heavy metal no que os guitarristas favorecen os tons altos e agudos cunha forte distorsión e con ritmos rápidos e técnicas de trémolo picking,[14][15][16] nas que os solos son pouco habituais.[16] O baixo adoita non tocar melodías individuais, senón que aparece case mudo fronte as guitarras seguindo de forma homofónica as liñas de baixo desta.[16] Os ritmos de batería son rápidos, usando técnicas de dobre baixo e blast beats.[17] As cancións neste xénero adoitan non ter unha estrutura convencional, carecendo de seccións de coro-verso claramente definidas e primando longas seccións instrumentais repetitivas.[18] As voces son en forma de gritos ásperos e agudos,[14][16] usando de forma moi ocasional as voces guturais máis comúns do death metal.[19][20]
Os músicos deste xénero adoitan vestir roupa negra, botas militares e pulseiras de pinchos,[29] así coma adornos de cruces invertidas e pentagramas para reforzar a súa visión anti-cristián ou antirrelixiosa.[22] Non obstante a característica máis salientable é o uso de pintura corporal para simular unha aparencia cadavérica ou demoníaca.[30] O black metal adoita recibir hostilidade das correntes culturais principais debido ás accións e ideoloxías asociadas con este xénero.[31] Moitos dos artistas deste xénero teñen expresado opinións anti-cristiás[22] e unha visión misantrópica,[29] avogando por varias formas de satanismo[32] ou paganismoétnico.[33]
O black metal sinfónico é un estilo de black metal que incorpora elementos sinfónicos e de orquestra.[34][35] Isto pode incluír dende o uso de sintetizadores que replican sons máis típicos dos arranxos orquestrais ata a inclusión directa de instrumentos de orquestra como instrumentos de vento-madeira, vento-metal, percusión, teclado e corda. As voces poden ser limpas e con estilos de ópera e as estruturas das cancións son máis definidas ou están inspiradas en composicións sinfónicas, ao mesmo tempo que reteñen as características típicas do black metal como os gritos, tempos rápidos, e arranxos de guitarras.[36] Algúns exemplos de grupos clasificados dentro deste xénero son Emperor[37][38] e Dimmu Borgir.[39][40]
O blackgaze é un xénero de fusión do black metal e o shoegazing orixinado a comezos do século XX.[41][42] Este xénero adoita combinar elementos habituais do black metal, incluíndo ritmos blast beat e gritos agudos, xunto a elementos melódicos e estilos de son de guitarra de tipo Wall of Sound asociados ao shoegazing. O grupo francésAlcest acredítase como a influencia e pioneiro do xénero, mentres que o grupo estadounidense Deafheaven é un exemplo habitual nas descricións das características deste xénero.[43][44]
O viking metal é un estilo con orixes no black metal e a música folk nórdica,[45][46] caracterizado polas súas letras e temáticas centradas na mitoloxía nórdica, o paganismo nórdico e a era viquinga.[6] Algunhas das características musicais comúns nos grupos incluídos neste xénero son os estilos pesados e lentos de guitarra, os coros en forma de himno, uso conxunto de voces limpas e gritos, uso de instrumentos propios da música folk e inclusión de teclados para xerar un efecto musical atmosférico.[47] Este xénero comezou a desenvolverse nos anos 1980 e 1990 como forma de rexeitar o satanismo e ocultismo propios do black metal,[48] acollendo no seu lugar a mitoloxía nórdica dos viquingos e o paganismo como forma de oposición ao cristianismo.[48] Presenta similitudes na lírica, sons e temática ao pagan metal, aínda que este último presenta un rango mitolóxico máis amplo e un uso máis extensivo da instrumentación folk.[49]
O crust punk (ou simplemente crust) é un estilo musical influenciado polo hardcore punk e o metal extremo.[67] Este estilo evolucionou a mediados dos anos 1980 en Inglaterra, con temas de líricas escuras e pesimistas relacionadas con problemas políticos e sociais. O termo "crust" foi empregado por primeira vez polo grupo Hellbastard na súa demo de 1986 titulada Ripper Crust,[68] aínda que os medios especializados describen ao grupo Amebix como os pioneiros deste estilo.[67]
O death metal é un xénero xurdido a mediados dos anos 1980 tomando como bases as estruturas musicais do thrash metal e dos comezos do black metal.[22] Os grupos deste xénero adoitan ter dous guitarristas, un baixista, un vocalista e un batería, sendo habitual as técnicas de blast beat e de dobre bombo extremadamente rápidas,[70][71] aínda que algúns grupos ocasionalmente tamén incorporan outros instrumentos como teclados electrónicos.[72] O son das guitarras neste xénero adoita ser rápido, cunha gran distorsión e tons baixos, empregándose técnicas como o palm mute e o tremolo picking.[73]
