Rammstein

Rammstein
Rammstein en concerto en Milán no 2005
OrixeSchwerin, Alemaña Alemaña
Período1994 - presente
Xénero(s)Neue Deutsche Härte, metal industrial
Selo(s) discográfico(s)Universal Music
MembrosTill Lindemann
Richard Z. Kruspe
Christoph Doom Schneider
Oliver Riedel
Paul Landers
Christian "Flake" Lorenz
Na rede
http://www.rammstein.com
IMDB: nm1339792 Facebook: Rammstein Twitter: RSprachrohr Instagram: rammsteinofficial MySpace: rammstein Youtube: UCYp3rk70ACGXQ4gFAiMr1SQ TikTok: rammstein Souncloud: rammstein-official Spotify: 6wWVKhxIU2cEi0K81v7HvP iTunes: 408932 Last fm: Rammstein Musicbrainz: b2d122f9-eadb-4930-a196-8f221eeb0c66 Songkick: 11557 Discogs: 11771 Allmusic: mn0000333648 Deezer: 464 Genius: Rammstein Editar o valor en Wikidata

Rammstein (alemán: [ˈʁamʃtaɪn]) é un grupo alemán de Neue Deutsche Härte formado en 1994. O seu estilo musical incorpora elementos do metal industrial e a música electrónica. As súas cancións desenvólvense case exclusivamente en alemán, malia ter realizado cancións noutros idiomas incluíndo o inglés, o español, o francés e o ruso.

Tras gañar un concurso que permitiu a gravación do seu primeiro álbum, Herzeleid, en 1995, a banda gañou popularidade polas súas actuacións en vivo, coñecidas polos seus elementos teatrais e espectáculos pirotécnicos.[1] O seu segundo álbum, Sehnsucht (1997), debutou como número 1 en vendas en Alemaña, resultando nunha xira mundial de catro anos de duración e a sinatura dun contrato coa importante discográfica Universal Music. A pesar das súas temáticas e actuacións controvertidas, Rammstein converteuse rapidamente nun éxito, vendendo ao redor de 20 millóns de copias en todo o mundo e sendo nomeada a dous premios Grammy.

Historia

Herzeleid e Sehnsucht (1989-2000)

En 1989, o guitarrista de Alemaña do Leste Richard Kruspe escapou a Berlín Occidental, onde fundou a banda Orgasm Death Gimmick, cunha gran influencia da música metal americana. Coa caída do Muro de Berlín mudouse de novo á cidade portuaria de Schwerin, onde compartiría piso con Oliver Riedel, baixista da banda de folk punk The Inchtabokatables, e Christoph Schneider, da banda Die Firma. Nesta cidade entra en contacto coa banda First Arch, onde comeza a tocar a guitarra de xeito esporádico, e traba amizade co batería da banda, Till Lindemann.

En 1993, Kruspe funda un novo proxecto musical xunto con Riedel e Schneider co obxectivo de crear un estilo de metal fidedigno á escena alemá. Ante a dificultade á hora de escribir letras para as súas cancións, Kruspe persuade a Lindemann, fillo dun escritor e cunha afección polo canto, para unirse á banda como vocalista.

A banda coexistiu con membros doutras agrupacións, particularmente da banda de punk Feeling B, quen apoiou economicamente o novo proxecto. As primeiras cancións de Rammstein foron gravadas en 1994 nun edificio okupado por Aljoscha Rompe, frontman de Feeling B[2]. Estas catro demos foron enviadas a un concurso de bandas afeccionadas en Berlín cuxo gañador tería acceso a un estudio de gravación profesional durante unha semana, e resultaron vitoriosas[2]. Tras escoitar as gravacións, o guitarrista Paul Landers e o tecladista Christian “Flake” Lorenz, ambos membros de Feeling B, uníronse ó grupo.

Orixinalmente, a banda recibira o nome de Tempelprayers[3]. O nome “Rammstein” procede dunha pintada feita por Schneider, Lorenz e Landers no interior da súa camioneta Robur Lo cando tocaban en Feeling B, en honor ó desastre de Ramstein de 1988[4]. De acordo con Landers, o “m” extra no nome foi un erro que nunca se corrixiu[5]. Nun artigo de Metal Hammer de 2019, explícase que o nome da banda xurdiu a partir dunha das súas primeiras cancións, “Ramstein”, que narraba a historia do desastre de aviación. A comunidade local comezou a referirse a eles coma “a banda de Ramstein”, polo que aceptaron o nome por antonomasia.[2]

Rammstein asinaría un contrato discográfico con Motor Music, e comezarían a gravar o seu primeiro álbum discográfico, Herzeleid, en 1995, xunto co produtor Jacob Hellner[6]. Publicaron o álbum en setembro dese mesmo ano, e pouco despois acompañaron á banda Clawfinger nunha xira por Varsovia e Praga[2]. O seu primeiro impulso importante á fama tivo lugar en 1997, cando Trent Reznor, vocalista da banda Nine Inch Nails, escoulleu as cancións “Heirate mich” e “Rammstein” coma parte da banda sonora da película Lost Highway de David Lynch[2]. Neste mesmo ano, a canción Engel apareceu na banda sonora da película Mortal Kombat 2: Aniquilación.

