O século XX supuxo para as mulleres a consecución dos dereitos de cidadanía polos que algunhas, primeiro de forma individual e máis tarde a través de asociacións, pelexaron a partir da Revolución Francesa. A consecución deses dereitos fundamentais, como o voto, o divorcio, á custodia dos fillos, á propiedade, á educación e á abolición da dobre moral sexual, entre outros, foi un largo camiño con resultados desiguais e grandes diferenzas entre uns países e outros. Pero ao longo do século fóronse conseguindo eses dereitos na maioría dos países, polo menos nos do considerado primeiro mundo, aínda que as veces se quedaran máis no aspecto formal que no real.[1]
Introdución
O século XX foi un século extremadamente convulso a nivel político, con dúas guerras mundiais e que se mantivo dividido durante máis de corenta anos en dous bloques —liderados polos EEUU e a URSS— enfrontados nunha tensa guerra fría que finalizou coa desaparición do bloque soviético. Non obstante, se hai algo que caracterizou este século foi o gran desenvolvemento experimentado, sobre todo nos países do primeiro mundo, que levou a un gran crecemento económico, que se iniciou despois da I Guerra Mundial pero que se acelerou despois da II Guerra Mundial. Tamén foi un século no que colectivos sociais tradicionalmente carentes de dereitos políticos e sociais, como as mulleres ou os membros de colectividades raciais non dirixentes, foron consolidando dereitos como o dereito ao voto ou á educación e se foron incorporando á vida social, laboral e política. Neste tempo a ciencia, e da súa man a tecnoloxía, experimentaron un crecemento sen precedentes. Estes progresos da ciencia e a tecnoloxía fixeron que a forma de vida da poboación, sobre todo nos países desenvolvidos, experimentase un cambio radical. A isto contribuíu de maneira moi importante un invento do século anterior, debido a dous matemáticos: Charles Babbage, coa súa máquina analítica, e Ada Byron, coa programación informática. Innovacións técnicas, científicas e industriais como os antibióticos, os automóbiles, a aviación, a electricidade doméstica, as fibras sintéticas, internet, os ordenadores, a radio, os satélites de comunicacións, os sistemas de localización, a telefonía fixa e móbil, a televisión, ou as novas técnicas de exploración clínica, levaron a novas formas de vida totalmente impensables séculos atrás. A ciencia e a tecnoloxía do século XX aportaron á sociedade unha maior calidade de vida, con melloras na saúde, incremento da lonxevidade, maior nivel de educación e novos modos de vida, consecuencia da urbanización e o aumento do consumo e dos bens de servizo. Para as mulleres isto supuxo unha transformación do traballo do fogar e da maternidade, permitíndolles unha maior participación na vida social. Aínda que con bastante atraso respecto aos homes, o século XX supuxo para as mulleres dos países desenvolvidos, e nalgunha medida tamén dos países en desenvolvemento, o acceso á modernidade, co acceso masivo das mesmas a tódolos niveis da educación e ao traballo remunerado, a pesar da desigualdade de oportunidades no acceso á educación e a desigualdade salarial nos empregos.[2][3]
Neste século fixéronse grandes progresos en alfabetización da poboación. A demanda de prazas escolares de secundaria, e sobre todo, de educación superior multiplicouse, e aumentou considerablemente a poboación que empezou a cursar eses estudos. A ensinanza universitaria, que fora insignificante antes da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) excepto nos Estados Unidos (en Alemaña, Francia e Inglaterra, tres dos países máis cultos do mundo, os estudantes universitarios eran apenas un 1 por 100 da súa poboación antes de 1939), experimentou un grande auxe. A finais dos oitenta os estudantes universitarios contábanse por millóns en Francia, a República Federal de Alemaña, Italia, España e a parte europea da URSS.[3]
Durante o século XX conseguiuse o acceso á ensinanza superior para as mulleres, que fixeron a súa entrada cun grande empuxe neste nivel.[3] Nos inicios do século, a loita polo acceso das mulleres ás universidades e á ciencia foi un obxecto secundario que só formulaban algúns colectivos feministas e considerábase un "capricho de ricas". Esta loita, que xa se tiña iniciado nalgunhas universidades a mediados do século anterior, levantou unha fronte común contra tal ousadía. As universidades, consideradas bastións inexpugnables do poder e saberes masculinos, resistíronse durante moitos anos a esta pretensión das mulleres, pero o seu comportamento foi moi distinto dependendo dos lugares. Así, mentres que as universidades de Zürich e París foron das que menos resistencia presentaron á entrada de mulleres, permitindo o seu ingreso dende mediados do século XIX, en España nesa época as aspirantes tiñan que solicitar un permiso especial ao ministro, ata que en 1910 a lei Burrell permitiu o libre acceso das mulleres á universidade, se ben algunhas universidades politécnicas resistíronse ata case que mediados de século á entrada de mulleres nas súas aulas. O caso de Gran Bretaña é especialmente significativo, pois a pesar de ser o lugar no que as mulleres iniciaron a loita para entrar na universidade, foi o país europeo onde máis tardaron en conseguilo, xa que a lei de autonomía universitaria dese país fixo que houbese que conquistar o dereito de maneira individual en cada unha delas. As máis remisas a admitir mulleres foron as universidades de maior prestixio, especialmente as de Oxford (que non o permitiu ata 1920) e Cambridge (que en 1945 o permitiu, pero con limitacións no acceso de mulleres ata a década de 1970 onde o acceso xa foi totalmente libre), e dentro delas os colleges máis remisos á admisión de mulleres foron "casualmente" aqueles que no seu día se beneficiaron economicamente da expropiación dos conventos de monxas trala creación da Igrexa anglicana no século XVI. Pero o último reduto no veto ao acceso de mulleres á universidade foi o Colexio de España de Boloña, que mantivo a exclusión das mulleres ata xullo de 2020 —por ser estas, en palabras do seu fundador, o cardeal Gil de Albornoz, "cabeza do pecado e arma do demo".[4]
As matemáticas, como o resto das ciencias e das forzas produtivas, experimentaron durante o século XX unha grande expansión. Dende principios de século, considérase que o número de persoas dedicadas ás matemáticas se duplica cada 10-15 anos e cada 10 anos duplícase o número de publicacións matemáticas. Ao final do século XX a matemática era unha ciencia asentada con éxito en todo o mundo, en estreita relación con tódalas esferas da vida social e do resto das ciencias, o que fixo dela unha ciencia extremadamente ramificada e sumamente extensa á que contribuíron, cun peso cada vez maior a medida que avanzaba o século, gran número de mulleres matemáticas.[2]
Xa nos inicios do século XX atópanse en Centroeuropa matemáticas brillantes, como Mileva Marić (1875-1948). Sen ela non tería visto a luz a teoría da relatividade, polo menos no momento no que o fixo, ao ser ela peza imprescindible na elaboración dos fundamentos matemáticos da mesma.[5] Traballo que logo, unha vez que Mileva se separou de Einstein, continuou Amalie Emmy Noether (1882-1935). Esta muller, considerada a persoa máis brillante no campo das matemáticas do século XX, tivo que loitar primeiro para poder estudar e, unha vez titulada, traballar durante moitos anos sen soldo, impartindo clases en nome de outros, ata que conseguiu un pequeno salario, moi inferior ao dos seus compañeiros ou incluso inferior ao dos seus propios discípulos. E cando xa tiña consolidada a súa posición profesional na Universidade de Gotinga, tivo que fuxir do país pola súa orixe xudía. Destaca polas súas achegas en física teórica e álxebra abstracta, área das matemáticas que revolucionou totalmente.[6]
Pero no século XX onde irrompen en masa unha gran cantidade de mulleres matemáticas é nos EEUU. Alí foron moitas as que destacaron en matemática aplicada, pero tamén en matemática pura ou xestión da educación. Entre elas cabe sinalar a Euphemia Haynes (1890-1980) primeira muller afroamericana en conseguir un doutoramento en matemáticas. Loitou durante toda a súa carreira profesional contra a segregación racial e por unhas mellores condicións nas escolas públicas.[7] Tamén destaca nese tempo Gertrude Blanch (1897-1996) pioneira en análise numérica e posteriormente en computación mecánica. Converteuse, en 1938, en directora técnica do Mathematical Tables Project, proxecto da axencia Works Progress Administration para o cálculo de táboas de funcións matemáticas.[8] A ucraína-estadounidense Ida Rhodes (1900-1986) uniuse en 1940 ao Proxecto de Táboas Matemáticas, onde traballou baixo a dirección de Gertrude Blanch, que foi a súa mentora. Con posterioridade fixo importantes aportacións en programación informática: pioneira na análise de sistemas de programación, coa programadora Betty Holberton deseñou a linguaxe de programación C-10 para a UNIVAC I a principios dos anos 50. Tamén deseñou o ordenador orixinal da Administración do Seguro Social.[9] Da mesma época, pero de Inglaterra, é Mary Lucy Cartwright (1900-1998). Os seus traballos iniciais en optimización de funcións abriron o camiño á teoría fractal, e os seus traballos en ecuacións diferenciais iniciaron a teoría do caos. Leva o seu nome o teorema de Cartwright sobre máximos de funcións. Foi unha das primeiras que conseguiu recoñecemento en vida polo seu importante traballo matemático. Galardoada con numerosas distincións: primeira muller matemática en ingresar na Royal Society (1947), primeira muller en presidir a Sociedade Matemática de Londres (1961), a raíña nomeouna en 1969 comandante do Imperio británico.[10] E xa nadas no século XX, Rózsa Péter (1905-1977) matemática húngara coñecida polos seus traballos sobre a teoría de funcións recursivas. É autora de Playing with Infinity: Mathematical Explorations and Excursions, traducido polo menos a 14 idiomas, e de Recursive Functions in Computer Theory.[11] Case coetánea é a austríaca Olga Taussky Todd (1906-1995). Os seus traballos en teoría de grupos e teoría de matrices foron de vital importancia para o desenvolvemento dos ordenadores. Esta matemática tamén foi das que facilitou durante toda a súa vida a incorporación de xoves matemáticas ao ensino superior e á investigación.[12] A italiana Emma Castelnuovo (1913-2014) foi referente en didáctica da matemática durante toda a segunda metade do século XX, e unha das responsables da introdución das “Matemáticas Modernas” en tódolos niveis do ensino.[13]Julia Robinson (1919-1985) destacou en lóxica e cuacións diofánticas, e xogou un papel primordial non só na resolución dun dos problemas do milenio, o 10º, senón tamén no acercamento entre a URSS e os EEUU, polo menos no eido científico. Tamén fixo importantes achegas á teoría de xogos nos seus inicios.[14]Mary Ellen Rudin (1924-2013), que estimulou a investigación en Topoloxía durante máis de vinte anos, é recoñecida polas súas construcións e contraexemplos a célebres conxecturas, a máis coñecida delas é o espazo de Dowker.[15]