O drone metal, tamén chamado drone doom,[125] é un xénero derivado do doom metal definido principalmente por notas e acordes sostidos e repetidos chamados drones. Neste xénero aplícase unha gran reverberación e acople ao son das guitarras,[126] mentres que a voz moitas veces non está presente ou é gutural. As cancións neste xénero son de gran duración e carecen de ritmo no sentido tradicional do termo.[127] O drone metal está influenciado pola música drone, a música noise e a música minimalista,[126] e xurdiu a comezos dos anos 1990 con grupos pioneiros como Earth,[128]Boris[126] e Sunn O))).[126]
O sludge metal comezou coma un derivado do doom metal, incorporando elementos do hardcore punk e do southern rock. Moitos dos grupos deste xénero compoñen cancións lentas e pesadas que conteñen breves momentos de hardcore,[135][136] aínda que en ocasións si presentan uns tempos musicais máis rápidos que no doom metal.[137] Os instrumentos de corda tócanse cunha gran distorsión e acoples para producir un son pesado. Os ritmos de batería son semellantes aos do doom metal, con ocasionais pasaxes máis rápidas, e as voces son en forma de grito, con letras de natureza pesimista. O sufrimento, o abuso de drogas, a política e o rexeitamento da sociedade son temas comúns nas cancións deste xénero. Nova Orleáns está considerado como o lugar de nacemento deste xénero a comezos dos anos 1990,[138] con grupos pioneiros como Eyehategod,[135]Crowbar,[136]Buzzov*en[137] e Acid Bath.[139]
O folk metal é un xénero de fusión do heavy metal e a música folk tradicional xurdido en Europa nos anos 1990. A música deste xénero caracterízase pola mestura de diversos estilos de heavy metal coa música folk, sendo habitual o uso de instrumentos folclóricos xunto aos tradicionais do heavy metal,[140] en ocasións incluíndo estilos de canto tradicionais.[141] Algúns grupos tamén empregan teclados para simular o son dos instrumentos tradicionais.[142][143] As letras das cancións neste xénero adoitan tratar sobre temas como a fantasía,[144][145][146]mitoloxía,[147][148]paganismo,[149]historia[147][148] e natureza.[140]
O pagan metal é unha denominación estilística do heavy metal relacionada co black metal e o folk metal que combina características do metal extremo con tradicións pre-cristiás en forma de conceptos temáticos, melodías e instrumentos folclóricos ou linguas antigas.[173][174] O grupo noruegués In the Woods... foi un dos primeiros en ser clasificados con esta denominación,[175][176] e outros grupos como Primordial, Moonsorrow e Kampfar identifícanse tamén dentro deste estilo.[176][177][178]
O pirate metal é un subxénero do heavy metal no que os grupos se caracterizan por incorporar mitoloxía pirata na música e na estética das actuacións.[179][180] As letras das cancións adoitan conter xerga pirata[179] e a música combina varios xéneros como o thrash metal,[181] o speed metal,[179] e o folk metal[182] con cantos mariñeiros tradicionais.[179] É habitual que os grupos incorporen ou emulen instrumentos folk tradicionais como as concertinas,[183] e que os membros dos grupos e algúns dos afeccionados se disfracen con roupa de época nas actuacións e concertos.[184] Algúns dos grupos máis populares neste xénero son Alestorm[180][182] e Swashbuckle.[181]
O glam metal (tamén chamado hair metal, sleaze metal e en ocasións pop metal)[185] é un subxénero do heavy metal tradicional que incorporou elementos do hard rock e do punk rock,[186] pero engadindo hooks e riffs de guitarra inspirados pola música pop.[185][187] Con orixes nos anos 1980, as cancións deste xénero adoitan conter solos de guitarra[188] e un extensivo uso de harmonías, particularmente nas características cancións denominadas power ballads.[189] Estas cancións foron algunhas das que acadaron un maior éxito comercial no xénero, chegando a unha audiencia maior que o heavy metal tradicional. Os temas das cancións adoitan tratar sobre o amor e a luxuria, habitualmente dirixidas a unha muller en particular, ademais de presentar influencias temáticas herdadas do blues.[190]
Esteticamente o glam metal ten unha forte influencia no glam rock dos anos 1970,[191] adoitando usar peiteados elaborados, maquillaxe e accesorios de roupa rechamantes.[192] Este aspecto visual resultou atractivo para os produtores de televisión da época, en particular para a MTV que comezou as súas emisións coincidindo co aumento de popularidade deste xénero.[193] Algúns dos grupos de glam metal con maior éxito foron Poison,[30]Cinderella[194] e Warrant.[30]
O gothic metal (ou goth metal) é un estilo que combina a musicalidade do heavy metal coas atmosferas e ambientacións escuras do gothic rock.[195] A música deste estilo é diversa xa que os grupos clasificados dentro del adoptan a estética gótica a distintos xéneros de heavy metal.[196] As letras dos temas deste estilo adoitan ser melodramáticas, románticas ou tristes, tratando en ocasións temas de fantasía.[197][198]
O grindcore é un xénero de metal extremo orixinado a comezos e mediados dos anos 1980 que evolucionou como unha fusión de thrash metal e hardcore punk.[220] A instrumentación é a habitual dos xéneros dos que procede, incluíndo guitarrasbaixo e batería, aínda que é habitual que a estrutura e ton dos temas se vexan alterados considerablemente con respecto aos xéneros dos que procede.[221][222] O estilo vocal deste xénero é extremo, variando dende gritos agudos a voces guturais.[221] As letras das cancións adoitan ser de corte provocativo, cunha gran serie de músicos deste xénero declarando un forte compromiso con causas éticas e políticas da extrema esquerda.[223]
Os comezos da escena do grindcore dependeu das redes internas de intercambio de cintas musicais e producións de tipo "DIY".[223] Os precursores deste xénero máis recoñecidos son os grupos de hardcore punkSiege[224] e o grupo de death metalRepulsion[225], sendo Napalm Death o grupo que popularizou ao que se lle acredita a popularidade acadada por este xénero.[226]. Outros grupos posteriores que acadaron un certo éxito son entre outros os estadounidenses Brujeria[227] e Soilent Green.[228]
Derivados do grindcore
Deathgrind
O deathgrind é un xénero de fusión que combina as características técnicas do death metal coa intensidade e agresividade do grindcore.[229][230] Este xénero da énfase á brutalidade xeral da música e á velocidade, pero mantendo os cambios de tempo bruscos típicos do grindcore.[231] Algúns grupos notables deste xénero son Cattle Decapitation[232] e Misery Index.[233]
Goregrind e Pornogrind
O goregrind é un subxénero musical do grindcore, recoñecido musicalmente por aplicar unha gran distorsión nas voces e empregar a música abrasiva típica do grindcore.[86] Mentres que o grindcore trata temas sociais e políticos, o goregrind trata temas relacionados coa sangue, enfermidades ou accidentes con resultados mortais.[234] Malia o impacto de álbums como Horrified de Repulsion e Ultimo Mondo Cannibale de Impetigo,[223] a orixe deste subxénero atribúese ao grupo británico Carcass que comezou a súa carreira musical a comezos dos anos 1980.[235]
O latin metal é unha denominación dentro do heavy metal atribuída a aqueles grupos que teñen unha orixe, influencias ou instrumentacións adaptadas dende a música latina, como por exemplo a inclusión de voces en español, instrumentos de percusión latina e ritmos adaptados dente outros xéneros como a salsa. A súa orixe remóntase aos anos 1970 e 1980 en países de Latinoamérica grazas a cada vez maior influencia e popularidade mundial do heavy metal e do rock da época.[238] Nos Estados Unidos comezou a destacar comercialmente a partir dos anos 1990, con diversos selos discográficos buscando beneficiarse da cada vez maior popularidade do pop latino nesa época,[239] coma por exemplo na compilación Metalo do selo Grita! Records, que incluíu temas de Ill Niño e Puya entre outros.[240] Grupos como Sepultura e Soulfly adoitan citarse como predecesores deste estilo.[241] Ill Niño é probablemente o expoñente máis coñecido do xénero, ao acadar certo éxito comercial cos seus dous primeiros álbums e obter unha forte difusión radiofónica en diversas zonas dos Estados Unidos, coma por exemplo na área de San Antonio.[242]
O metalcore é un xénero de fusión do metal extremo e do hardcore punk. Este xénero presenta unha énfase distintivo no uso de breakdowns, que son pasaxes lentas e intensas que incitan ao baile tipo mosh.[243] As voces no metalcore adoitan ser en forma de gritos e ocasionalmente guturais, aínda que é habitual que grupos máis tardíos do xénero mesturen este tipo de canto con voces limpas.[244] Os riffs pesados de guitarra e a batería de dobre bombo son habituais no xénero, sendo común o uso de guitarras de sete e oito cordas.[245]
O metalcore melódico é un estilo do metalcore que combina os sons e características do death metal melódico co hardcore punk e metalcore, ocasionalmente tamén do emo.[21] As grandes influencias dos grupos deste xénero son os riffs de guitarra e estilos musicais dos grupos de death metal melódico suecos como At the Gates, Arch Enemy, In Flames e Soilwork.[258][259] Os grupos deste estilo adoptan un uso maior de melodías instrumentais nos seus temas e un maior uso de voces limpas que o metalcore. As técnicas de guitarra e batería son as típicas do metalcore, incluíndo os habituais breakdowns do xénero.[260][261][262] Algúns grupos deste estilo tamén inclúen solos de guitarra nos seus temas.[263]
O metal alternativo, tamén coñecido como alt-metal[276] ou hard alternative[277] é un estilo do heavy metal que combina elementos deste con outros adaptados dende o rock alternativo e outros xéneros non asociados directamente co heavy metal.[278][279] Os grupos clasificados neste xénero adoitan caracterizarse por riffs de guitarra pesados, voces melódicas con gritos ocasionais, inclusión de sons e estruturas musicais non convencionais no heavy metal e outro tipo de achegas máis experimentais.[279] O termo comezou a empregarse para cualificar a algúns grupos a finais dos anos 1980[280] e tornouse máis popular durante os anos 1990.[281] Deu lugar a varios subxéneros de seu, incluíndo o rap metal,[279][282] o funk metal[283] e o nu metal.[284] Algúns grupos destacados deste xénero son entre outros System of a Down,[285]Five Finger Death Punch,[286]Mudvayne,[287]Rob Zombie[288] e Sevendust[289]
O funk metal é un xénero de fusión que adopta os sons de guitarra e riffs do heavy metal e xúntaos coas liñas de baixo e ritmos sincopados do funk. O xénero evolucionou a finais dos anos 1980 cando grupos como Red Hot Chili Peppers e Fishbone comezaron a practicar este estilo híbrido cunha maior carga de funk que de heavy metal. Grupos posteriores evolucionaron cara a liñas musicais máis achegadas ao metal pero mantendo as liñas de baixo típicas desta fusión.[290]. Algúns exemplos de grupos clasificados neste xénero son Faith No More,[291]Primus,[292][293][294]Bang Tango,[295]Extreme[296] e Mordred.[292]
O metal cristián, tamén denominado nalgúns medios white metal,[313] é unha forma do heavy metal definida habitualmente pola mensaxe das letras dos temas musicais e a afiliación declarada dos membros dos grupos musicais ao cristianismo. A produción desta música adoita facerse e distribuírse a través de estacións de radio e selos discográficos considerados dentro do movemento cristián.[314]
Os grupos de metal cristián atópanse dentro de tódolos subxéneros do heavy metal, tendo a característica común entre eles a temática das letras. As temáticas cristiás e relixiosas adoitan mesturarse coas temáticas habituais de cada un dos xéneros nos que se encadran os grupos. Algúns estudos argumentan que a subcultura do metal cristián fornece aos seus membros unha forma alternativa de profesar a súa relixión, ofrecéndolles unha alternativa diferente ao heavy metal máis tradicional con mensaxes máis escuros ou negativos.[314]
O unblack metal, tamén chamado black metal cristián, é un subxénero do heavy metal que segue o estilo do black metal pero no que os músicos fan promoción do cristianismo por medio das súas letras e a súa imaxinería.[318] Os grupos deste xénero resultan controvertidos de cara aos afeccionados do black metal máis tradicional, debido ao posicionamento anti-cristián dos grupos pioneiros do xénero. Os medios tamén teñen suxerido que o cristianismo contradí a natureza escura do black metal e os ideais individualistas e misantrópicos de moitos dos grupos dese xénero.[319][320]
O metal extremo é unha denominación que abrangue unha serie de subxéneros do heavy metal relacionados entre si, orixinarios de comezos dos anos 1980 e caracterizados por un son e estilo máis duros e underground que o heavy metal máis tradicional. Os xéneros que adoitan incluírse nesta denominación son entre outros o black metal, death metal, doom metal, thrash metal, e en ocasións o speed metal.[325]
O metal neoclásico é un subxénero do heavy metal que presenta unha grande influencia da música clásica, con acordes de guitarra moi técnicos,[335] e adaptacións de estruturas e harmonías inspiradas na música clásica. Ritchie Blackmore está considerado como o pioneiro deste estilo, e posteriormente Yngwie Malmsteen converteuse nun dos músicos máis notables en contribuír ao seu desenvolvemento.[335][336] Outros músicos notables considerados dentro deste xénero son Jason Becker, Tony MacAlpine, Vinnie Moore, Stéphan Forté e Timo Tolkki.[335]
O metal progresivo orixinouse no Reino Unido e nos Estados Unidos a finais dos anos 1970s. O xénero une elementos do heavy metal e do rock progresivo, tomando a agresión e os sons de guitarra amplificados típicos do primeiro pero coas composicións máis experimentais e complexas deste último.[337] A diferenza do avant-garde metal, a experimentación no metal progresivo fai énfase na complexidade técnica e teórica da música, con ritmos complexos e estruturas pouco habituais, pero usando a instrumentación tradicional do heavy metal.[338]
O djent ou djent metal[342] é un xénero que xurdiu como unha derivación do metal progresivo.[343][344] O termo "djent" é unha onomatopea dun acorde de guitarra distorsionado de tipo palm mute, e adoita aplicarse á música que emprega este tipo de son, ó son en si mesmo ou á escena particular do xénero.[345] Este estilo caracterízase por incluír este tipo de acordes xunto con solos de guitarra[343] e unha gran complexidade rítmica.[346] Algúns dos grupos considerados como pioneiros deste estilo son Meshuggah,[345]Periphery,[347]Animals As Leaders,[344] e TesseracT.[346]
O metal sinfónico é un subxénero do heavy metal que combina as súas características con diversos elementos da música clásica, como por exemplo instrumentos sinfónicos e coros. Os teclados típicos do power metal tamén adoitan estar presentes neste xénero. Os grupos de metal sinfónico teñen habitualmente vocalistas femininas adestradas no canto, o que deu lugar ao alcume opera metal, e tamén é común que estes grupos inclúan un segundo vocalista, habitualmente masculino, cantando con voz gutural, característica máis típica do gothic metal.[348][349]
O power metal é un xénero que combina as características do heavy metal tradicional con outras do speed metal, habitualmente engadindo un contexto sinfónico. Polo xeral caracterízase por un son inspirador, contrastando coa dureza e disonancia prevalente noutros estilos como o doom metal ou o death metal. Os grupos deste xénero adoitan tocar cancións que asemellan himnos, destacando os coros e temáticas de fantasía que crean un son teatral e dramático.[365][366]
O speed metal orixinouse a finais dos anos 1970 e comezos dos 1980 a partir do movemento chamado New Wave of British Heavy Metal, e está considerado o proxenitor musical directo do thrash metal.[377] Este xénero incrementou os tempos e ritmos usados polos primeiros grupos do heavy metal máis tradicional, pero mantendo os tipos melódicos. Influenciado polo hardcore punk, o speed metal é un xénero musical moi rápido e cun gran requirimento técnico na súa execución.[377] Algúns exemplos de grupos clasificados neste xénero son Venom,[378]Motörhead[379] e Accept.[380]
O stoner metal ou stoner rock adoita ter un tempo lento, empregando tons baixos e predominando o son de baixo.[381] Combina elementos do rock psicodélico, do blues-rock e do doom metal, con voces habitualmente melódicas e unha produción de tipo "retro".[382] Xurdiu a comezos dos anos 1990, sendo os grupos estadounidenses Kyuss e Sleep os considerados como pioneiros deste xénero.[383][384]
O thrash metal é un subxénero extremo do heavy metal caracterizado polo seu rápido tempo e agresividade musical. Os temas deste xénero adoitan empregar ritmos rápidos e riffs de guitarra de rexistros baixos acompañados de guitarras solistas tocadas coa técnica shredding.[385] As letras dos temas adoitan tratar sobre problemas sociais e tamén é habitual o reproche das elites sociais, empregando unha linguaxe directa e de denuncia.[386]
O xénero evolucionou a comezos dos anos 1980 ao combinarse os ritmos rápidos de batería e a actitude do hardcore punk coas técnicas de batería e guitarra do New Wave of British Heavy Metal.[387] Xurdiu en parte como reacción do glam metal, xénero máis convencional e aceptado polos medios e de carácter menos agresivo que xurdiu na mesma época.[388] O thrash metal serviría posteriormente de inspiración para outros subxéneros de metal extremo como o death metal e o black metal.[389]
↑Walschots, Natalie Zina (17 de xuño de 2014). "Boris - Noise review". Exclaim!. Consultado o 17 de novembro de 2014.
↑Cummins, Johnson (1 de marzo de 2012). "Album of the Week". Montreal Mirror. Arquivado dende o orixinal o 04 de abril de 2012. Consultado o 22 de marzo de 2012.
↑Guyre, Jen (8 de febreiro de 2008). "Exclusive: Neurosis Q&A". Rhapsody. Arquivado dende o orixinal o 11 de decembro de 2011. Consultado o 30 de marzo de 2012.
↑Manea, Irina-Maria (16 de abril de 2015). "Primal Roots: Ancestry and Race in Extreme Music Discourses". Proceedings of IAC-SSaH 2015: International Academic Conference on Social Sciences and Humanities in Prague 2015 (Czech Institute of Academic Education): 185–193. ISBN9788090579125.
↑ 62,062,162,262,362,462,5Mühlmann, Wolf-Rüdiger. "War Black Metal: Die Extremsten der Extremen. Was bleibt, ist Schutt und Asche". Rock Hard(en alemán) (279): 71–73.
↑ 67,067,167,267,3Von Havoc, Felix (1 de xaneiro de 1984). "Rise of Crust". Profane Existence. Arquivado dende o orixinal o 17 de abril de 2012. Consultado o 16 de xuño de 2008.
↑Popoff, Martin (2014). The Big Book of Hair Metal: The Illustrated Oral History of Heavy Metal's Debauched Decade. Voyageur Press. p. 110. ISBN9780760345467.
↑Jones, Brad (6 de xullo de 1994). "Bore None". Denver Westword. Arquivado dende o orixinal o 02 de marzo de 2010. Consultado o 16 de setembro de 2008.
↑Burr, Ramiro (30 de novembro de 2003). "Latin Notes: Ill Nino's confessional Latin metal band rages about missing fathers, betrayals, and loving and hating". San Antonio Express-News. p. J.8.
↑"MusikkOpp-ned oppnedkors!". Oslonett(en noruegués). 6 de febreiro de 1995. Arquivado dende o orixinal o 01 de xaneiro de 2008. Consultado o 19 de decembro de 2007.
↑Sharpe-Young, Garry (2001). Rockdetector: A-Z of Black Metal (1ª ed.). Cherry Red Books. p. 91. ISBN1-901447308.
↑Morrow, Matt (26 de maio de 2005). "Admonish Interview". The Whipping Post. Consultado o 9 de setembro de 2007.
↑ 335,0335,1335,2Forté, Stephan (2009). "Metal néoclassique". Guitarist Magazine Pedago. Les secrets du metal- Etudes de Style (en francés) (29): 14–15.
↑Campbell, Dave (1 de maio de 2014). "Epica - The Quantum Enigma". metal-temple.com. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2016. Consultado o 01 de decembro de 2015.
↑Pages, Neil Christian; O'Sickey, Ingeborg Majer; Rhiel, Mary (2008). Riefenstahl Screened: An Anthology of New Criticism. Bloomsbury Publishing USA. p. 131. ISBN9781441104533.
↑Littlejohn, John T.; Putnam, Michael T. (2013). Rammstein on Fire: New Perspectives on the Music and Performances. McFarland. p. 9. ISBN9780786474639.
↑Reges, Margeret. "Oomph!". Allmusic. Consultado o 5 de abril de 2014.
↑Simmonds, Jeremy (2008). The Encyclopedia of Dead Rock Stars: Heroin, Handguns, and Ham Sandwiches. Chicago Review Press. p. 535. ISBN978-1-55652-754-8.
Olson, Benjamin Hedge (2008). I am the Black Wizards: Multiplicity, Mysticism and Identity in Black Metal Music and Culture (MA) (en inglés). Bowling Green State University.
Patterson, Dayal (2013). Black Metal: Evolution of the Cult(en inglés). Feral House. ISBN9781936239764.
Purcell, Natalie J. (2003). Death Metal Music: The Passion and Politics of a Subculture(en inglés). McFarland. ISBN9780786484065.