Rammstein comezou a gravar Sehnsucht en novembro de 1996 nos Temple Studios en Malta[6]. De novo, o álbum foi producido por Jacob Hellner, e publicouse en agosto de 1997. Sehnsucht acadou o Número 1 en Alemaña tras pasar dúas semanas nas listas, conseguindo que dous álbums dunha mesma banda (Sehnsucht e Herzeleid) estiveran no Top 20 alemán de xeito simultáneo. En decembro de 1997 embarcáronse na súa primeira xira estadounidense coma teloeiros de KMFDM. Durante o ano seguinte, Rammstein tocaría o seu maior show ata o momento no Wuhlheide[7] e uniríase ó Family Values Tour de Korn, Ice Cube e Limp Bizkit. Durante esta xira a banda sería detida pola policía local en metade dun concerto no día de Samaín: xa que eran os únicos que non contaban con disfraces, decidiron tocar medio espidos e foron detidos por indecencia pública.

En abril de 1999, Rammstein actuarían coma teloeiros para KISS en Suramérica e Centroamérica. Posteriormente embarcaríanse nunha xira norteamericana con Soulfly, Skunk Anansie e Mindless Self Indulgence. Durante esta xira, Till Lindemann e Flake Lorenz foron arrestados durante un concerto en Massachusetts pola súa actuación durante a canción Bück dich, na que Lindemann usaba un dildo cheo de leite para simular sexo anal co tecladista. Tiveron que permanecer unha noite no cárcere e pagar unha multa[8]. Consecuentemente, a banda apareceu na comedia sexual The Debtors, dirixida por Randy e Evi Quaid, recreando a actuación que causara o seu arresto. Segundo Evi Quaid, o millonario Charles Simonyi, un dos financiadores do filme, sentiuse ofendido pola escena, causando que a película permaneza sen unha estrea oficial a día de hoxe.[9][10]

En 1999 recibiron un nomeamento á Mellor Performance de Metal nos Premios Grammy. En agosto do mesmo ano publícase o álbum en vivo Live aus Berlin, que acadou o Número 2 nas listas de Alemaña. Pouco despois, a canción Du hast foi incluída en The Matrix: Music from the Motion Picture.

Mutter, Reise, Reise e Rosenrot (2000-2006)

O terceiro álbum da banda, Mutter, foi gravado no sur de Francia entre maio e xuño do 2000, e mesturado en Estocolmo nese mesmo ano. O Tour de Sehnsucht rematou a inicios de 2001. A banda tiña previsto tocar no Pledge of Allegiance Tour xunto con Slipknot e System of a Down en setembro do mesmo ano. Porén, o guitarrista Landers tivo que ausentarse por mor dunha emerxencia familiar, e foi reemplazado por Daron Malakian nun dos concertos. Eventualmente a xira foi cancelada. No documental Rammstein in Amerika, Lorenz admitiu que a cancelación da xira foi causada polo cansancio da banda tras anos de concertos ininterrompidos, discusións entre Landers e Kruspe e a atmosfera de histeria tralo recente ataque terrorista do 11-S[11]. En múltiples entrevistas, Schneider afirmou que a banda estivo a punto de disolverse en 2001 debido a "diferenzas persoais masivas"[12].

Inmediatamente despois, a banda participou no festival Big Day Out en Oceanía e gravou o seu videoclip para o sinxelo Sonne. O lanzamento de Mutter en abril desde mesmo ano iniciou un novo tour por Europa e Norteamérica que rematou en agosto. En xaneiro de 2002, Rammstein viaxou a Praga para participar na primeira escena da película XXX tocando a súa canción Feuer frei!, que sería lanzada como sinxelo pouco despois.

En decembro de 2003, Rammstein gravou o seu álbum Reise, Reise no estudio El Cortijo en Málaga. De novo, foi mesturado en Estocolmo a mediados de 2004. Xunto cos directores Zoran Bihac e Jörn Heitmann gravaron os videoclips para Mein Teil e Amerika, respectivamente. Para recrear o escenario lunar deste último vídeo precisáronse 240 toneladas de cinza.

Reise, Reise lanzouse en setembro de 2004, convertendo a Rammstein na banda de fala alemá máis exitosa de tódolos tempos segundo as listas de Billboard. A partir de febreiro de 2005 a banda comezou un tour por Europa, no que se viron envueltos en numerosas denuncias por accidentes pirotécnicos con membros da audiencia. Entre maio e xullo do mesmo ano Rammstein tocou en varios festivais de música europeos. As gravacións destes concertos están recollidas no DVD en vivo Völkerball, lanzado en novembro de 2006.

En agosto de 2005, Rammstein revelou que lanzarían un novo álbum, sucesor directo de Reise, Reise. Rosenrot foi lanzado o 28 de outubro do mesmo ano, continuando co éxito do seu predecesor. O 19 de febreiro de 2006, o asteroide 110393 Rammstein foi nomeado en honor á banda[13].

Liebe ist für alle da e hiato (2006-2017)

A banda comezou a traballar nun novo álbum en 2007. O proceso de gravación levou un dous anos. En xullo de 2009, a canción Liebe ist für alle da foi filtrada en Internet xunto con certos contidos promocionais, o que levou a Universal Music a tomar accións legais contra certas webs de fans[14]. O videoclip para o primeiro sinxelo do álbum, Pussy, foi publicado en setembro de 2009 na páxina para adultos Visit-x[15]. O vídeo contiña escenas sexuais gráficas de mulleres tendo relacións sexuais cos membros da banda, malia que foran gravadas por profesionais e editadas despois mediante deepfakes[16][17].

O álbum Liebe ist für alle da foi censurado o 11 de novembro de 2009 por petición do Ministerio de Asuntos Familiares alemán, debido ás temáticas sadomasoquistas da canción homónoma e dunha foto incluída no CD[18]. En xuño de 2010 esta censura foi retirada en favor da "liberdade artística da banda"[19][20]. Con todo, en abril de 2016 a banda demandou á República Federal Alemá, xa que 85 000 copias do álbum tiveron que ser destruídas ou arquivadas debido á censura, cun custo estimado de 66 000 euros[21]. En outubro do mesmo ano, os avogados do grupo anunciaron que chegaran a un acordo coa administración correspondente e retiraran a demanda[22].

O 8 de novembro de 2009, Rammstein comezou o tour de Liebe ist für alle da en Lisboa. En verán do ano seguinte participarían no Rock AM Ring Festival[23], o Sonisphere Festival e o Festival d’été de Québec. A finais de ano realizaron múltiples concertos en Suramérica e unha data exclusiva en EEUU. As entradas agotáronse en menos de 20 minutos. A inicios de 2011, tocaron dous concertos en Suráfrica con aforo completo. Tras o éxito dos seus concertos norteamericanos, realizaron un tour en EEUU en 2011. Neste mesmo ano recibiron o Revolver Golden God Award por Mellor Banda en Directo.

En decembro de 2011, Rammstein lanzou un álbum de grandes éxitos titulado Made in Germany 1995-2011. En 2011 comezaron unha xira europea coa banda sueca de metal industrial Deathstars coma teloeiros. En 2012 estiveron de xira por Norteamérica[24], co DJ Joe Letz das bandas Combichrist e Emigrate como teloeiro.

Os membros de Rammstein, a excepción de Till Lindemann, tocaron The Beautiful People con Marilyn Manson nos Echo Awards o 22 de marzo de 2012. En 2013, Rammstein participou nos festivales Download Festival, Wacken Open Air e Rock Werchter[25]. Ademais, lanzaron unha colección de tódolos seus videoclips titulada Videos 1995-2012, xunto con dous videoclips inéditos da canción Mein Herz Brennt, do álbum Mutter[26].

En xullo de 2013, o guitarrista Paul Landers revelou nunha entrevista a posibilidade de lanzar un documental de Rammstein e un DVD en directo, ademais da posibilidade de comezar a traballar nun novo álbum en 2014[27]. En setembro dese ano, porén, Richard Kruspe anunciou que a banda pensaba tomarse un descanso da produción de álbums. Durante este hiato, Richard Kruspe centrouse en traballar coa súa banda Emigrate[28], mentres que Till Lindemann fundou o superdúo Lindemann co sueco Peter Tägtgren, guitarrista da banda Pain. En 2015 Flake Lorenz publicou a súa autobiografía, Der Tastenficker – An was ich sich so erinnern kann, onde narra varias experiencias vividas pola banda.

En maio de 2015, Till confirmou nunha entrevista con MusikUniverse que Rammstein comezaría a pre-produción dun posible álbum en setembro dese ano, e que o proceso seguramente levaría dous anos, ata 2017[29].

A inicios de agosto de 2015 a banda anunciou Rammstein in Amerika, un lanzamento en vídeo da súa actuación no Madison Square Garden en 2010 xunto cun documental feito con material arquivado. Rammstein tocou en numerosos festivais durante 2016 e 2017[30]. En 2017 tivo lugar o seu único concerto en Galicia durante o Resurrection Fest, en Viveiro.

Sen título e Zeit (2017-presente)

Nunha entrevista en marzo de 2017, Richard Kruspe confirmou que Rammstein contaba con 35 cancións case rematadas. En maio a banda volveu a estar de xira e revelouse que o produtor Sky van Hoff traballaría no próximo álbum[31]. En xaneiro de 2019, Kruspe anunciou que a gravación do álbum rematara e que sería lanzado ó público en abril de 2019 xunto con cinco videoclips.

Rammstein lanzou o primeiro sinxelo do seu sétimo álbum, Deutschland, en marzo de 2019, e anunciou a data de lanzamento do seu sétimo álbum de estudo sen título, o 17 de maio de 2019. Pouco despois do seu lanzamento, o álbum alcanzou o número 1 en catorce países diferentes, vendendo 260 000 copias en Alemaña en só unha semana. A banda embarcouse nunha xira por estadios en maio de 2019 con motivo da publicación do álbum, pero as datas de 2020 víronse interrompidas por mor da pandemia da COVID-19. Esta perna do tour foi reprogramada inicialmente para 2021[32][33], pero tivo que ser posposta ata 2022 para evitar aglomeracións[34].

Durante o confinamento por COVID, Christoph Schneider confirmou nun podcast alemán que a banda volvera a escribir música[35]. En setembro de 2020 informouse de que os membros visitaran La Fabrique Studios en Francia, onde gravaran Sen título, para gravar música nova[36]. En febreiro de 2021, Flake Lorenz confirmou a Motor Music que a banda rematara de gravar un oitavo álbum de estudo. Lorenz afirmou que as sesións de gravación non foron planificadas, e que a corentena provocada pola pandemia permitiu "menos distraccións" e "máis tempo para pensar en cousas novas"[37]. En outubro de 2021, estreouse unha canción do álbum na Estación Espacial Internacional ao astronauta francés Thomas Pesquet[38]. O 10 de marzo, anunciaron formalmente o álbum, titulado Zeit, revelando a súa data de lanzamento do 29 de abril de 2022.