Pero se houbo algo que caracterizou a ciencia do século XX foron os espectaculares avances en informática e criptografía que permearon o resto das áreas do saber. Como xa se viu, os traballos de C. Babbage e Ada Byron, que constituíron o inicio da informática, quedaran relegados ao esquecemento á morte de Ada Byron e non foi ata a segunda década do século XX que volveron a aparecer traballos relacionados co tema, como o de Edith Clarke (1883-1959) que en 1921 presentou e obtivo unha patente dun calculador gráfico para usalo na solución dos problemas de liñas de transmisión.[16] Pero é coa chegada das Guerras Mundiais que, tanto en Europa como nos USA, aparecen proxectos de construción de máquinas, primeiro electromecánicas e máis tarde electrónicas, para facilitar os cálculos necesarios nos traballos relacionados coa guerra. A este fin retómanse os traballos de C. Babbage e A. Byron. Cando Gran Bretaña declarou a guerra a Alemaña, o alto estamento militar foi consciente de que para descodificar as mensaxes cifradas das máquinas electromecánicas do inimigo necesitaba matemáticos e criptoanalistas. Como a maioría dos mozos foran recrutados para ir ao fronte, as mulleres ocuparon un lugar que, seguramente, en condicións de normalidade social terían ocupado os homes. A maioría delas pertencían á pequena burguesía e tiñan graos universitarios en matemáticas, física ou enxeñaría. O seu traballo foi excelente e demostraron total capacidade e eficacia técnica para un traballo matemático que requiría método e coñecemento. As mulleres do centro de estudos do exército británico realizaron durante a guerra tarefas complexas de cálculo e codificación que levaron ao desenvolvemento integral da informática. Nese centro, ao final da guerra chegaron a traballar unhas 10 000 persoas, cun 75% de mulleres. De entre todas elas cabe destacar a Joan Clarke (1917-1996),[17] que participou no proxecto Enigma, colaborando moi estreitamente con Alan Turing, sobre todo a partir da posta en funcionamento das máquinas Colossus —máquinas electrónicas e con funcionamento en sistema binario— que lles permitiu descifrar as comunicacións secretas da Alemaña nazi. Clarke converteuse en subdirectora do Hut 8 en 1944 e foi nomeada membro da Orde do Imperio Británico en 1946. Pero impedíuselle progresar, polo seu xénero, e pagóuselle menos polo seu traballo que aos homes.[18] Ao outro lado do Atlántico, nos EEUU, aproximadamente 80 mulleres traballaron para o exército calculando as traxectorias balísticas. Foron chamadas as "computers”. En 1945, o exército dos EEUU financiou un proxecto experimental: a primeira computadora dixital totalmente electrónica, o ENIAC, que vería a luz a mediados de 1948. Foi a máquina máis grande do mundo, ocupando unha superficie de 167 m2 e montando 17 468 tubos de baleiro (válvulas electrónicas) que pesaba 27 toneladas. Aínda que os enxeñeiros a cargo do proxecto foron os que se levaron os honores, pasando á historia como os asombrosos creadores do ENIAC, houbo seis mulleres que foron as encargadas de programar todo aquel monstro. Era unha máquina sen manual de instrucións que puido funcionar grazas a seis matemáticas especializadas en programación que foron silenciadas durante décadas ao seren consideradas profesionais de segunda polo simple feito de pertencer ao tan deostado sexo feminino.[19] Estas seis mulleres programadoras da máquina ENIAC foron: Betty S. Holberton (1917-2001), Kathleen M. M. Antonelli (1921-2006), Marlyn W. Meltzer (1922 – 2008), Frances Bilas Spence (1922 -2012), Ruth L. Teitelbaum (1924-1986) e Jean Jennings Bartik (1924-2011).[20]
A partir dese momento, foron moitas as mulleres que xogaron un papel destacado no avance e implantación social da informática. Entre outras, Grace M. Hopper (1906-1992), que traballou como programadora no desenvolvemento do Mark I, BINAC e UNIVAC I. No 1952, creou o primeiro compilador da historia, o A-0, precursor do COBOL, e en 1957 o primeiro compilador que usaba ordes en inglés, o B-0.[21] A criptoanalista Ann Zeilinger Caracristi (1921-2016) traballou na Axencia Nacional de Seguridade (NSA) dos EEUU durante corenta anos. Axudou a implantar os primeiros ordenadores para a criptoanálise e fundou un laboratorio para estudar novos fenómenos de comunicación. Foi a primeira muller en ser nomeada Directora Adxunta da NSA (1980).[22]
En plena guerra fría apareceu a competición espacial entre a URSS e os EEUU. Os EEUU aproveitaron o mellor persoal que tiñan na NACA, onde as mulleres copaban case que tódolos postos de calculistas, para abordar, xa transformada en NASA, esa competición. Dentro deste persoal dos primeiros tempos de gloria da NASA houbo moitas mulleres que colaboraron, dende as matemáticas e a informática, ao éxito das misións espaciais dos EEUU; como as misións Apollo o Mercurio.[23] A súa contribución foi ignorada ata que a escritora Margot Lee Shetterly publicou o libro titulado Hidden Figures ("Figuras ocultas" ou "Números ocultos") que detalla o traballo destas mulleres ausentes das publicacións académicas e dos rexistros históricos. Non se sabe con exactitude cantas computadoras traballaron na NACA, pero Shetterly estima que foron miles entre 1935 e 1970. Delas catro en particular chamaron a súa atención: Katherine Johnson (1918-2020), que calculou as traxectorias das misións Apollo e Mercury, Dorothy Vaughan (1910-2008), a primeira supervisora afroestadounidense da NASA, Mary Jackson (1921-2005), que se converteu en 1958 na primeira enxeñeira afroestadounidense da NASA e Christine Darden (1942) que traballou no desenvolvemento dos voos supersónicos.[24]
Nesta primeira etapa da posguerra, atópanse xa aplicacións á sociedade civil. Evelyn Berezin (1925-2018) en 1951 entrou a traballar en Elecom, onde desenvolveu o primeiro sistema de reservas de billetes de liñas aéreas. En 1953, creou o primeiro ordenador de oficina e en 1968 o primeiro procesador de texto.[25]Marjorie Lee Browne (1914-1979) fixo toda a súa carreira no ensino e foi pioneira na introdución da informática no ensino medio. En 1960, obtivo unha subvención de 60 000 dólares, de IBM, para ter un ordenador NCCU —un dos primeiros ordenadores en informática académica, e probablemente o primeiro nunha escola historicamente negra—.[26]Frances Elizabeth Allen (1932-2020) foi pioneira na optimización de compiladores e a primeira muller Premio Turing da ACM 2006. Tivo un papel importante na creación de linguaxes de programación e códigos de seguridade para a Axencia de Seguridade Nacional Americana.[27]Stephanie “Steve” Shirley (1933) foi unha empresaria informática que en 1962 fundou unha empresa de software. Na súa empresa Shirley só contrataba mulleres, ata que en 1975 a lei británica contra a discriminación sexual o prohibiu. A súa empresa realizou a programación do rexistrador de voo da caixa negra do Concorde.[28]Mary Allen Wilkes (1937) en 1965 foi a primeira persoa en crear e traballar cunha computadora privada dende a súa casa. Deseñou diversos sistemas operativos para LINC, co nome de LAP, ata evolucionar ao LAP6, sistema operativo e linguaxe ensambladora para LINC. No Laboratorio de Sistemas Computacionais da Universidade de Washington, en St. Louis, participou no proxecto de sistemas macro modulares e deseñou un macro módulo múltiple.[29]Jude Milhon (1939-2003) foi coñecida como a “Santa protectora de hackers”. Acuñou o termo cypherpunk, fusión de cipher/cifra e punk/resistencia. A finais da década dos 90 traballou como deseñadora web e como consultora de Internet. En 1994 publicou un libro dirixido a aquelas mulleres que querían iniciarse no hacking, tratando de desmitificar o funcionamento da rede, titulado: Hacking the Wetware: The Nerd Girls Pillow-book (Hackeo á rede húmida: O libro de cabeceira da moza na rede). Fíxose célebre polo seu lema "As mozas necesitan módems!"[30]Radia Perlman (1951), coñecida como a Nai de Internet, foi a creadora do STP, spanning-tree protocol; protocolo fundamental para permitir a redundancia de camiños nas redes de área local (LAN).[31]Carol Shaw (1955), pioneira do deseño de videoxogos, despois de deseñar varios videoxogos de éxito para a consola Atari 2600 e tamén unha calculadora para Atari 800, en 1982 foi rexeitada pola empresa Imagic por non ter experiencia nos xogos de acción. Fichou entón por Activision onde creou o seu maior éxito: o River Raid para Atari 2600. Aínda que traballar programando e xogando a videoxogos lle parecía algo divertido, en 1990, con 35 anos, decidiu retirarse.[32] A partir dos anos 80 do século XX o mundo da informática mudou de ser un espazo maioritariamente feminino a non ser demasiado atractivo para as mulleres.
Nas últimas décadas do século XX a matemática empezou a vivir un momento de auxe con aplicacións a tódolos campos, tanto das ciencias clásicas e a tecnoloxía, como a ámbitos máis novos como a arte, as ciencias sociais ou da vida; sen esquecer a divulgación, tan importante para fomentar novas vocacións. Como non podería ser doutro xeito relevantes figuras femininas destacan en case tódolos campos que ademais estanse a implicar en tarefas de xestión profesional, entrando a formar parte das elites de decisión da ciencia e a investigación. Entre elas cómpre destacar a Premio Abel 2019, Karen Uhlenbeck (1942), primeira muller en recibir tal galardón polos “seus avances pioneiros en ecuacións en derivadas parciais xeométricas, teorías gauge e sistemas integrais, e polo impacto fundamental do seu traballo en análise, xeometría e física matemática”.[33] Pero tamén Graciela Chichilnisky (1944), que aínda sendo de orixe arxentina desenvolveu a súa carreira profesional nos EEUU. É especialista en economía matemática e persoa de referencia nos estudos económicos sobre cambio climático. Moi combativa na defensa dos dereitos a unha carreira profesional das mulleres na universidade, equiparable á dos homes, leva ganadas, por este motivo, dúas demandas á Universidade Columbia, da que é profesora.[34]Fanya Montalvo (1947) emigrou coa súa familia aos EEUU onde completou a súa formación e desenvolveu a súa vida profesional. Especializouse en psicoloxía matemática e foi pioneira en intelixencia artificial, área na que desenvolveu a súa investigación, con aplicacións principalmente á aprendizaxe (autistas) e á medicina.[35] A matemática e física belga Ingrid Daubechies (1954) fixo importantes achegas no campo das ondículas en imaxes. As súas aportacións foron a base do formato JPEG 2000, fundamental na retransmisión do vídeo dixital. Foi a primeira muller matemática en presidir a Unión Matemática Internacional no período 2011-2014.[36] A matemática letoa Daina Taimina (1954) é recoñecida fundamentalmente por crear obxectos de gancho para visualizar o espazo hiperbólico. O seu método para comprender este tipo de espazos a través do gancho tivo grande éxito nos ámbitos da divulgación científica e na arte. Inspirou o proxecto Arrecife de Coral da periodista científica Margaret Wertheim. Escribiu varios libros sobre o tema, como Crocheting Adventures with Hyperbolic Planes (2009), que recibiu o Premio Euler 2012 outorgado pola Mathematical Association of America.[37] A búlgara-estadounidense Darinka Dentcheva (1958) é especialista na área de optimización estocástica e as súas investigacións utilízanse en campos como a produción eficiente de enerxía ou o asesoramento a persoas e institucións para a toma de decisións en situacións de risco e incerteza como poden ser sistemas económicos ou tratamentos médicos.[38] A chinesa Tan Lei (1963-2016) era especialista en sistemas dinámicos holomorfos, onde conseguiu importantes resultados relacionados co conxunto de Mandelbrot e o de Julia. Xunto a John Milnor proporcionou en 1993 os primeiros exemplos de conxuntos de Julia homeomorfos a fractais de Sierpinski.[39]
En España durante o século XX, a situación foi variando a medida que avanzaba o século. Durante o primeiro terzo, a situación na ensinanza das ciencias foi moi negativa, practicamente inexistente nos niveis de educación primaria durante este período, e cando finalmente se introduciron as materias científicas con carácter obrigatorio no currículo escolar, a falta de tradición destas nos programas e a deficiente preparación científica dos mestres, fixo que as ciencias atopasen grandes dificultades para asentarse como disciplina escolar. Por outro lado, as nenas estaban excluídas por lei da formación científica, o que repercutía nos plans de estudo das Escolas Normais. En canto á formación de nivel superior, durante os primeiros anos dese século as mulleres españolas seguían sen ter acceso, con carácter xeral, aos niveis superiores de formación, xa que ata 1910 non se regulou pola Administración o acceso da muller á universidade. A pesar diso, ao longo de todo o primeiro terzo do século XX algunhas mulleres fóronse incorporando aos estudos científicos e participando activamente en tódolos foros de renovación do ensino das ciencias, e algunhas delas foron as auténticas protagonistas da renovación, modernización e difusión do ensino das ciencias no país a mediados de século.[2] Entre elas podemos mencionar a María del Carmen Martínez Sancho (1901-1995) primeira muller española en lograr un doutoramento en Matemáticas e unha cátedra de instituto nesa mesma disciplina. Foi a primeira muller bolseira da Junta de Ampliación de Estudios na Universidade de Berlín, para afondar nas súas investigacións nun campo amplo das Matemáticas e aprender novos métodos pedagóxicos que se aplicaban en Alemaña. Destacou na súa faceta de investigadora e docente e desempeñou cargos destacados na Sociedade Matemática Española.[40] A catalá María Montserrat Capdevila d’Oriola (1905-1993) en 1931 foi tamén bolseira da Junta para la Ampliación de Estudios para estudar teoría de funcións na Universidade da Sorbonne (París). A súa carreira como investigadora quedou interrompida pola guerra civil: despois de 1939, os seus cargos docentes deixaron de ter validez, e tivo que pasar un proceso de depuración. En 1940 recuperou o cargo de catedrática de instituto de sétima categoría cunha praza en Figueres.[41] A ourensá Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009) ademais de matemática era mestra e licenciada en química e farmacia. Como a anterior, tamén foi afastada da docencia despois do Golpe de Estado de 1936 —debido a unha denuncia falsa— ata que foi revisado o seu caso en 1940. Foi a primeira profesora que tivo a Facultade de Matemáticas da USC, á parte de ser a primeira doutora española en astronomía e a primeira astrónomagalega.[42] A astrónoma e matemática Maria Assumpció Català i Poch (1925-2009), primeira muller en obter o doutoramento en matemática pola Universidade de Barcelona en 1970, levou a cabo observacións sistemáticas de manchas solares durante máis de trinta anos.[43] A coruñesa María Josefa Wonenburger Planells (1927-2014) foi beneficiaria das primeiras bolsas Fulbright (no 1953), o que lle permitiu ir á Universidade Yale, onde realizou a súa tese de doutoramento sobre teoría de grupos. Este foi o inicio dunha prestixiosa carreira profesional primeiro no Canadá e logo nos EEUU —tan estraña e difícil neses momentos— onde liderou un grupo de investigación punteiro en álxebra.[44] A matemática e música Pilar Bayer Isant (1946) foi Profesora de piano no Conservatorio Municipal de Música de Barcelona (1967) e doutora en matemáticas pola Universidade de Barcelona (1975). Especialista en teoría de números, desenvolveu a súa actividade investigadora no Seminario de Teoría de Números de Barcelona, que fundou en 1986. Foi nomeada Emmy-Noether-Professorin pola Universidade Georg-August de Gotinga (Alemaña) en 2004.[45] A matemática aragonesa María Teresa Lozano Imízcoz (1946), especialista en Topoloxía e Xeometría, en particular nas 3-variedades, entre 1976 e 1978 foi Honorary Fellow na Universidade de Wisconsin (Estados Unidos). Dende 2006 pertence á Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas y Naturales. En 2008 formou parte de Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos, editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto La mujer como elemento innovador en la Ciencia, que recollía exemplos de mulleres que traballaban en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas[46] e en 2016 recibiu a Medalla da Real Sociedad Matemática Española (RSME).[47] A valenciana Xaro Nomdedeu Moreno (1948) catedrática de matemáticas de ensino secundario, tamén impartiu docencia universitaria, impulsou e presidiu a Sociedade de Profesorado de Matemáticas, e dirixiu o Planetari de Castelló. É autora de libros e artigos sobre didáctica das matemáticas, coeducación e matemáticas ou historia das matemáticas, recuperando o papel das mulleres nela. Como a anterior, en 2008 formou parte de Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos.[48]
No último cuarto do século XX en España, a vida das fillas non se parecía en nada á das súas nais. Nese momento moitas mulleres estudaban xa en facultades de ciencias, entre as que se topaban as facultades de matemáticas, onde a presenza das mulleres xa era moi significativa nese período, chegando a ser algo máis da metade da matrícula do alumnado na carreira de matemáticas nos últimos anos do século —aínda que esa porcentaxe baixa medio punto cando se trata de estudos de terceiro ciclo—.[2] Nas últimas décadas do século a matemática española pasou a ter unha boa posición a nivel internacional e non foi allea a ela a das mulleres matemáticas. En consecuencia, atópanse nese momento matemáticas españolas destacadas, como María Jesús Esteban Galarza (1956) especialista en ecuacións en derivadas parciais, métodos variacionais, física matemática e aplicacións en química cuántica. Directora de investigación do CNRS (Centre National de la Recherche Scientifique), coordinou o proxecto A Forward Look on Mathematics que impulsaron a Sociedade Matemática Europea (EMS) e a Fundación Europea de Ciencias. Entre 2015 e 2019 presidiu o International Council for Industrial and Applied Mathematics (ICIAM), e é membro da Academia Vasca das Ciencias as Artes e as Letras (Jakiunde) dende 2015. Foi nomeada Doutor honoris causa pola Universidade do País Vasco en 2016 e pola Universitat de València en 2017.[49]Carmen (Capi) Corrales Rodrigáñez (1956) é investigadora en teoría alxébrica dos números, aritmética dos cuaternións e métodos explícitos en aritmética. No ámbito da divulgación móvese en espazos tan pouco explorados como a relación das matemáticas coa arte, ou o papel das mulleres nas matemáticas e na ciencia ao longo da historia.[50]
Olga Gil Medrano (1956), especialista en xeometría diferencial, foi catedrática de Xeometría e Topoloxía, vicerreitora de relacións internacionais e cooperación da Universidade de Valencia, membro do Comité Executivo da Sociedade Matemática Europea (2005-2008), membro do Comité Científico do Instituto de Matemáticas da Academia de Ciencias Polaca, Banach Center, (2006-2009); e dende 2009 é membro do Comité Científico do Tbilisi international Center for Mathematics and Informatics, da Academia de Ciencias Naturais de Xeorxia. Foi, de 2006 a 2009, a primeira muller en presidir a Real Sociedade Matemática Española e o Comité Español da Unión Matemática Internacional (2008-2009). En 2018 foi elixida Secretaria de Política da Comisión para Países en Desenvolvemento (CDC) da Unión Matemática Internacional (IMU).[51]
Personalidades desta época
Nadas no primeiro cuarto do século XX
1901-1905
Nina Karlovna Bari (1901-1961) matemática soviética.[52] É coñecida polo seu traballo en series trigonométricas. Pertenceu ao chamado grupo Luzitania —grupo de xoves matemáticos de Moscova interesados na investigación—, estudando funcións e series trigonométricas baixo a tutela de Nikolai Luzin (1883-1950).[53]
Grete Hermann (1901-1984) matemática e filósofa alemá.[54] Estudou matemáticas na Universidade de Gotinga, onde tivo como profesora a Emmy Noether. A súa tese de doutoramento, dirixida por Emmy Noether e Edmund Landau —Die Frage der endlich vielen Schritte in der Theorie der Polynomideale, A cuestión das etapas finitas en teoría de ideais de polinomios—, foi un traballo fundacional sobre álxebra computacional. Nesta memoria, establecía a existencia de algoritmos para moitos dos problemas básicos de álxebra abstracta; o algoritmo de Hermann para a descomposición primaria de ideais utilízase aínda hoxe en día. Tamén é coñecida polo seu traballo filosófico sobre os fundamentos da mecánica cuántica,[55] e por unha temperá (pero ignorada) refutación dun teorema enmarcado na teoría de variables non ocultas de John von Neumann.[56]
Winifred Margaret Deans (1901-1990) matemática británica.[57] Estudou matemáticas na Universidade de Cambridge. Despois dun período no ensino uniuse á editorial Messrs Blackie and Sons, Ltd como editora asistente en ciencias. Grazas a seus coñecementos de matemáticas e física e ás súas habilidades de linguaxe, traduciu para esta editorial importantes textos científicos en alemán, como Selected Papers on Wave Mechanics de L. de Broglie e L. Brillouin (1928) ou The restless universe de Max Born (1935).[58]
María del Carmen Martínez Sancho (1901-1995) matemática española.[59] Foi a primeira muller do país en lograr un doutoramento en Matemáticas e unha cátedra de instituto nesa mesma disciplina. Estudou con varios dos grandes matemáticos europeos. Destacou na súa faceta de investigadora e docente e desempeñou cargos destacados na Sociedade Matemática Española.[60]
Marion Gray (1902-1979) matemática escocesa.[61] Defendeu a súa tese de doutoramento en 1926 –The theory of singular ordinary differential equations of the second order– supervisada por Anna Wheeler no Bryn Mawr College (EE.UU.). En 1930 comezou a traballar no Departamento de Desenvolvemento e Investigación da American Telephone and Telegraph Company de Nova York, onde descubriu o grafo que leva o seu nome (1932),[62] un grafo cúbico con 54 vértices e 81 bordos.[63]
Edna Ernestine Kramer Lassar (1902-1984) matemática norteamericana.[65] Defendeu a súa tese Polygenic functions of the dual variable w; [Part II] The Laguerre group (1930) na Columbia University baixo a supervisión de Edward Kasner. É autora de varios libros, entre eles The Nature and Growth of Modern Mathematics (1970) considérase a súa maior contribución. Outras das súas publicacións son: A First Course in Educational Statistics (1935), Mathematics Takes Wings: An Aviation Supplement to Secondary Mathematics (1942) e The Main Stream of Mathematics (1951).[66]
Margaret Rock (1903-1983) matemática británica.[70] Foi unha das moitas mulleres matemáticas que traballaron en Bletchley Park durante a Segunda Guerra Mundial. Coas súas habilidades en matemáticas e a súa educación, Margaret Rock axudou a descodificar a máquina Enigma. O seu traballo durante a guerra foi clasificado pola Lei de Segredos Oficiais de 1939 do Reino Unido, polo que seu traballo non se fixo público durante a súa vida.[71]
Bertha Swirles Jeffreys (1903-1999) matemática e física inglesa.[74] Realizou importantes contribucións á física cuántica. Xunto a seu marido –Harold Jeffreys (1891–1989)– traballou en sismoloxía e escribiu o texto Methods of Mathematical Physics (1940). Foi un modelo para moitas das súas alumnas, ás que animaba nos seus estudos científicos.[75]
Marie-Louise Dubreil-Jacotin (1905-1972) matemática francesa.[77] Aínda que a súa tese (1934) trataba sobre mecánica de fluídos, comezou a traballar en álxebra tras coñecer a Emmy Noether–grazas a seu casamento co tamén matemático Paul Dubreil–. Xunto a seu esposo publicou un libro de gran difusión nesta área. Tamén se interesou polo lugar das mulleres na ciencia: contribuíu co capítulo Figures de mathématiciennes no libro Les grands courants de la pensée mathématique de François Le Lionnais.[78]
Rózsa Péter (1905-1977) matemática húngara.[81] É coñecida polos seus traballos sobre a teoría de funcións recursivas, en particular definiu unha función de dúas variables coñecida como función de Ackermann, variante da función orixinal. É autora de Playing with Infinity: Mathematical Explorations and Excursions traducido a 14 idiomas, ao menos, e de Recursive Functions in Computer Theory.[82]
Helen Battles Sawyer Hogg (1905-1993) astrónoma canadense.[87] Foi pioneira na investigación dos cúmulos globulares e estrelas variables. Foi a primeira muller presidenta de varias organizacións astronómicas, e unha científica notable nun momento en que moitas universidades non outorgaban títulos científicos a mulleres.[88]
Angie Turner King (1905-2004) matemática e química estadounidense.[90] Foi unha das primeiras mulleres afroamericanas en obter graos en química e matemáticas, e un doutoramento en educación matemática. Tivo unha gran influencia sobre as súas alumnas, entre as que se inclúen a zoóloga Margaret Strickland Collins ou a matemática Katherine Johnson.[91]
Maria Cibrario Cinquini (1906-1992) matemática italiana.[94] Foi discípula de Guido Fubini , e baixo a súa dirección graduouse en 1927 cunha tese sobre a transformada de [[Ficheiro:Commodore Grace M. Hopper, USN (covered) head and shoulders crop.jpg|alt=Grace M. Hopper|miniatura|Grace M. Hopper|]Laplace e súas aplicacións a certo tipo de ecuacións lineais. Posteriormente, pasou a ser axudante de Giuseppe Peano, e de alí a ser profesora asistente da Escola de Cálculo Infinitesimal que dirixía este matemático. Foi a cuarta muller matemática italiana que conseguiu unha cátedra universitaria na primeira metade do século XX, o fixo tras Pia Nalli, Margherita Beloch Piazzolla e Maria Pastori.[95]
Herta Taussig Freitag (1908-2000) matemática estadounidense de orixe austríaca.[110] É coñecida polo seu traballo sobre os números de Fibonacci. En 1962 foi a primeira muller presidenta dunha sección da Mathematical Association of America. Contribuíu a miúdo na revista Fibonacci Quarterly, que en 1996 lle dedicou un número con motivo do seu 89 aniversario –89 é un número de Fibonacci–.[111]
Esther Szekeres (1910-2005) matemática australiá de orixe húngara.[118] Esther Klein (apelido de familia) formaba parte dun grupo de persoas (en Hungría) que estudaban problemas matemáticos interesantes: entre eles estaban Paul Erdős, George Szekeres e Pál Turán.[119] En 1933, ela propuso ao grupo un problema de combinatoria: Erdös o nomeou o problema do final feliz xa que Esther e George Szekeres acabaron casando en 1937. Tralo estoupido da Segunda Guerra Mundial, o matrimonio emigrou cara a Australia. Alí, Esther participou con numerosas actividades no enriquecemento matemático para estudantes de secundaria.[120]
Dorothy Johnson Vaughan (1910-2008) matemática estadounidense.[121] Foi profesora de matemáticas nunha escola de secundaria de Virxinia, ata que entrou a traballar na National Advisory Committee for Aeronautics (NACA), a axencia que precedeu á NASA. En 1949 fíxose cargo da dirección da West Area Computers, un equipo de traballo composto exclusivamente por mulleres afroamericanas con formación matemática; entre outras, Katherine Johnson foi asignada a este grupo. Cando a NACA converteuse na NASA, seguiu traballando na División de Análise e Computación do Centro de Investigación de Langley, especializándose en computación e programación en FORTRAN. Participou nas probas do proxecto Solid Controlled Orbital Utility Test system (SCOUTS). [122]
Johanna Weber (1910-2014) matemática anglo-xermana.[123] Especialista en aerodinámica, é coñecida polas súas contribucións no desenvolvemento do bombardeiro de reacción Handley Page Victor e do avión supersónicoConcorde. Mantivo unha estreita colaboración co especialista en aerodinámica Dietrich Küchemann, primeiro no Aerodynamische Versuchsanstalt (Gotinga, 1939-1946) e logo no Royal Aircraft Establishment (Farnborough, 1947-1975).[124]
Doris Mary Cannell (1913-2000) historiadora das matemáticas británica. Foi mestra, formadora de profesorado e historiadora das matemáticas, moi coñecida polos seus artigos e o seu libro sobre a vida e traballo do matemático George Green, científico autodidacta e figura esencial en física.[127]
Kathleen Ollerenshaw (1912-2014) matemática e educadora británica.[128] Doutora en matemáticas (1945), foi especialista en cadrados máxicos, sendo o seu libro Most-perfect Pandiagonal Magic Squares (xunto a David Brée) a súa achega máis coñecida. En 1971, foi nomeada Dame Commander da Orde do Imperio Británico polos seus servizos en educación.[129]
Suzan Kahramaner (1913-2006) matemática turca.[130] Ingresou na Facultade de Matemáticas e Astronomía na Universidade de Estambul en 1934. Profesora do Departamento de Matemáticas da Universidade de Estambul dende 1963, fixo o seu doutoramento en problemas de coeficientes na teoría de números complexos. Fixo estudos científicos en varias universidades de Londres, París e Niza, así como en Zürich, California e Helsinqui.[131] Dominaba os idiomas inglés, francés, alemán e árabe, o que lle permitiu acudir a diferentes eventos, viaxar a distintos países e publicar os seus artigos de investigación en diferentes linguas. Foi unha das primeiras mulleres matemáticas na academia turca.[132]
Emma Castelnuovo (1913-2014) matemática italiana.[133] Filla do tamén matemático Guido Castelnuovo, ela especializouse en educación matemática e foi profesora de educación secundaria. En 1951 participa na Comisión Internacional para o Estudo e Mellora da Ensinanza das Matemáticas (CIEAEM), creada co obxectivo de estudar as condicións da ensinanza das matemáticas e analizar modificacións para a súa mellora; introducindo o que se coñeceu como Matemática Moderna no Ensino non universitario.[134] A Sociedade Madrileña de Profesores de Matemáticas (SMPM) leva o seu nome.[135]
Marjorie Lee Browne (1914-1979) matemática e educadora estadounidense.[138] En 1949 obtivo o seu doutoramento en matemáticas: foi a terceira afroamericana en conseguir este recoñecemento académico nos EE.UU. Máis tarde traballou na Universidade de Carolina do Norte, onde ensinou e investigou durante trinta anos. Alí traballou como investigadora principal, coordinadora da sección de matemática.[139] Interesouse pola formación continua do profesorado de ensinanza secundaria.[140]
Mary Helen Wright Greuter (1914-1997) astrónoma e historiadora da ciencia estadounidense.[141] En 1937, entrou a traballar como asistente no Observatorio do Monte Wilson, onde estudou a historia de seus telescopios. Ese mesmo ano, traballou como asistente no Observatorio do Vassar College, e entre 1942 e 1943 fíxoo como asistente no Observatorio Naval dos Estados Unidos; posteriormente incorporouse ao Observatorio Palomar. Entre as súas publicacións máis coñecidas destacan Explorer of the Universe: A Biography of George Ellery Hale (Explorador do universo: unha biografía de George Ellery Hale, 1966) e Sweeper in the Sky, the Life of Maria Mitchell (Varredora do ceo: a vida de Maria Mitchell, 1949).[142]
Antonia Ferrín Moreiras (1914-2009) matemática e astrónoma española.[147] Foi a primeira muller en defender unha tese de doutoramento en astronomía no estado español. As súas principais contribucións á astronomía son traballos sobre ocultacións estelares, medidas de estrelas dobres e determinación de pasos por dúas verticais.[148]
Madeline Scotto (1914-2015) educadora e profesora de matemáticas estadounidense.[149] Con 40 anos e cinco fillos, empezou a ensinar matemáticas nun colexio. Trala súa xubilación, continuou como profesora de apoio de matemáticas, titorizando e preparando nenas e nenos para concursos de matemáticas a nivel rexional.[150]
Manuela Garín Pinillos (1914-2019) matemática mexicana.[151] É unha das pioneiras da matemática mexicana, e unha das primeiras graduadas nesa carreira. Desempeñou un importante papel na creación da Escola de Matemáticas da Universidade de Yucatán e a de Altos Estudos na Universidade de Sonora. Pasou cinco décadas na ensinanza das matemáticas en tódolos seus niveis. Faleceu o 30 de abril de 2019, aos 105 anos.[152]
Mollie Orshansky (1915-2006) matemática, estatística e economista norteamericana.[153] Entre outros, traballou en estudos biométricos da saúde infantil, o crecemento e a nutrición no Children’s Bureau (1939), investigou sobre a incidencia e as terapias para a pneumonía no New York City Department of Health (1942) e traballou no Departamento de Agricultura dos Estados Unidos (1945-1958) como economista especializada en familia e alimentación. En 1958, uniuse á Social Security Administration como analista de investigación en ciencias sociais no Office of Research and Statistics. En 1963 desenvolveu o Orshansky Poverty Thresholds, utilizado nos Estados Unidos como unha medida dos ingresos que unha familia non debe superar para ser considerada como pobre.[154]
Alice Turner Schafer (1915-2009) matemática estadounidense.[157] Recibiu unha bolsa para estudar na Universidade de Richmond (Virxinia): era a única muller estudante, nun tempo no que as mulleres non tiñan permitida a entrada á biblioteca do campus. Obtivo brillantes resultados e defendeu a súa tese de doutoramento en 1942, en xeometría diferencial proxectiva. Foi unha das fundadoras da Association for Women in Mathematics en 1971.[158]
1916-1920
Sheila May Edmonds (1916-2002) matemática británica.[159] Realizou a súa tese de doutoramento, baixo a supervisión do coñecido matemático Godfrey Harold Hardy, titulada Some Multiplication Problems (1944), contiña 44 teoremas, 21 lemas e numerosas gráficas coloreadas en vermello e negro. As súas tarefas docentes e administrativas obrigárona a abandonar case que totalmente a investigación, foi un exemplo para moitas mulleres que tiveron a sorte de ser as súas alumnas.[160]
Hélène Cartan (1917-1952) matemática francesa.[161] Filla do matemático Élie Cartan, en 1937 ingresou na Escola Normal Superior —en principio reservada a mozos— e pasou a súa primeira agrégation en 1940.[162] Ensinou en varios centros de educación secundaria, pero tamén dedicou o seu tempo á investigación.[163]
Elizabeth Scott (1917-1988) matemática estadounidense.[166] Escribiu máis de 30 artigos sobre astronomía e outros 30 sobre a análise de modificación do clima, incorporando e estendendo o uso da análise estatística nestes campos. Tamén utilizou a estatística para promover a igualdade de oportunidades e do salario para as mulleres académicas.[167]
Helena Rasiowa (1917-1994) matemática polaca.[168] Traballou nos fundamentos da matemática e en lóxica. Defendeu a súa tese de doutoramento —Algebraic Treatment of the Functional Calculi of Lewis and Heyting— en 1950, baixo a dirección de Andrzej Mostowski.[169]
Winifred Asprey (1917-2007) matemática e informática norteamericana.[172] Foi unha das preto de duascentas mulleres que lograron un doutoramento en matemáticas en universidades norteamericanas durante os anos 1940. Estivo involucrada no desenvolvemento do contacto entre o Vassar College e IBM, contacto que levou ao establecemento do primeiro laboratorio de informática en Vassar: foi o segundo college en EE. UU. en adquirir un ordenador IBM S/360 (1967).[173]
Jacqueline Ferrand (1918-2014) matemática francesa.[176] Seus traballos céntranse principalmente na análise real e complexa e a xeometría diferencial. É autora de numerosas publicacións e manuais universitarios, entre eles os catro tomos de Cours de Mathématiques xunto a Jean-Marie Arnaudiès, utilizado durante os anos 1970-1990. Recibiu o Premio Servant de la Académie des sciences en 1974.[177]
Kateryna Yushchenko (1919-2001) matemática e informática soviética.[182] Traballou en teoría da probabilidade, linguaxes algorítmicos e linguaxes de programación. Desenvolveu un dos linguaxes de alto nivel con aplicación en programación: o Address programming language. Autora de máis de 200 traballos (incluíndo 23 monografías), supervisou 45 teses de doutoramento. Foi membro correspondente da Academia de Ciencias da URSS e membro da International Academy of Computer Science.[183]
Paulette Libermann (1919-2007) matemática francesa.[184] Foi especialista en xeometría diferencial, campo no que publicou numerosos artigos. Seu primeiro traballo, conxunto con Ehresmann, apareceu en 1949 e despois de doce publicacións máis, culminou na súa tese, Sur le problème d'équivalence de certaines estructuras infinitésimales, en 1953, que se publicou en Annali di Matematica Pura ed Applicata en 1954. A primeira parte é unha exposición da teoría de equivalencia de Cartan e a segunda parte conén un estudo detallado de varios casos especiais.[185]
Adele Goldstine (1920-1964) matemática e programadora norteamericana.[188] Foi unha das primeiras programadora da computadora ENIAC. Especialista en linguaxe máquina, foi a primeira en documentar un manual técnico de computación coa ENIAC, para despois liderar e formar ao grupo de programadoras coñecidas como As mulleres ENIAC.[189]
Vera Nikolaevna Kublanovskaya (1920-2012) matemática soviética.[192] É recoñecida polo seu traballo no desenvolvemento de métodos computacionais para a solución de problemas espectrais en álxebra. Propuxo o algoritmo QR para o cálculo de autovalores e autovectores en 1961 -de maneira independente a John G. F. Francis-. Este algoritmo é un dos máis importantes do século XX.[193]
1921-1925
Edith Hirsch Luchins (1921-2002) matemática polaco-estadounidense.[194] A investigación de Luchins centrouse na aplicación das matemáticas aos problemas da filosofía da ciencia e a psicoloxía, particularmente nas áreas de fundamentos lóxicos, aprendizaxe e percepción. Casada co psicólogo Abraham S. Luchins, o experimento Luchins and Luchins’ Water Jar Experiment leva o nome de ambos. Escribiu varios libros xunto a seu marido, interesada na matemática educativa.[195]
Frédérique Papy-Lenger (1921-2005) matemática e pedagoga belga.[196] Traballou xunto a seu marido Georges Papy (1920-2011) na reforma da pedagoxía das matemáticas dende mediados dos anos 1950. Entre 1963 e 1966, publicou xunto a Georges Papy un programa pedagóxico en seis volumes para as matemáticas de secundaria Mathématique moderne no que propoñían unificar os grandes temas do programa apoiándose na teoría de conxuntos, no concepto de aplicación e as estruturas alxébricas.[197]
Mary Winston Jackson (1921-2005) matemática e enxeñeira aeroespacial estadounidense.[198] Traballou para o Comité Conselleiro Nacional para a Aeronáutica (NACA) que máis tarde se transformou na NASA. Traballou a maior parte da súa vida no Centro de Investigación de Langley, dende calculista a enxeñeira, e baixo as ordes de Dorothy Vaughan na Sección de Informática da Área Oeste. Autora ou coautora de doce artigos técnicos para a NACA e a NASA, axudou a mulleres e outras minorías a ascender nas súas carreiras, asesorándoas sobre a forma de mellorar as súas oportunidades de promoción.[199]
Anneli Cahn Lax (1922-1999) matemática estadounidense.[204] A súa tese de doutoramento Cauchy’s Problem for a Partial Differential Equation with Real MultipleCharacteristics (1955) foi dirixida por Richard Courant. Traballou para facer as matemáticas accesibeis a estudantes e público en xeral, sobre todo como editora da New Mathematical Library Series da Mathematical Association of America.[205]
Ann Katharine Williamson Mitchell (1922-2020) matemática, psicóloga e criptoanalista británica.[210] Pasou de traballar na descodificación da máquina Enigma -que serviu para cifrar as mensaxes alemás durante a Segunda Guerra Mundial- formando parte do equipo de Alan Turing en Bletchley Park, a investigar o efecto do divorcio nos nenos. A súa investigación, pioneira neste campo, non só lle valeu un título académico da Universidade de Edimburgo, senón que supuxo un cambio na lei escocesa que regulaba o divorcio para asegurar que as necesidades dos fillos se tivesen debidamente en conta nos acordos de divorcio.[211]
Gloria Olive (1923-2006) matemática norteamericana.[212] Especialista en combinatoria, foi unha dos membros fundadores da Sociedade Matemática de Nova Zelandia. Opinaba que a ensinanza debe centrarse no alumnado, enfrontándose así á oposición da súa contorna académico.[213]
Cathleen Synge Morawetz (1923-2017) matemática canadiana.[214] A súa investigación céntrase fundamentalmente no estudo de ecuacións diferenciais parciais asociadas a fluídos. Ten publicado traballos en variedade de temas que inclúen viscosidade, fluídos compresibles e fluxos transónicos. En 1981, foi a primeira muller en ditar a Gibbs Lecture de The American Mathematical Society.[215]
Marjorie Rice (1923-2017) matemática afeccionada estadounidense.[216] Desenvolveu o seu propio sistema de notación matemática para representar as restriccións e as relacións entre os lados e ángulos dos polígonos. Conseguiu descubrir catro novos tipos de teselacións pentagonais e máis de sesenta teselacións diferentes con distintos tipos de pentágonos.[217]
Mary Ellen Rudin (1924-2013) matemática estadounidense.[222] A súa investigación estivo orientada cara á topoloxía xeral. Estimulou a investigación en topoloxía durante máis de vinte anos, dirixindo 18 teses de doutoramento. É tamén coñecida polas súas construcións e contraexemplos a conxecturas célebres, a máis coñecida delas é o espazo de Dowker.[223]
Mary Lee Woods (1924-2017) matemática e programadora británica.[224] Traballou no equipo que desenvolveu o Manchester Mark I (un dos primeiros ordenadores) xunto a seu marido, o tamén matemático e programador Conway Berners-Lee. Seu fillo maior, Tim Berners-Lee, é o creador da World Wide Web.[225]
Carol Ruth Karp (1926-1972) matemática estadounidense.[232] Foi especialista en lóxica infinitaria. Seu libro Languages with Expressions of Infinite Length foi unha das súas maiores contribucións nesta área. O Karp Prize da Association for Symbolic Logic entrégase no seu honor dende 1973, cada cinco anos.[233]
Erna Schneider Hoover (1926) matemática estadounidense.[234] Inventou un sistema automatizado de conmutación telefónica (US 3623007 A), para evitar sobrecargas do sistema en horas punta.[235] Utilizaba un ordenador para supervisar as chamadas entrantes, e axustaba automaticamente a aceptación da chamada. Traballou durante máis de trinta anos nos Laboratorios Bell, onde foi nomeada supervisora do servizo técnico: foi a primeira muller en conseguilo.[236]
Joan Birman (1927) matemática estadounidense.[240] Especialista en teoría de trenzas e teoría de nudos, seu libro Braids, Links, and Mapping Class Groups é unha introdución ao tema: moitas e moitos investigadores na área teñen aprendido del nos seus inicios.[241]
Vera Cooper Rubin (1928-2016) astrónoma estadounidense.[242] Pionera na medición da rotación das estrelas dentro dunha galaxia, as súas medicións probaron que as curvas de rotación galácticas mantíñanse planas, contradicindo o modelo teórico e sendo a evidencia máis directa e robusta da materia escura.[243]
Hu Hesheng (1928) matemática chinesa.[244] Experta en xeometría diferencial, impartiu a Noether Lecture no International Congress of Mathematicians (ICM) 2002: Two-Dimensional Toda Equations and Laplace Sequences of Surfaces in Projective Space. Foi vicepresidenta da Sociedade Matemática Chinesa, presidenta da Sociedade Matemática de Shanghai e académica da Academia de Ciencia China.[245]
Marion Walter (1928-2021) matemática estadounidense nada en Alemaña.[246] Traballou en diferentes proxectos relacionados co ensino das matemáticas; por exemplo, foi asesora en matemáticas na serie de televisión para nenas e nenos Sesame Street. Escribiu, entre outros, The Mirror Puzzle Book, un libro sobre o uso de espellos para explorar a simetría. O teorema Marion sobre triángulos leva seu nome.[247]
Charlotte Froese Fischer (1929) matemática canadense-estadounidense nada en Ucraína.[248] Especialista en ciencias da computación, destaca fundamentalmente polo desenvolvemento e implementación do método de campo autoconsistente multiconfiguracional CASSCF de química computacional e pola súa predición teórica da existencia dos iones de calcio negativos.[249]
Regina Iosifovna Tyshkevich (1929) matemática bielorrusa.[250] Especialista en teoría de grafos, seus principais intereses están centrados en grafos de intersección, secuencias de grados e na conxectura da reconstrución. É, ademais, coinventora da noción de grafos divididos. En 1998, recibiu o Premio Estatal de Bielorrusia polo libro Lektsii po teorii grafov Uchebnoe posobie (Leccións de teoría de grafos) do que é coautora, ademais de outros importantes galardóns.[251]
Thyrsa Frazier Svager (1930-1999) matemática estadounidense.[252] Foi unha das primeiras mulleres afroamericanas en obter un doutoramento en matemáticas nos EE. UU. (1965), coa tese On the Product of Absolutely Continuous Transformations of Measure Spaces dirixida por Paul Reichelderfer (Universidade de Ohio). Foi a directora do Departamento de Matemáticas da Central State University (CSU) en Ohio por décadas, terminando a súa carreira académica como vicerreitora de asuntos académicos. Durante as súas carreiras, ela e o seu marido, o profesor de física Aleksandar Svager, inverteron un dos seus salarios para establecer un fondo para bolsas. Tralo seu falecemento en 1999, creouse o Fondo Thyrsa Frazier Svager para axudar a mulleres afroamericanas especializadas en matemáticas.[253]
Maria Antònia Canals (1930) mestra e matemática española.[254] É coñecida polo seu enfoque lúdico da matemática e a gran cantidade de material didáctico que xerou.[255] A súa tarefa foi recoñecida con diversos premios e homenaxes, e continúa activa compartindo as súas propostas e saberes relacionados co ensino das matemáticas.[256]
Valentina Mikhailovna Borok (1931-2004) matemática ucraína.[259] A súa especialidade era a teoría de ecuacións en derivadas parciais. Escribiu máis de 80 artigos en revistas de investigación e dirixiu 16 teses de doutoramento. Ademais foi unha docente moi apreciada polo seu alumnado.[260]
Vera Pless (1931-2020) matemática estadounidense.[261] A súa especialidade era a combinatoria e a teoría de códigos. Obtivo o seu grao de doutora en matemáticas en 1957 coa tese Quotient Rings of Continuous Transformation Rings. É autora do libro An Introduction to the Theory of Error-Correcting Codes e de uns 100 artigos de investigación.[262]
Mary Wynne Warner (1932-1998) matemática británica.[265] Aínda que non chegou a completar o seu doutoramento –seu marido era diplomático e viaxaban con frecuencia–, investigou –e publicou– en topoloxía alxébrica baixo a supervisión de Henry Whitehead.[266] En 2002, a London Mathematical Society recoñeceu o seu traballo publicando no seu Bulletin un extenso obituario.[267]
Frances Elizabeth "Fran" Allen (1932-2020) matemática, científica computacional e investigadora estadounidense.[268] Pioneira no campo da optimización de compiladores, os seus logros inclúen traballo en compiladores, optimización de código, e computación paralela. Tamén tivo un rol importante na creación de linguaxes de programación e códigos de seguridade para a Axencia de Seguridade Nacional Americana. Comezou a traballar en 1957 na sección de investigación de IBM, sendo pioneira no campo de automatización de tarefas paralelas e optimización de compiladores.[269] A partir dos anos 80 recibiu numerosos recoñecementos, entre os que destaca en 2006 a concesión do Premio Turing da Association for Computing Machinery -considerado o Nobel das Ciencias da Computación-, polas súas contribucións que melloraron fundamentalmente o rendemento dos programas de computador e aceleraron o uso de sistemas de computación de alto rendemento.[270]Etta Zuber Falconer (1933-2002) matemática e educadora estadounidense.[271] Foi unha das primeiras afroamericanas en obter un doutoramento en matemáticas: foi en 1969, na Emory University, cunha tese sobre álxebra abstracta, Quasigroup Invariant Under Isotopy, dirixida por Trevor Evans. Durante 37 anos ensinou matemáticas e axudou na mellora da educación científica no Spelman College.[272]
Graciela Salicrup López (1935-1982) matemática e arquitecta mexicana.[277] Foi unha investigadora pioneira na rama de topoloxía categórica nas décadas de 1970 e 1980. O salón principal do Instituto de Matemáticas da UNAM leva o seu nome.[278]
Louise Schmir Hay (1935-1989) matemática estadounidense de orixe francés.[279] Foi especialista en lóxica matemática, teoría de funcións recursivas e ciencia da computación teórica. En 1980 foi nomeada directora do Departamento de Matemáticas da Universidade de Illinois en Chicago, converténdose nese momento na única muller dirixindo un departamento de matemáticas dunha universidade importante en EE.UU.[280]
Gloria Conyers Hewitt (1935) matemática estadounidense.[281] En 1962, foi a cuarta muller afroamericana en obter un doutoramento en matemáticas, coa tese titulada Direct and Inverse Limits of Abstract Algebras dirixida por Richard Pierce. Traballou durante 38 anos como profesora na Universidade de Montana, dirixindo unha tese de doutoramento e titorizando a varios estudantes.[282]
Bhama Srinivasan (1935) matemática estadounidense nada na India.[287] Coñecida polo seu traballo en teoría de representación de grupos finitos, as úas contribucións foron recoñecidas nunha Conferencia Noether en 1990: The Invasion of Geometry into Finite Group Theory. Foi presidenta da Association for Women in Mathematics entre 1981 e 1983.[288]
Marina Evseevna Ratner (1938-2017) matemática ruso-estadounidense.[295] Especialista en teoría ergódica, varios teoremas nesta rama da matemática levan o seu nome.[296] Ao redor de 1990 probou un grupo importante de teoremas relativos a fluxos unipotentes en espazos homoxéneos coñecidos como teoremas de Ratner.[297]
Lorraine Lois Foster (1938) matemática estadounidense. En 1964 converteuse na primeira muller en recibir un doutoramento en matemáticas polo Instituto de Tecnoloxía de California coa memoria On the Characteristic Roots of the Product of Certain Rational Integral Matrices of Order Two. A súa directora de tese foi Olga Taussky-Todd. Ten traballado en teoría de números e simetría de grupos.[298]
Jitka Dupačová (1939-2016) matemática checa.[299] Foi unha das pioneiras na área de optimización coñecida orixinalmente como Programación Estocástica (1960). Traballou no Departamento de Probabilidade e Estatística Matemática da Facultade de Matemáticas e Física da Universidade Charles de Praga, ocupando diferentes cargos.[300]
Lenore Blum (1942) matemática estadounidense. Especialista en computación, investigou sobre xeneradores seguros de númerosaleatorios e avaliación de funcións racionais –ver o Blum Blum Shub–. En 1989, publicou un artigo con Michael Shub e Stephen Smale sobre completitude NP, funcións recursivas e máquinas de Turing universais –ver o Blum–Shub–Smale machine–.[310] Ingresa na Carnegie Mellon University (CMU) en 1998 onde leva a cabo exitosos programas como o Women @ SCS que conseguiu que a titulación de Ciencias da Computación lograra case a paridad de xénero. Máis tarde, o Proxecto Olympus, que creou máis da metade das startups de CMU e desempeñou un papel catalizador na escena de startups da cidade, asociouse co Centro Donald Jones para o Emprendemento para formar o Centro Carnegie Mellon para a Innovación e o Emprendemento (CIE) que posteriormente transformouse no Centro Swartz para o emprendemento, do que dimitiu en 2018 pola deriva sexista que estaba a ter.[311]
Gillian Lovegrove (1942) matemática británica.[314] Especialista en ciencias da computación, en particular en programación orientada a obxectos, é coñecida polo seu interese no desequilibrio de xénero na educación informática e o emprego, e pola súa discusión pública das posibles solucións ante a escaseza de persoas graduadas en tecnoloxías da información no Reino Unido.[315] Xunto á especialista en ciencias da computación Wendy Hall escribiu os coñecidos artigos sobre mulleres e educación en informática: Where Are All the Girls? (1987) e Where Are the Girls Now? (1991).[316]
Evelyn Merle Nelson (1943-1987) matemática canadense.[320] Realizou contribucións á área de álxebra universal con aplicacións á teoría da computación. O Premio Krieger-Nelson —outorgado anualmente pola Sociedade Matemática de Canadá dende o ano 1995— á investigación realizada por unha muller matemática, leva o seu nome e o de Cecilia Krieger.[321]
Margaret Hilary Millington (1944-1973) matemática inglesa.[322] Doutorouse en matemáticas en 1968 pola Universidade de Oxford, coa tese Subgroups of the Classical Modular Group supervisada por A. O. L. Atkin. Faleceu moi nova, dun tumor cerebral. Non obstante, en 1983, durante un simposio sobre formas modulares organizado pola London Mathematical Society, púxose en evidencia a importancia do seu traballo de tese e da súa investigación posdoutoral.[323]
Graciela Chichilnisky (1944) matemática e economista arxentino-estadounidense.[324] Experta en cambio climático,[325] é profesora de economía na Universidade de Columbia. Despois de trasladarse á Universidade de California en Berkeley, completou o seu doutoramento en matemáticas en 1971. Posteriormente obtivo un segundo doutoramento en economía en 1976. É coñecida por propoñer e deseñar o comercio de emisións de carbono subxacente ao Protocolo de Kyoto.[326] Chichilnisky tamén ten demandando á Universidade de Columbia de forma intermitente dende 1990 -a primeira demanda a gañou en 1991 e a última en 2008- alegando discriminación de xénero e desigualdade salarial.[324]
Pilar Bayer Isant (1946) matemática española.[335] Profesora de piano (Conservatorio Municipal de Música de Barcelona, 1967) e Doutora en matemáticas (Universidade de Barcelona, 1975),é especialista en teoría de números.[336] A súa actividade investigadora enmárcase no Seminario de Teoría de Números de Barcelona, do que foi fundadora en 1986. Entre as moitas distincións que posee, foi nomeada Emmy-Noether-Professorin pola Universidade Georg-August de Gotinga (Alemaña) en 2004.[337] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas de la RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
María Teresa Lozano Imízcoz (1946) matemática española.[338] O seu campo de investigacióné a Topoloxía e a Xeometría, en particular as 3-variedades. En 1990 converteuse en catedrática de Xeometría e Topoloxía -primeira catedrática da Facultade de Ciencias da Universidade de Zaragoza-. Entre 1976 e 1978 foi Honorary Fellow na Universidade de Wisconsin (Estados Unidos).[339] Dende 2006 pertence á Real Academia de Ciencias Exactas, Físicas e Naturais,[340] en 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas[46] e en 2016 recibiu a Medalla da Real Sociedade Matemática Española (RSME).[341]
Edna Paisano (1948-2014) traballadora social indíxena norteamericana e estatística.[348] Utilizou os seus coñecementos estatísticos para realizar melloras nos censos de seu país; o seu obxectivo era aumentar a presenza da comunidade indíxena nos rexistros gobernamentais —moitos indios non estaban inscritos— para conseguir máis axudas por parte da administración.[349]
Barbara Hendricks (1948) soprano estadounidense.[350] Graduouse aos vinte anos na Universidade de Nebraska en matemáticas e química, despois os seus estudos centráronse na música.[351] Preguntada nunha entrevista -para o periódico El Correo-[352] sobre a relación entre as matemáticas e a música, ela respondía "As matemáticas serven para todo na vida, xa que che ensinan a razoar, a resolver problemas. Pero sobre todo a min aportáronme disciplina para min mesma, unha disciplina que non é para nada opresiva senón que me facilita ser libre".[353]
Xaro Nomdedeu Moreno (1948) matemática española. Catedrática de matemáticas de Ensino Secundario, tamén ten impartido docencia universitaria, impulsou e presidiu a Sociedade de Profesorado de Matemáticas, e dirixido o Planetari de Castelló.[354] É autora de libros e artigos sobre didáctica das matemáticas, coeducación e matemáticas ou historia das matemáticas.[355] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Raman Parimala (1948) matemática hindú.[360] Coñecida polas súas contribucións en álxebra. Durante moitos anos foi profesora no Tata Institute of Fundamental Research (TIFR), Mumbai. A súa investigación utiliza ferramientas de teoría de números, xeometría alxébrica e topoloxía. Foi recoñecida co Premio Bhatnagar en 1987, un doutoramento honorario da Universidade de Lausana en 1999 e o Premio do Centenario do Nacemento Srinivasa Ramanujan en 2003. Recibiu o premio de matemáticas de 2005 da Academia de Ciencias para o Mundo en Desenvolvemento polo seu traballo "no análogo cuadrático da conxectura de Serre, a trivialidade dos principais espazos homoxéneos dos grupos clásicos sobre campos de dimensións cohomolóxicas 2 e o μ-invariante de campos de funcións p-adicas". Parimala tamén abordou a solución para a segunda conxectura de Serre.[361]
Fan Chung (1949) matemática estadounidense nada en Taiwán.[362] Traballa principalmente en teoría espectral de grafos, teoría de grafos extremais e grafos aleatorios.[363] Ten publicado máis de 200 artigos e tres libros: Spectral Graph Theory (1997), Erdős on Graphs: His Legacy of Unsolved Problems (con Ron Graham, 1998) e Complex Graphs and Networks (con Linyuan Lu, 2006).[364]
Irene Loiseau (1949) matemática e informática arxentina.[365]Licenciada en Matemáticas e Doutora en Informática, é profesora no Departamento de Computación na Facultade de Ciencias Exactas e Naturais da Universidade de Bos Aires (Arxentina). Foi vicepresidenta da Asociación Latino-Iberoamericana de Investigación Operativa (ALIO) no período 2002-2006, asociación que tivo a varias mulleres como presidentas.[366]
Marida Bertocchi (1951-2016) matemática italiana.[371] Catedrática de Matemática Financeira na Universidade de Bergamo, as súas áreas de interese en investigación abarcan os modelos e algoritmos de optimizaciónnon lineares, así como a álxebra lineal, con especial interese na computación en paralelo. Dende os anos 1990 a súa investigación centrouse en aspectos de modelizazón financieira con especial énfase en técnicas de optimización estocástica para a súa resolución e, máis recentemente, en modelos de optimización no sector enerxético.[372]
Michèle Audin (1954) matemática francesa. Especialista en xeometría simpléctica, foi cooptada polo grupo Oulipo en 2009. Interesada pola historia das matemáticas, ten publicado, entre outros, a correspondencia de dous membros do grupo Bourbaki, Henri Cartan e André Weil—Correspondance Entre Henri Cartan et Andre Weil (1928-1991)—, May Quai Conti. A Academia de Ciencias e a Comuna de París -unha homenaxe á Comuna de París na que mestura ciencia, historia e literatura-[381] e un libro dedicado á matemática rusa Sofia Kovalevskaya —Remembering Sofya Kovalevskaya-.[382] En 2008 foi galardoada pola Fundación Mme. Claude Berthault do Institut de France "polo conxunto da súa obra científica en torno á xeometría e a topoloxía simplécticas, os sistemas hamiltonianos e integrables, teorías moi ligadas á física".[383]
Susan Landau (1954) matemática e enxeñeira estadounidense.[384] Especialista en ciencias da computación, ten investigado en seguridade en sistemas gobernamentais (e as súas implicacións en materia de privacidade e política) e seguridade en internet, entre outros. En 1989 introduciu o primeiro algoritmo para decidir en que casos un radical xerarquizado pode reescribirse como un radical non xerarquizado: é o algoritmo de Landau. Interesada pola situación das mulleres na ciencia, promoveu a creación da lista de distribución ResearcHers (un foro para investigadoras en ciencias da computación) e o repositorio onlineCRA-W de mulleres que publican nesta área.[385]
Carmen (Capi) Corrales Rodrigáñez (1956) matemática española.[390] Profesora do Departamento de Álxebra da Facultade de Matemáticas da Universidade Complutense de Madrid. A súa investigación céntrase fundamentalmente na Teoría alxébrica de números; aritmética dos cuaternións e métodos explícitos en aritmética. No ámbito da divulgación móvese en espazos tan pouco explorados como a relación das matemáticas coa arte[391][392] ou o papel da muller na ciencia.[393][394][395] Foi Premio Consejo Social al Docente Complutense 2000, polo ensaio "Un paseo por el siglo XX de la mano de Fermat y Picasso", Premio Nacional de Divulgación Científica Laura Iglesias 2007 (na súa primeira convocatoria), Premio 2008 Escritos sobre Arte da Fundación Arte y Derecho, polo ensaio "Cuaderno de un viaje: exploraciones del espacio 1945-2008".[396]
María Jesús Esteban Galarza (1956) matemática española.[397] Traballa en ecuacións en derivadas parciais, métodos variacionais, física matemática e aplicacións en química cuántica. Directora de investigación do CNRS (Centre National de la Recherche Scientifique), coordinou o proxecto A Forward Look on Mathematics que impulsaron a Sociedade Matemática Europea (European Mathematics Society, EMS) e a Fundación Europea de Ciencias (European Science Foundation). Foi presidenta (2015-2019) do International Council for Industrial and Applied Mathematics (ICIAM)[398] e membro da Academia Vasca das Ciencias as Artes e as Letras (Jakiunde) dende 2015. Entre outros moitos recoñecementos, en 2016 foi nomeada Doutora Honoris Causa pola Universidade do País Vasco[399] e en 2017 Doutora Honoris Causa pola Universitat de València.[400] Foi Premio ao Mérito, do Padroado da Fundación Elhuyar, que recoñece o traballo realizado en favor da normalización do éuscara e a divulgación da ciencia.[401] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Olga Gil Medrano (1956) matemática española.[402] Especialista en xeometría diferencial, foi catedrática de Xeometría e Topoloxía, vicerreitora de relacións internacionais e cooperación da Universidade de Valencia, membro do Comité Executivo da Sociedade Matemática Europea (2005-2008), membro do Comité Científico do Instituto de Matemáticas da Academia de Ciencias Polaca, Banach Center, (2006-2009) e dende o 2009 membro do Comité Científico do Tbilisi international Center for Mathematics and Informatics, da Academia de Ciencias Naturais de Xeorxia. Foi, entre 2006 e 2009, a primeira muller en presidir a Real Sociedade Matemática Española e presidiu o Comité Español pola Unión Matemática Internacional (2008-2009). En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46] En 2018 foi elixida Secretaria de Política da Comisión para Países en Desenvolvemento (CDC) da Unión Matemática Internacional (IMU).[403]
Carme Torras Genís (Barcelona, 1956) matemática e escritora española.[404] Licenciada en Matemáticas, doutora en Informática e profesora de investigación do CSIC, é especialista en intelixencia artificial e robótica, e compaxina a escritura literaria coa investigación científica. Dirixe un grupo de investigación en robótica asistencial no Instituto de Robótica e Informática Industrial (CSIC-UPC): ten publicado libros e artigos sobre modelos neuronais, visión por computador, intelixencia artificial e robótica.[405] É membro do IEEE e EurAI, membro numerario da Real Academia de Ciencias e Artes de Barcelona, do Instituto de Estudos Catalás, da Academia Europea e membro da Comisión Científica da RSME.[406] Foi distinguida coa medalla Narcís Monturiol da Generalitat de Catalunya, en 2019 co Premio Julio Peláez ás Mulleres Pioneiras da Física, a Química e as Matemáticas, e en 2020 co Premio Nacional de Investigación “Julio Rey Pastor”.[407]
Darinka Dentcheva (1958) matemática búlgaro-americana.[410] Profesora do Stevens Institute of Technology (EE.UU.), é especialista na área de optimizaciónestocástica. As súas investigacións utilízanse en campos como a produción eficiente de enerxía ou o asesoramento a persoas e institucións na toma de decisións en situacións de risco e incerteza (como sistemas económicos ou tratamentos médicos). É autora de dous libros e máis de setenta artigos de investigación.[411]
Abigail Thompson (1958) matemática estadounidense.[412] Especialista en teoría de nós e en xeometría de 3-variedades, obtivo o Premio Ruth Satter da American Mathematical Society en 2003, pola súa destacada labor en topoloxía de dimensión 3. Foi unha das nove mulleres elixidas para o póster Women Doing Mathematics da American Mathematical Society (AMS).[413]
Rosa Maria Miró i Roig (1960) matemática española.[416] Especialista en xeometría alxébrica, análise complexa, álxebra conmutativa e física matemática, é unha autoridade en fibrados sobre variedades alxébricas e os seus traballos sobre a teoría de Liaison, de Gorenstein, son referentes no seu campo. Coautora de varios libros,é membro de diferentes comités editoriais e académicos.[417] En 2007 recibiu o Premio Ferran Sunyer i Balaguer da IEC polo traballo "Lectures on Determinantal Ideals",[418]
Peregrina Quintela Estévez (1960) matemática española. Catedrática de Matemática Aplicada da USC, a súa área de investigación é a Matemática industrial. Dende a súa fundación, en 2011, preside a Rede Española de Matemática Industrial (math-in) que agrupa ao redor de 40 grupos de investigación dunhas 20 universidades e centros de investigación españois. Coordinou (2007-2012) a creación do nodo CESGA do Proyecto Consolider Ingenio MATHEMATICA (i-MATH). Dirixe dende o seu inicio (2013) o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati). É membro dende a súa fundación do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), e a partir de 2015 forma parte do Executive Board.[419] No 2016 foi distinguida co Premio María Wonenburguer, sendo a primeira matemática en recibir esta distinción.[420] Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2019.[421][422]
1961-1965
María Jesús Carro Rossell (1961) matemática española.[423] A súa área de investigación é a Análise Matemática, máis concretamente a Análise Real, a Análise Funcional e a Análise harmónica (Análise de Fourier). En 2003 recibiu a Distinción da Generalitat de Catalunya para a Promoción da Investigación Universitaria.[424] En 2011 foi presidenta do Comité C3 para a celebración do centenario da Real Sociedade Matemática Española.[425] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Anna Sciomachen (1961) matemática italiana.[426] Profesora na Universita’ degli Studi di Genova, é especialista en Investigación Operativa, aplicando a súa investigación ao mundo da economía. Dende 2012 é presidenta da Associazione Italiana di Ricerca Operativa (AIRO) e da Federazione Italiana di Matematica Applicata (FIMA). Tamén dedica parte do seu tempo á divulgación científica.[427]
Claudia Sagastizábal 1961) matemática arxentina.[428] A súa especialidade é a optimización matemática, abarcando tanto o punto de vista teórico da análise variacional como os aspectos numéricos e algorítmicos. É coautora (xunto a Joseph-Frédéric Bonnans, Jean Charles Gilbert e Claude Lemarechal) do libro Numerical Optimization: Theoretical and Practical Aspects (Springer, 2002).[429]
Marta Macho Stadler (1962) matemática española.[430] Profesora de Xeometría e Topoloxía na Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade do País Vasco, está especializada en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa. Ten desenvolvido a súa actividade universitaria, e humanística, entre a divulgación, a academia, a igualdade, a visibilidade, as ciencias, os buratos espaciais, o compromiso e a creatividade.[431] É responsable das seccións de Literatura e Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no portal DivulgaMAT da RSME e dende a súa creación, en 2014, é impulsora, editora e coautora do espazo dixital "Mujeres con ciencia". Formou parte da Comisión de Mujeres y matemáticas da Real Sociedad Matemática Española (2004-2009), forma parte da Comisión para la Igualdade, da Facultade de Ciencia e Tecnoloxía da Universidade do País Vasco, é membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT) e dende 2015 é membro do Consello de Cooperación da Universidade do País Vasco.[432] En 2015 recibiu o Premio igUAldad da Universidade de Alicante e se lle concedeu unha das Medallas da Real Sociedade Matemática Española na súa primeira edición. En 2016 se lle concedeu o Premio Emakunde a la igualdad do Goberno Vasco. En 2019 recibiu o nomeamento de Ilustre de Bilbao "pola súa labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia".[433]
Elena Mendoza Lora (1964) matemática española.[439] Licenciada en Matemáticas pola Universidade Complutense de Madrid, con especialidade en Investigación Operativa, e Mestrado en Marketing e Dirección de Empresas polo Instituto de Directivos de Empresa de Madrid, é directiva en diversas empresas tecnolóxicas como IBM, Lenovo,[440]Microsoft ou Avanade Spain.[441] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Karen Ellen Smith (1965) matemática estadounidense.[444] A súa especialidade é a álxebra conmutativa e a xeometría alxébrica. Seu libro An Invitation to Algebraic Geometry (xunto a L. Kahanpaeae, P. Kekaelaeinen e W.N. Traves) é un texto de referencia nesta materia.[445]
Ana Justel Eusebio (1967) matemática española.[451] Licenciada en Matemáticas e doutora en Economía, é profesora titular de Estatística no Departamento de Matemáticas da Facultade de Ciencias da Universidade Autónoma de Madrid.[452] O seu labor de investigación céntrase na estatística matemática e a estatística aplicada. Membro do proxecto Limnopolar —proxecto de investigación interdisciplinario cuxo obxectivo principal é investigar a sensibilidade dos ecosistemas acuáticos antárticos non mariños ante o cambio climático— co que leva participado, ata 2018, en sete campañas na Antártida.[453] Foi directora da Oficina de Análise e Prospectiva da Universidade ata o ano 2017. Talent Woman, en 2019, concedéuselle o I Premio Margarita Salas —que recoñece o talento e liderado feminino no ámbito da ciencia, a tecnoloxía, a xestión empresarial, as artes e a creatividade— pola súa traxectoria científica.[454] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Anabel Mediavilla Garay (1969) matemática española. Licenciada en Matemáticas, rama de Computación, na Universidade Complutense de Madrid. Nos seus inicios traballou no deseño, codificación e probas do EFA DECU (EuroFighter Digital Engine Control Unit), a revisión e verificación do EFA HUD (EuroFighter Head Up Display) e a garantía de calidade de varios proxectos de EFA (EuroFighter). Posteriormente incorporouse a Telefónica I+D (Telecomunicacións) onde desenvolveu diversos proxectos, como SGT (Sistema de Xestión de Tráfico), GMV (Espazo) e DEIMOS (a empresa española que colabora na creación do Sistema Galileo, o GPS europeo). En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46] Dende 2008 é responsable da sección do GNSS dentro do Segmento de Terra.
Dorleta García Rodríguez (1970) matemática española. Licenciada en Matemática poa UPV/EHU, traballa en AZTI, Centro Tecnolóxico de investigación mariña e alimentaria.[457] A súa investigación está orientada cara á avaliación de stock, modelaxe bioeconómica de sistemas de pesca, avaliación da estratexia de xestión, e análise estatístico de datos. En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
1971-1975
Clara Isabel Grima Ruiz (1971) matemática española.[458] Profesora de matemática aplicada na Universidade de Sevilla. Especialista en Teoría de grafos —con investigación principalmente en xeometría computacional— é membro do grupo de investigación en Matemática Discreta e coautora, xunto a Alberto Márquez, do libro Computational Geometry on Surfaces (Springer, 2001). En 2018, xunto cun equipo multidisciplinar de divulgación científica, describiron unha nova forma xeométrica denominada escutoide,[459] publicada na revista Nature Communications. Dende 2010 é coautora do blog Mati y sus mateaventuras,[460] galardoado co Premio Bitácoras ao mellor blog de Educación 2011, o premio 20Blogs ao mellor blog de fala hispana 2012 e o premio Prisma á mellor web de divulgación científica de 2013. Como divulgadora foi galardoada co Premio COSCE á Difusión da Ciencia 2017.[461] Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2018.[462][463][464]
María Teresa Martínez Bravo (1972?) matemática española.[467] Licenciada e doutora en Matemáticas pola Universidade Autónoma de Madrid, ante a falta de oportunidades profesionais na universidade, decantouse por explorar as matemáticas financeiras que apareceran tanxencialmente na súa investigación —sobre todo durante unha estadía en Edimburgo— dado que son unha aplicación importante do cálculo estocástico, por exemplo. No ano 2005, entrou a traballar no equipo de Analistas Cuantitativos "quants" de Front Office no Banco Santander. No seu traballo, que basicamente consiste en programar en C++ —linguaxe utilizado nas librerías de valoración coas que traballan— pódense involucrar áreas tan diversas das matemáticas como o cálculo estocástico e o cálculo numérico avanzado, Resolución de EDPs, análise de Fourier ou cálculo de Malliavin.[468] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Ingeborg M.M. van Leeuwen (1973) matemática española.[469] O seu día a día son os modelos matemáticos do cancro. Cando se licenciou en Matemáticas (1996, na Universidade de Granada) tiña claro que quería aplicar as matemáticas á bioloxía. No Departamento de Bioloxía Teórica da Vrije Universiteit, en Ámsterdam, o seu traballo consistía en desenvolver novos modelos matemáticos para predicir a incidencia de tumores e a mortalidade en función do tempo e a dose subministrada. Outra parte importante do seu traballo era comprobar a calidade das predicións a partir de datos experimentais, mediante técnicas de estimación de parámetros. Posteriormente, na Universidade de Nottingham, traballou nun proxecto internacional chamado Bioloxía Integrativa que desenvolve ferramentas para facilitar a simulación de sistemas biolóxicos complexos.[470] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Sonia Martínez Díaz (1974) matemática española. Licenciada en Ciencias Matemáticas pola Universidade de Zaragoza, en 1997, e doutorada pola Universidade Carlos III de Madrid, en 2002, é profesora do Departamento de Enxeñaría Mecánica Aeroespacial na Universidade de California, San Diego, USA. A súa área de traballo céntrase na teoría de sistemas, control non linear, e modelaxe xeométrica de sistemas mecánicos e físicos.[471] Polo seu traballo sobre o control de sistemas mecánicos con control limitado recibiu o premio ao mellor artigo da 2002 IEEE Conference on Decision and Control. En 2006 recibiu un CAREER Award para novos investigadores da National Science Foundation na área de Sistemas de Control.[472] En 2008 formou parte de "Mujeres y Matemáticas: 13 Retratos", editado pola Comisión Mujeres y Matemáticas da RSME, como parte do proxecto "La mujer como elemento innovador en la Ciencia", que recollía exemplos de mulleres traballando en diferentes ámbitos profesionais das matemáticas.[46]
Danica McKellar (1975) matemática e actriz estadounidense.[473] De nena, traballou na serie de televisión The Wonder Years.[474] Despois estudou matemáticas na UCLA, sendo coautora —xunto a L. Chayes y B. Winn— do artigo "Percolation and Gibbs states multiplicity for ferromagnetic Ashkin-Teller models on ", co que grazas a L. Chayes, o seu número de Erdős é 4.[475] Divulgadora da ciencia, ten escrito varios libros de matemáticas[476] para animar as adolescentes a estudar carreiras de ciencias.[477]
María Pe Pereira (1981) é unha matemática española. Investigadora e profesora universitaria, foi a primeira muller en recibir o Premio José Luis Rubio de Francia en 2012 que recoñece a súa traxectoria investigadora. A súa tese On Nash Problem for Quotient Surface Singularities, dirixida por Javier Fernández de Bobadilla, converteuse nun traballo referente no campo das singularidades polas súas novidosas achegas que deron lugar, en particular, á resolución do problema de arcos proposto en 1968 por John F. Nash.[483]
Jezabel Curbelo Hernández (1987). O seu campo de investigación son os problemas de convección complexos, onde a complexidade xorde da non-linearidade, a xeometría, as condicións de contorno e as propiedades reolóxicas que permitan encontrar ecuacións constitutivas para modelar o comportamento dos materiais. No ano 2015 recibiu o premio Donald L. Turcotte Award, da American Geophysical Union (AGU), que se outorga anualmente a xoves investigadores en recoñecemento ás contribucións da súa tese de doutoramento no campo da xeofísica non linear. Ese mesmo ano recibiu un premio Vicent Caselles RSME-FBBVA “polo estudo analítico e numérico de modelos matemáticos da xeofísica”.[484]
María Ángeles García-Ferrero (1991) matemática leonesa,[485] foi Premio Rubio de Francia 2019, ano no que tamén gañou un dos Premios Vicent Caselles RSME-FBBVA. O xurado deste premio destacou o seu traballo no campo das ecuacións en derivadas parciais e, en concreto, a súa teoría de aproximación global para a ecuación do calor e a súa aplicación ao estudo de puntos quentes e superficies isotermas, desenvolvida cos investigadores do ICMAT Alberto Enciso e Daniel Peralta no artigo "Approximation theorems for parabolic equations and movement of local hot spots'", publicado na prestixiosa revista Duke Mathematical Journal.[486]
María Cumplido Cabello (1992), matemática cordobesa, é investigadora no campo da teoría xeométrica de grupos.[487] Conseguiu xeneralizar resultados de carácter xeométrico e topolóxico sobre grupos de trenzas ao contexto alxébrico dos grupos de Artin‐Tits de tipo esférico, o que lle permitiu resolver un problema matemático que levaba 20 anos sen solución: unha propiedade moi básica que é equivalente a que a intersección de curvas é unha curva, e que non estaba demostrada. Este campo de investigación é potencialmente aplicable en criptografía e sistemas de seguridade informática. En 2018 María obtivo o segundo premio da Fundación Rennes á mellor tese en Matemáticas e Ciencias e Tecnoloxías da información e comunicación. En 2020 foi galardoada co Premio de Investigación Matemática Vicent Caselles da RSME.[488]
Notas
↑Muñoz Páez, Adela (2016). Sabias. La cara oculta de la ciencia. Debate. ISBN978-84-9992-702-2.
↑de 1903Dresden, Maria ReicheNacimiento15 de mayo; PeruanaEducaciónMatemática, AlemaniaFallecimiento8 de junio de 1998Ciudadanía Alemana-Perú; porCientífico, Geógrafa y FísicaOcupaciónCientíficoConocido; Matemática. "María Reiche - EcuRed". www.ecured.cu(en castelán). Consultado o 2020-11-07.
↑de 1906Samara, Emma LehmerMatemáticaNombreEmma Márkowna Trotskaia LehmerNacimiento6 de noviembre; de 2007Berkeley, Rusia Fallecimiento7 de mayo; Nadejda, California Alma materUniversidad de CaliforniaTítuloLicenciatura en MatemáticasCónyugeDerrick Henry LehmerHijosLaura y DonaldPadresTrotsky y. "Emma Márkowna Trotskaia Lehmer - EcuRed". www.ecured.cu(en castelán). Consultado o 2020-11-14.
↑Barcelona, Universitat de. "Miró-Roig, Rosa M.". Departament de Matemàtiques i Informàtica(en catalán). Arquivado dende o orixinal o 12 de febreiro de 2021. Consultado o 2021-03-17.