Samuel Eto'o Fils, nado o 10 de marzo de 1981 en Douala, é un ex-futbolista camerunés. Xogaba de dianteiro e é coñecido por xogar no FC Barcelona e no UC Sampdoria. Ten tamén pasaporte español, permitíndolle xogar na Unión Europea sen contar coma xogador estranxeiro.
Eto'o marcou máis de 100 goles en cinco tempadas co FC Barcelona, e é ademais o xogador africano con maior número de partidos xogados na Primeira división española de fútbol.[1] No ano 2010, converteuse no primeiro xogador en conseguir dous tripletes consecutivos en Europa, co Barcelona e co Inter de Milán. É o segundo xogador en anotar en dúas finais da Liga de Campións da UEFA, e o cuarto xogador, tras Marcel Desailly, Paulo Sousa e Gerard Piqué, en gañar dúas Ligas de Campións consecutivas con diferentes equipos.[2] Conseguiu o premio ó mellor xogador africano do ano en catro ocasións: 2003, 2004, 2005 e 2010.
Coma membro da selección do Camerún, foi parte do equipo que gañou o torneo olímpico de Sidney 2000. Participou ademais en tres mundiais de fútbol e en seis copas de África, sendo campión dúas veces. É ademais o máximo anotador da historia da Copa de África, con 18 goles.
En setembro de 2019 anunciou a súa retirada do fútbol profesional após xogar 586 partidos en clubs e marcar máis de 400 goles entre selección e clubs.
Palmarés
Club
- Mallorca
- Barcelona
- Internazionale
Internacional
- Camerún
- Equipo Olímpico do Camerún
Notas
Véxase tamén
Ligazóns externas