En maio de 2023, unha muller norteirlandesa chamada Shelby Lynn afirmou ter sido drogada durante un concerto de Rammstein en Vilnius e seleccionada para acudir a un cuarto debaixo do escenario para ter relacións sexuais co vocalista. Malia salientar que nunca foi obrigada a levar a cabo actividades sexuais, afirmou que a banda dispoñía dun "sistema organizado para captar rapazas novas con fins sexuais"[39][40]. A policía de Vilnius non atopou indicios de de violencia nin drogas, polo que non se levaron a cabo investigacións[41]. En maio de 2024, un comunicado de prensa dos avogados de Lindemann revelou que Lynn admitira durante o interrogatorio estar baixo os efectos de grandes cantidades de alcohol e marihuana durante os eventos do concerto[42][43][44]. Con todo, esta denuncia inicial foi seguida polas testemuñas doutras mulleres, quen afirmaron ser contactadas por unha "directora de casting" en redes sociais para invitalas a festas tralos concertos, durante as cales levábanse a cabo actos sexuais[45][46]. Todas estas testemuñas foron feitas de xeito anónimo a periódicos alemáns, impedindo unha investigación por parte das autoridades.

O 14 de xuño de 2023, a fiscalía berlinesa anunciou que iniciara unha investigación contra Lindemann baseada en informes de terceiros non implicados, "no ámbito de delitos sexuais e distribución de estupefacientes"[47]. O 29 de agosto do mesmo ano suspendeuse a investigación debido á falta de sospeitas de delito e a que ningunha das mulleres presuntamente afectadas presentara declaración ante a fiscalía[48][49].

Letras

Rammstein cantando Mein Teil en 2013, unha das pistas de Reise, Reise. A canción esta baseada nos sucesos do caso Armin Meiwes.

Case todas as cancións de Rammstein están en alemán. Con todo, a banda gravou cancións en inglés, así como unha versión da canción "Stripped" (Depeche Mode). Ademais, as cancións "Amerika", "Stirb nicht vor mir/Don't Die Before I Do," e "Pussy" conteñen letras en inglés. A canción "Moskau" ("Moscova") contén un coro en ruso, e Till Lindemann ten unha canción non oficial chamada "Schtiel" (versión da canción "Штиль"("Shtil") da popular banda de heavy metal rusa "Aria" completamente en ruso. " "Te quiero puta!" está enteiramente en español, e a canción "Frühling in Paris" ten un estribillo en francés. Oliver Riedel comentou que "a lingua alemá adáptase á música heavy metal, o francés pode ser a lingua do amor, pero o alemán é a lingua da ira".[50] Nunha entrevista con Ultimate Guitar, cando se lle preguntou se Rammstein xamais crearía unha canción totalmente en inglés, Till Lindemann declarou que "Rammstein nunca escribirá unha canción en inglés, é como pedirlle a Buda que mate un porco".[51]

As letras da banda, cantadas por Till Lindemann, son un elemento esencial da súa música, e moldean a percepción dos fans e dun público máis amplo. Adoitan tocar tabús e temas controvertidos como o sadomasoquismo («Bestrafe Mich», «Ich tu dir weh»), o incesto («Spiel mit mir», «Wiener Blut» ou «Tier») a violación («Weißes Fleisch», «Liebe ist für alle da»), o abuso sexual por parte do clero («Halleluja»), a necrofilia («Heirate mich»), o canibalismo («Mein Teil», «Eifersucht») e os símbolos relixiosos («Asche zu Asche»). As cancións dos primeiros álbums (Herzeleid, Sehnsucht e Mutter) céntranse sobre todo no sexo e a violencia. En Reise, Reise e Rosenrot trátanse tamén outros temas relacionados coas relacións interpersonais. Nestes dous discos, Rammstein canta sobre a amizade, a soidade, a obsesión, o amor non correspondido e a superficialidade nas relacións.

Moitas letras están influenciadas por diversas obras literarias, especialmente alemás. A canción «Dalai Lama»[52] é unha adaptación de Der Erlkönig, de Goethe.[53]«Hilf mir»[54] está inspirada no poema «A tristísima historia dos mistos», do libro infantil de Heinrich Hoffmann StruwwelpeterPedro Melenas»).[55][56] A canción «Rosenrot»[57] baséase no poema de Goethe Heideröslein;[58] «Du riechst so gut»[59] podería estar inspirada no libro «O perfume» de Patrick Süskind e «Stein um Stein» no relato O barril de amontillado de Edgar Allan Poe.[60] Do mesmo xeito, o estribillo do tema «Haifisch» é unha variación da canción de Kurt Weill «Die Moritat von Mackie Messer», cuxa letra é obra de Bertolt Brecht.[61] Tamén varias das súas cancións están supostamente inspiradas en sucesos da vida real. Estas cancións inclúen "Rammstein" ("Desastre de Ramstein airshow")), "Mein Teil", Wiener Blut e Donaukinder. Derramamento de cianuro de Baía Mare en 2000).

O xogo de palabras é un compoñente fundamental das letras de Rammstein. En moitos casos, as letras están redactadas para que poidan ser interpretadas de varios xeitos. A canción "Du hast", por exemplo, é unha canción sobre os votos matrimoniais alemáns "Willst Du, bis der Tod euch scheidet, treu ihr sein für alle Tage?" ("¿Prometes serlle fiel a ela ata que a morte os separe?"). Na canción, a resposta afirmativa tradicional, Ja ("Si"), é substituída pola súa negación "Nein" ("Non"). A canción comeza, de feito, cun xogo de palabras: "Du ... Du hast ... Du hast mich ..." significa "Ti tesme". Esta liña confúndese a miúdo con "Ti ódiasme", porque en alemán, non hai ningunha distinción entre a pronunciación de "Du hasst" ("ti ódiasme") e "Du hast" ("ti me tes"). O xogo de palabras resólvese máis tarde a medida que se completa a frase: Du hast mich gefragt/Und ich hab' nichts gesagt ("Preguntáchesme / E non dixen nada"). Confusamente, a banda tamén fixo unha versión en inglés da canción chamada "You Hate", que non foi traducida directamente de "Du hast". Aínda que fanse moitas suposicións sobre "Du hast", sábese que Rammstein usou este texto para enganar intencionadamente ao oínte e crear humor na canción, facendo que moitos falantes non alemáns confúndanse.

