O Museo Numismático Rigoberto Borjas é unha institución museística da cidade de Tegucigalpa, pertencente ao Banco Central de Honduras, que alberga unha colección de moedas, billetes e outros obxectos afíns vinculados á historia numismática hondureña.
A sede do museo é o edificio do Banco Central de Honduras.
Historia
O museo fundouse e abriu ao público o 3 de xuño de 1993, na antiga sede do Banco Central de Honduras no centro de Tegucigalpa. Cando se inaugurou a nova sede do Banco Central no bulevar Fuerzas Armadas en 2016, o museo trasladouse ao novo edificio.[1][2][3]
O museo leva o nome de Rigoberto Borjas, falecido en 1996, o primeiro xefe do departamento de contabilidade do Banco Central de Honduras, en 1950.[4]
Colección
A colección numismática do museo componse de arredor de 4.000 pezas, sinaladamente exemplares de papel moeda, moedas e cuños que estiveron en uso e en circulación durante as diversas épocas históricas de Honduras. Tamén se amosan medios de pagamento da época prehispánica de Honduras, con anterioridade á chegada dos españois en 1502,[1] así como unha mostra representativa da moeda romana, grega e persa.[4]
Dentro da colección xeral, é de destacar unha colección temática de moedas conmemorativas das datas especiais da historia do país. O museo garda tamén a Declaración de Independencia orixinal de 1821, asinada polo primeiro presidente do país, Dionisio de Herrera, así como varias pertenzas do xeneral Francisco Morazán, que gobernou a República Federal de Centroamérica.[4]
Notas
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas