O sludge metal é un subxénero do heavy metal que mestura elementos do doom metal e do hardcore punk, e ás veces incorpora influencias do southern rock, o stoner rock e o grunge. O sludge metal é tipicamente abrasivo; adoitando ter voces berradas, instrumentos fortemente distorsionados e tempos variantes. Mentres que o estilo foi anticipado polos Melvins dende Washington, moitos dos primeiros pioneiros do xénero procedían do estado de Luisiana.
Características
O sludge metal xeralmente combina tempos lentos, ritmos pesados e a escura e pesimista atmosfera do doom metal coa agresividade, as voces berradas e ocasionais tempos rápidos do hardcore punk. Moitas bandas de sludge bands compoñen cancións de ritmo lento con breves pasaxes hardcore. Mike Williams, un fundador do estilo sludge e membro de Eyehategod, suxire que "o alcume de sludge (lodo) aparentemente ten que ver coa lentitude, a sucidade e a sensación xeral de decadencia que transmiten as cancións". Porén, algún bandas fan fincapé nos tempos rápidos na súa música. Os instrumentos de corda (guitarras eléctricas e baixo) teñen afinacións máis baixas e están fortemente distorsionados, tocándose acotío con moita retroacción (feedback) para producir un son denso pero abrasivo. Ademais, os solos de guitarras son moi pouco usados. A batería adoita a interpretarse como no doom metal, pero os baterías poden empregar o estilo hardcore D-beat ou dobre bombo durante as pasaxes máis rápidas. As voces adoitan a ser berradas, e as letras son xeralmente pesimistas. O sufrimento, o abuso de drogas,a política e a ira cara a sociedade son temas comúns.
Moitas bandas de sludge metal do sur dos Estados Unidos incorporan influencias do southern rock e do blues, aínda que non todas as bandas de sludge comparten este estilo. Existe algunha controversia en torno se o termo se refire unicamente ao estilo que emerxe de Nova Orleáns e posteriormente dunha zona máis grande do sur estadounidense, ou se a súa procedencia é máis ampla. As chamadas bandas de sludge ambiental teñen unha aproximación máis experimental e compoñen música cunha atmosfera ambiental, reducindo a agresividade e as letras filosofais. Debido ás semellanzas entre o sludge e o stoner metal, son normais os cruces entre ambos xéneros, pero o sludge metal xeralmente evita o usio da psicodelia do stoner metal. O sludge metal tamén ten algunhas semellanzas líricas co crust punk, debido ao uso de letras políticas e mestas guitarras sucias.
Historia
Precursores
Xunto con Black Flag e Black Sabbath, músicos citados polos pioneiros do estilo como influencia son Mississippi John Hurt, Lynyrd Skynyrd, Greg Ginn, Trouble, Carnivore, Saint Vitus, Gore, Righteous Pigs, Amebix e Swans. As primeiras bandas de sludge metal tamén foron influenciados pola música industrial de SPK, Throbbing Gristle, Chrome e Swans. Os comezos do sludge foron relacionados co "slow punk" de Flipper e o álbum My War de Black Flag.
Inicios
Quizais a influencia máis significativa do período inicial do xénero foi Melvins, unha banda do estado de Washington liderada por Buzz Osborne. As súas primeiras edicións, Six Songs (1986) e Gluey Porch Treatments (1987), adoitan a ser consideradas como as primeiras gravacións sludge. Nese tempo, a banda era tamén un importante membro da escena grunge de Washington. Neurosis, de Oakland, foi tamén unha significativa banda nos inicios do estilo.
A comezos dos anos 90, un feixe de bandas de Luisiana (particularmente da escena metal de Nova Orleáns) colleron estas influencias e desenvolveron o estilo que se acabaría coñecendo como sludge. Eyehategod (formada en 1988), Crowbar (formada en 1989 como The Slugs) e Acid Bath (formada en 1991) foron pioneiras deste movemento. Na costa leste estadounidense, Buzzov*en (formada en 1989), 13 (formada en 1990) e Grief (formada en 1991) adoptaron un enfoque máis tranquilo do novo xénero.
Desenvolvementos posteriores
O sludge metal estendeuse posteriormente a través do sur e do leste dos Estados Unidos. A popularidade de Down, inicialmente un proxecto paralelo de Pantera e un [[supergrupo de sludge, adoita a considerarse clave na propagación do xénero por todo o país.
Coa aparición do primeiro álbum do grupo británico Iron Monkey en 1997, notouse un cambio no enfoque do xénero. O sludge estendeuse por todo o mundo e apareceron pequenas escenas en varios países.
Destacan destes últimos anos o grupo xaponé Corrupted e bandas estadounidenses como Lair of the Minotaur, Old Man Gloom e Kylesa. Ademais, o estado de Xeorxia ten sido recentemente a maior fonte de novos grupos de sludge con bandas como Mastodon, Baroness e os xa citados Kylesa.
A finais da década dos 90, moitos conxuntos do xénero comezaron a incorporar elementos do post-rock á súa música. Este novo son, denominado "post-metal", inspirouse en gran medida no estilo experimental de Neurosis dende comezos ata mediados da década, e é interpretado por destacadas bandas como Isis, Cult of Luna e Pelican.