Membros

Logo da banda

Rammstein mantén a mesma formación desde a fundación en 1994, un caso case único en bandas de metal. O guitarrista Richard Kruspe dixo nunha entrevista a Revolver Magazine:

Rammstein segue o seu propio ritmo. Impórtanos unha merda que a xente pense que necesitamos sacar un disco cada dous anos e esa é unha das razóns polas que aínda estamos coa mesma formación. Coidámonos uns ós outros, e se alguén ten que tomarse tempo libre ou facer algo máis, escoitámolo.

- Richard Z. Kruspe,[62]

Os membros da banda teñen proxectos paralelos nos que participan durante a inactividade de Rammstein. Kruspe lidera o grupo Emigrate, mentres que Till Lindemann comezou o seu proxecto Lindemann en 2015.

Actuacións en vivo

Rammstein é coñecido polo seu uso frecuente de pirotecnia durante as actuacións en vivo.

Rammstein alcanzou unha particular fama polo seu exitoso show nos escenarios, facendo un uso tan extenso da pirotecnia que os fans eventualmente acuñaron o lema "Outras bandas tocan, Rammstein quéima!" (Unha broma sobre a canción "Kings of Metal" de Manowar, que di, "outras bandas tocan, Manowar mata"). Tras un accidente no "Arena de Berlín", no que caeron algunhas pezas decorativas en chamas (27 de setembro de 1996)[63] a banda comezou a usar profesionais para manexar a pirotecnia. Lindemann cualificouse posteriormente como pirotécnico licenciado. Pasa cancións enteiras envolto de xeito total en chamas. Sufriu múltiples queimaduras nas orellas, a cabeza e os brazos.

A calor durante as actuacións en vivo é tan intenso que, en ocasións, o público foi evacuado de concertos sufrindo de esgotamento por calor, e os pórticos de iluminación foron vistos brillando ao roxo vivo por repetidos golpes de bolas de lume. A variedade da pirotecnia pódese ver nunha recente lista de reprodución de concertos, que inclúe artigos tales como máscaras lanzachamas (véxase Lycopodium) e baquetas, guitarras, micrófonos e botas que lanzan chispas o arden. Lindemann solía cantar o tema «Rammstein» en chamas, enfundado nun traxe ignífugo.

Os traxes da banda son apropiadamente extravagantes. Durante o tour Reise, Reise, usaron uniformes Lederhosen, corsés e uniformes de inspiración militar con stahlhelm (modelo de casco militar), mentres que durante a xira Mutter (nai) o grupo cinguiuse ao temas da portada do álbum e descendeu ao escenario dun útero xigante mentres usaba cueiros. No concerto "Völkerball", entre outros, Till cambiou traxes entre cancións, vestidos de acordo a cada un. Por exemplo, en "Mein Teil", vestiuse como un carniceiro, en "Reise, Reise", como un mariñeiro. O resto da banda usou o seu vestiario preferido, pero ningún tan estraño como os de Till. O estilo da banda para os traxes é evidente nos seus vídeos musicais, así como nas súas actuacións en vivo. No vídeo "Keine Lust", todos os membros agás Lorenz están vestidos con traxes de gordos. No vídeo "Amerika", todos os membros da banda usan traxes de astronauta.

Till Lindemann durante "Rammstein", coñecido por usar lanzachamas montados nun brazo dual.

Desde o "Mutter Tour", a partir de 2001, Rammstein traballou co escenógrafo Roy Bennett, que axudou á banda no desenvolvemento do deseño dos escenarios. Con Reise, Reise Tour (2004/2005), a banda comezou a usar un escenario de dous niveis, coa metade da banda tocando no nivel inferior, e a outra metade colocada na parte superior. Neste percorrido, o nivel superior elevouse a 2 metros por encima do piso do escenario e tiña unha entrada ovalada xusto debaixo dos tambores. A ambos os dous lados do nivel superior, un ascensor especial permitía aos membros da banda acceder a ambos niveis do escenario. No Liebe ist für alle da Tour (a partir de 2009), o novo escenario aínda tiña un deseño de dous niveis. Esta vez, con todo, o nivel superior só tiña ao redor da metade da altura que na xira anterior. A entrada no escenario era posible por unha rampla hidráulica no centro do piso do escenario. En cada extremo do nivel superior colocáronse escaleiras para acceder a ambos niveis.

Esta xira incluíu non só o uso masivo de pirotecnia, senón tamén un espectáculo de iluminación masiva, como o famoso logotipo da banda como grandes lámpadas e catro enormes torres plegables, formando o pano de fondo industrial do set, capaz de facer diferentes efectos de iluminación. Segundo Kruspe, a tolemia no escenario é totalmente deliberada (o lema de Rammstein de acordo con Schneider é: "Fai o teu, ¡e esaxera!"). O obxectivo é chamar a atención da xente e divertirse ao mesmo tempo.

Tes que entender que o 99 por cento da xente non entende as letras, así que tes que atopar algo para manter o drama no programa. Temos que facer algo. Gústanos ter un espectáculo; Gústanos xogar con lume. Temos sentido do humor. Rímonos diso; Divertímonos ... pero non somos Spinal Tap. Tomamos a música e as letras en serio. É unha combinación de humor, teatro e a nosa cultura do Leste de Alemaña, sabes?

