José Eulogio Gárate Ormaechea, nado en Sarandí, Buenos Aires, o 20 de setembro de 1944,[1] é un exfutbolista e enxeñeiro industrial hispano-arxentino que xogaba como dianteiro. Xogador histórico do Atlético de Madrid, militou neste club durante 11 tempadas, despois de comezar a súa carreira no Eibar e no Indautxu.
Acumulou 325 partidos oficiais co Atlético, nos que marcou 134 goles, polo que ocupa o quinto lugar na táboa de máximos goleadores da historia do club. Gañou tres ligas, dúas Copas do Xeneralísimo e unha Copa Intercontinental e proclamouse tres veces consecutivas gañador do Trofeo Pichichi como máximo goleador da Primeira División nas tempadas 1968/69, 1969/70 e 1970/71. Foi 18 veces internacional coa selección española.
É sobriño do que fora tamén futbolista internacional José Muguerza.[2]
Naceu en 1944 en Sarandí, provincia de Buenos Aires, de xeito circunstancial. O seu avó, Eulogio Gárate Osoro, fora tenente de alcalde republicano en Éibar e estaba exiliado na Arxentina como consecuencia da Guerra Civil Española, e José Eulogio Gárate naceu nunha visita que os seus pais fixeron aos seus avós exiliados.[3] En 1945, poucos meses despois de nacer, volveu cos seus pais a Éibar, onde se criou.[4] A pesar diso, non obtivo a nacionalidade española ata décadas despois.
Comezou a xogar no equipo xuvenil da SD Eibar en 1961, e en 1963 debutou co primeiro equipo na Terceira División. Na súa primeira tempada foi o máximo goleador do campionato, con 28 goles en 30 partidos,[5] e xogou dúas fases de ascenso a Segunda División, nas que o equipo foi eliminado, primeiro polo Gimnàstic de Tarragona e logo polo Cádiz. En 1965 ingresou no Indautxu de Bilbao, que militaba na Segunda División, categoría na que debutou nun partido ante o Deportivo da Coruña. Rematou a súa única campaña no equipo dirixido por Ferdinand Daučík con 17 goles en 26 partidos, a pesar de que só adestraba un día por semana por causa dos seus estudos de enxeñaría.[4]
A pesar do seu interese en xogar no Athletic Club e de que o club o quería, non quixo realizar o servizo militar que precisaba para adquirir a nacionalidade española, pois naquela época os clubs non podían fichar xogadores estranxeiros. O Athletic tentou sen éxito conseguirlle a nacionalidade por outros medios, cousa que si conseguiu o Atlético de Madrid, que o acabou fichando en 1966.[4]
Debutou na Primeira División o 16 de outubro da man do adestrador brasileiro Otto Gloria, nunha vitoria por 2-1 ante a UD Las Palmas. Militou no club durante as seguintes 11 tempadas, logrando o Trofeo Pichichi en tres ocasións consecutivas. A primeira delas foi na tempada 1968/69, na que marcou 14 goles, os mesmos que Amancio, aínda que en nove partidos menos. Na seguinte campaña marcou 16 goles , empatando co seu compañeiro Luis Aragonés e de novo con Amancio, mentres que na 1970/71 compartiu o premio con Carles Rexach, con 17 tantos.
Gañou tres ligas e dúas Copas do Rei e en 1974 foi titular na final da Copa de Europa, na que o equipo madrileño, adestrado por Juan Carlos Lorenzo, caeu ante o Bayern de Múnic. Ao ano seguinte conquistou a Copa Intercontinental, derrotando o Independiente arxentino.
A tempada 1976/77 foi a última de Gárate como futbolista, e só puido disputar un partido dela, por mor dun fungo que afectou o seu xeonllo. A continuación deixou o fútbol, despois de 325 partidos oficiais co Atlético e 134 goles, sendo no momento da súa retirada o cuarto máximo goleador da historia do club, só por detrás de Luis Aragonés, Escudero e Campos. O 1 de xuño de 1977 o club organizou un partido amigable na súa honra. Trala súa retirada traballou como enxeñeiro industrial.[6]
Aínda que naceu na Arxentina, foi internacional coa selección española en 18 ocasións, tras ser naturalizado en 1966. O seu debut tivo lugar o 22 de outubro de 1967, nunha vitoria por 2-1 sobre Checoslovaquia, con Domingo Balmanya como seleccionador. Gárate marcou o segundo gol español naquel encontro, o primeiro dos seus cinco goles coa selección. Disputou o seu último partido como internacional o 17 de abril de 1975 ante Romanía.