- Richard Z. Kruspe[64]

As súas postas en escena tamén os puxeron en problemas. Durante o seu período en América no Family Values Tour 1998, xunto a actuacións como a do rapeiro Ice Cube, Korn, Limp Bizkit e Orgy, a banda foi arrestada por indecencia. Nun dos momentos do concerto, o cantante Till Lindemann simulou un acto de sodomía co tecladista Lorenz durante a súa interpretación de "Bück dich" en Worcester, Massachusetts. Posteriormente foron arrestados e multados con 25 dólares e pasaron unha noite no cárcere.[65][66] A banda intentou apelar a multa, e gastou máis en honorarios legais e honorarios xudiciais que na propia multa de 25 $.[Cómpre referencia]

Discografía

Rammstein publicou un total de oito álbums, dous deles gravados en vivo, así como máis de vinte sinxelos. Os álbums de estudio de Rammstein son:[67][68]

Álbums

Álbum Ano Selo
Herzeleid 1995 Motor Music
Sehnsucht 1997 Motor Music
Mutter 2001 Motor Music
Reise, Reise 2004 Motor Music, Republic Records
Rosenrot 2005 Universal
Liebe Ist Für Alle Da 2009 Universal, Vagrant
Rammstein 2019 Universal
Zeit 2022 Universal

Álbums ao vivo

Notas

  1. "Rammstein winning Best Live Band award". Rammstein.de. 21 de abril de 2011. Arquivado dende o orixinal o 21 de xullo de 2011. Consultado o 25 de febreiro de 2014. 
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 "Rammstein: The birth of a legend". Metal Hammer. Consultado o 24/05/2024. 
  3. "Rammstein: Sons of East German punk – DW – 07/26/2019". dw.com (en inglés). Consultado o 2024-05-25. 
  4. "Exklusiv-Konzert: Rammstein oder der Triumph des Brüllens - WELT". DIE WELT (en alemán). 2015-09-28. Consultado o 2024-05-25. 
  5. Galenza, Ronald; Havemeister, Heinz (2002). Feeling B. Mix mir einen Drink. Berlin: Schwarzkopf & Schwarzkopf. p. 262.
  6. 6,0 6,1 "RAMMSTEIN :: Band :: Timeline". web.archive.org. 2008-06-13. Arquivado dende o orixinal o 13 de xuño de 2008. Consultado o 2024-05-25. 
  7. "History - Rammstein". web.archive.org. 2015-03-27. Arquivado dende o orixinal o 27 de marzo de 2015. Consultado o 2024-05-25. 
  8. Hannes Rossacher, Marek Weinhold: Documentary: Rammstein in America . 2015, DVD 2
  9. "Debtors, The (1998): Michael Caine, Catherine McCormack, Randy Quaid". www.citizencaine.org. Consultado o 2024-05-27. 
  10. Archerd, Army (2000-01-28). "Quaids are real-life ‘Debtors’". Variety (en inglés). Consultado o 2024-05-27. 
  11. Rammstein: Rammstein in Amerika , DVD 2, Documentary, original sounds from 1:24 hrs., Rammstein GbR/Universal, 2015.
  12. Groß, Rainer Schmidt Torsten (2011-12-02). "Rammstein: Exklusives Interview mit Christoph Schneider ... jetzt weiterlesen auf Rolling Stone". Rolling Stone (en alemán). Consultado o 2024-05-27. 
  13. "Small-Body Database Lookup". ssd.jpl.nasa.gov. Consultado o 2024-05-25. 
  14. Rich (2009-07-20). "New Rammstein Song ‘Liebe Ist Fur Alle Da’ Leaked | Alt-UK" (en inglés). Consultado o 2024-05-25. 
  15. "RAMMSTEIN: Liebe ist für alle da auf VISIT-X - Exklusive Weltpremiere!". web.archive.org. 2010-01-24. Archived from the original on 24 de xaneiro de 2010. Consultado o 2024-05-25. 
  16. "Rammstein: «Wir hatten keinen Sex»". 20 Minuten (en alemán). 2009-10-14. Consultado o 2024-05-25. 
  17. "Rammstein | Hustler Magazine". web.archive.org. 2010-09-29. Arquivado dende o orixinal o 29 de setembro de 2010. Consultado o 2024-05-25. 
  18. Wurm, Gerald (2009-11-06). "Rammstein - Liebe ist für alle da wurde indiziert (Schnittberichte.com)". www.schnittberichte.com (en alemán). Consultado o 2024-05-27. 
  19. "Bundesprüfstelle - Die Bundesprüfstelle - CD "Liebe ist für alle da" der Gruppe "Rammstein" aus der Liste gestrichen". web.archive.org. 2013-04-26. Archived from the original on 26 de abril de 2013. Consultado o 2024-05-27. 
  20. "Ab 18 - Musik auf dem Index | ONE". web.archive.org. 2017-03-19. Archived from the original on 19 de marzo de 2017. Consultado o 2024-05-27. 
  21. "Rammstein will Geld vom Staat | rbb Rundfunk Berlin-Brandenburg". web.archive.org. 2016-04-17. Archived from the original on 17 de abril de 2016. Consultado o 2024-05-27. 
  22. Ott, Sebastian (2016-10-24). "Ein (weiterer) Sieg für die Kunstfreiheit: Rammstein erneut erfolgreich gegen die Bundesrepublik". LICHTE Rechtsanwälte (en alemán). Consultado o 2024-05-27. 
  23. "Rammstein Confirmed For Rock Am Ring | News, Top Posts | Metal Hammer". web.archive.org. 2013-06-10. Archived from the original on 10 de xuño de 2013. Consultado o 2024-05-25. 
  24. "Announcement: North American Tour 2012 « Rammstein". web.archive.org. 2012-03-04. Archived from the original on 04 de marzo de 2012. Consultado o 2024-05-25. 
  25. "Rammstein confirm festivals in 2013!
 « Rammstein". web.archive.org. 2012-11-26. Arquivado dende o orixinal o 26 de novembro de 2012. Consultado o 2024-05-25. 
  26. "Video Premiere “Mein Herz brennt” today! « Rammstein". web.archive.org. 2013-06-02. Arquivado dende o orixinal o 02 de xuño de 2013. Consultado o 2024-05-25. 
  27. GUÉRIN, Recueilli par Benoît (2013-07-14). "Vieilles Charrues. Rammstein prêt à enflammer Carhaix". Ouest-France.fr (en francés). Consultado o 2024-05-25. 
  28. Blabbermouth (2014-08-28). "RAMMSTEIN Guitarist's EMIGRATE: More 'Silent So Long' Album Details Revealed". BLABBERMOUTH.NET (en inglés). Consultado o 2024-05-25. 
  29. "Lindemann - Interview 2015 - (Till and Peter) - YouTube". web.archive.org. 2015-09-04. Archived from the original on 04 de setembro de 2015. Consultado o 2024-05-25. 
  30. "Rammstein Announce 'In Amerika' Documentary, Concert Film - Rolling Stone". web.archive.org. 2017-04-15. Archived from the original on 15 de abril de 2017. Consultado o 2024-05-25. 
  31. "RAMMSTEIN | SKY VAN HOFF". web.archive.org. 2017-05-23. Arquivado dende o orixinal o 23 de maio de 2017. Consultado o 2024-05-25. 
  32. "EUROPE STADIUM TOUR RESCHEDULED TO 2021! – Rammstein". web.archive.org. 2020-05-20. Archived from the original on 20 de maio de 2020. Consultado o 2024-05-25. 
  33. "NORTH AMERICA STADIUM TOUR RESCHEDULED TO 2021! – Rammstein". web.archive.org. 2020-07-17. Arquivado dende o orixinal o 17 de xullo de 2020. Consultado o 2024-05-25. 
  34. www.rammstein.de https://www.rammstein.de/en/news/europe-stadium-tour-postponed-again-to-2022/. Consultado o 2024-05-25.  Falta o |title= (Axuda)
  35. "Rammstein Working on New Songs While in Lockdown" (en inglés). 2020-06-15. Consultado o 2024-05-25. 
  36. "Rammstein Are in Studio Recording New Music: Report" (en inglés). 2020-09-15. Consultado o 2024-05-25. 
  37. "Rammstein Confirm They Recorded a New Album During Lockdown" (en inglés). 2021-02-28. Consultado o 2024-05-25. 
  38. Gallagher, Alex (2021-10-28). "Rammstein premiere new song to astronaut onboard International Space Station". NME (en inglés). Consultado o 2024-05-25. 
  39. "Mutmaßliche Rammstein-Betroffene: »Bringt mich vor Gericht. Ich habe keine Angst«". Der Spiegel (en alemán). 2023-06-10. ISSN 2195-1349. Consultado o 2024-05-27. 
  40. "Rammstein, Till Lindemann: K.-o.-Tropfen, Sex und die Row Zero - WELT". DIE WELT (en alemán). 2023-07-25. Consultado o 2024-05-27. 
  41. "„Keine objektiven Tatsachenbeweise“ : In Litauen wird nicht gegen Rammstein ermittelt". Der Tagesspiegel Online (en alemán). ISSN 1865-2263. Consultado o 2024-05-27. 
  42. Niemczyk, Ralf (2024-05-17). "Rammstein: War Shelby Lynn betrunken und bekifft? ... jetzt weiterlesen auf Rolling Stone". Rolling Stone (en alemán). Consultado o 2024-05-27. 
  43. "Presseerklärung zu Till Lindemann". presseportal.de (en alemán). 2024-05-15. Consultado o 2024-05-27. 
  44. "Drogen- und Alkoholmissbrauch: Till Lindemanns Anwalt verbreitet neue Ermittlungsdetails". www.t-online.de (en alemán). 2024-05-17. Consultado o 2024-05-27. 
  45. "Rammstein-Sänger Till Lindemann: Mehrere Frauen erheben Vorwürfe". FAZ.NET (en alemán). 2023-06-02. Consultado o 2024-05-27. 
  46. NDR, Daniel Drepper, Sebastian Pittelkow und Isabel Schneider. "Neue Vorwürfe gegen Rammstein-Sänger Till Lindemann". tagesschau.de (en alemán). Consultado o 2024-05-27. 
  47. "Fall Rammstein: Staatsanwaltschaft bestätigt Ermittlungen gegen Till Lindemann". Der Spiegel (en alemán). 2023-06-15. ISSN 2195-1349. Consultado o 2024-05-27. 
  48. "Till Lindemann: Ermittlungen gegen Rammstein-Sänger in Berlin eingestellt". Der Spiegel (en alemán). 2023-08-29. ISSN 2195-1349. Consultado o 2024-05-27. 
  49. "Pressemitteilung: Ermittlungsverfahren gegen Rammstein-Sänger eingestellt". www.berlin.de (en alemán). 2023-08-29. Consultado o 2024-05-27. 
  50. "Sunday Herald Sun, Melbourne, Australia". Sunday Herald Sun. 
  51. Ultimate Guitar. "Till Lindemann: 'Rammstein Will Never Write a Song in English, It's Like Asking Buddha to Kill a Pig'". Ultimate Guitar. Consultado o 22 de xullo de 2015. 
  52. Herzeleid.com (ed.). "Letra de «Dalai Lama»" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2010. Consultado o 10 de xaneiro de 2008. 
  53. de.wikisource.org: Texto de Erlkönig, de Goethe
  54. Herzeleid.com (ed.). "Letra de «Hilf mir»" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 24 de novembro de 2010. Consultado o 10 de xaneiro de 2008. 
  55. ""La tristísima historia de las cerillas"" (en alemán). Consultado o 10 de xaneiro de 2008. 
  56. Imaginaria, revista arxentina de literatura infantil (ed.). ""La tristísima historia de las cerillas" traducida al español". Consultado o 10 de xaneiro de 2008. 
  57. Herzeleid.com (ed.). "Letra de «Rosenrot»" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 27 de maio de 2011. Consultado o 10 de xaneiro de 2008. 
  58. Letra do poema Heideröslein de Goethe en de.wikipedia
  59. Herzeleid.com (ed.). "Letra de «Du riechst so gut»" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 31 de outubro de 2013. Consultado o 6 de outubro de 2008. 
  60. Herzeleid.com (ed.). "Letra de «Stein um Stein»" (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 17 de outubro de 2013. Consultado o 6 de outubro de 2008. 
  61. Brecht, Bertold; Weill, Kurt. "Die Moritat von Mackier Messer" (en alemán). nthuleen.com. Consultado o 16 de ootubro de 2009. 
  62. Wiederhorn, Jon (2015). "The Brutal Truth: Emigrate". Revolver Magazine (119): 41. 
  63. "Till Lindemann Biography". Rammstein-Europe.com. Arquivado dende o orixinal o 01 de xullo de 2007. Consultado o 10 de maio de 2007. 
  64. "The Grand Rapids Press". Grand Rapids Press. 22 de xullo de 1999. 
  65. Kratina, Al (10 de decembro de 2010). "Concert review: Rammstein". The Gazette. Arquivado dende o orixinal o 13 de decembro de 2010. Consultado o 22 de decembro de 2010. 
  66. Steffen, Chris (8 de decembro de 2010). "Behind the Scenes: Rammstein Live". Spin. Consultado o 22 de decembro de 2010. 
  67. "Rammstein Discography" (en inglés). Allmusic.com. Consultado o 18 de outubro de 2011. 
  68. "Rammstein" (en inglés). Discogs. Consultado o 18 de outubro de 2011. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Gert Hof e Rammstein. Rammstein, Die Gestalten Verlag, 2001. ISBN 3-931126-32-3 (en alemán e inglés)
  • Hal Leonard. Rammstein Liederbuch, Music Sales, 1999. ISBN 0-7119-7220-6 (en alemán)
  • Antoine Barde - Pierre Jauniaux - Patrice Verry. Les Crasheurs De Feu, Camion Blanc, 2006. ISBN 2-910196-91-7 (en francés)
  • Michael Fuchs-Gamböck - Thorsten Schatz. Spiel mit dem Feuer - Das inoffizielle Rammstein-Buch, Heel Verlag, 2006. ISBN 3-89880-661-8 (en alemán)
  • Brooks Brown - Rob Merritt. No Easy Answers: The Truth Behind Death at Columbine, Lantern Books, 2003. ISBN 1-59056-031-0 (páxs. 17-18) (en inglés)
  • John Francis Murphy - John F. Murphy Jr. Day of Reckoning: The Massacre at Columbine High School, Xlibris Corporation, 2001. ISBN 1-4010-1931-5 (páxs. 87-88) (en inglés)
  • Wolf Rüdiger Mühlmann. Letzte Ausfahrt Germania - Ein Phänomen namens neue deutsche Härte, I.P. Verlag, 1999. ISBN 3-931624-12-9 (en alemán)
  • Barry Graves - Siegfried Schmidt-Joos - Bernward Halbscheffel. Das neue Rock-Lexikon (Band 1.) Rowohlt, 1998. ISBN 3-499-16352-7 (en alemán)
  • Barry Graves - Siegfried Schmidt-Joos - Bernward Halbscheffel. Das neue Rock-Lexikon (Band 2.) Rowohlt, 1998. ISBN 3-499-16353-5 (en alemán)
  • Matthias Matthies: Tourbuch Deutschlandtour 2001, Berlin, 2002. (en alemán)
  • Andreas Speit. Ästhetische Mobilmachung – Dark Wave, Neofolk und Industrial im Spannungsfeld rechter Ideologien., Unrast, 2001. ISBN 3-89771-804-9 (en alemán)
  • Michele Bettendorf. Ursprung Punkszene. Oder Rammstein hätte es im Westen nie gegeben, Books on Demand GmbH, 2002. ISBN 3-8311-4493-1 (en alemán)
  • Till Lindemann - Gert Hof. Messer, Eichborn, 2002. ISBN 3-8218-0927-2 (en alemán)
  • Ronald Galenza, Heinz Havemeister: Mix mir einen Drink. – Feeling B. Schwarzkopf & Schwarzkopf, Berlin 2002. ISBN 3-89602-418-3 (en alemán)
  • Frédéric Batier. Edición limitada do DVD Völkerball. 2006. ISBN 3-8291-1885-3 (fotografías)

Ligazóns externas

Strategi Solo vs Squad di Free Fire: Cara Menang Mudah!