{{Seniw}}
Nas primeiras décadas do século XXI a matemática está a vivir un momento de auxe, iniciado nas últimas décadas do século XX, con aplicacións a tódolos campos, tanto das ciencias clásicas e a tecnoloxía, como a ámbitos máis novos como a arte, as ciencias sociais ou da vida. As matemáticas son unha das elaboracións humanas intelectualmente máis perfectas, atractivo que seguirá motivando ás novas xeracións neste século XXI e tamén nos sucesivos, e quen se dedique a elas deberá desenvolver as matemáticas adecuadas aos problemas cada vez máis complexos formulados por outras ciencias. A Matemática continuará a ser no século XXI o idioma da Ciencia e aumentará a súa participación na comprensión do mundo, non sendo previsible a onde pode chegar o coñecemento matemático e as súas aplicacións. Probablemente a razón entre os coñecementos matemáticos dentro de cen anos e os actuais superará a proporción entre a potencia dos actuais ordenadores e os ordenadores de mediados do século XX.[1]
Nun informe do National Research Council das National Academies dos Estados Unidos sobre as matemáticas no século XXI -informe que se recolle no libro The Mathematical Sciences in the 21st Century (2012)[2] que foi realizado por un comité para as matemáticas en 2025- indícase que as ciencias matemáticas estanse a converter nunha compoñente esencial en moitas áreas de investigación como: bioloxía, medicina, ciencias sociais, negocios, deseño avanzado, clima, finanzas, materiais avanzados, e moitas máis. Este traballo involucra a integración das matemáticas, a estatística e a computación nun sentido amplo, así como a interacción destas áreas con outras de potencial aplicación. As ciencias matemáticas teñen a oportunidade de consolidar o seu papel como base da investigación e a tecnoloxía do século XXI á vez que manteñen a forza do seu núcleo, elemento vital para o ecosistema das ciencias matemáticas, esencial para o seu futuro. Isto é cualitativamente diferente da visión predominante o pasado século, dando lugar a un modelo diferente: o dunha disciplina con moito máis alcance e impacto potencial. Neste contexto a distinción entre matemáticas puras e aplicadas parece cada vez máis artificial; en particular, é difícil hoxe en día atopar unha área das matemáticas que non teña aplicacións relevantes. Ademais, as fronteiras entre as ciencias matemáticas e outras materias tamén se están a erosionar. As investigacións en ciencias naturais, ciencias sociais, ciencias da vida e a enxeñaría móvense tanto no seu campo como no das matemáticas. A disciplina estase a expandir e as fronteiras entre subcampos matemáticos estanse a desvanecer, quedando cada vez máis unificada. As matemáticas teñen evolucionado considerablemente durante as últimas décadas, esténdense hoxe moito máis alá dos intereses que emanan das institucións tradicionais neste campo (departamentos académicos, entidades financiadoras, sociedades profesionais e revistas de investigación máis importantes). O valor das matemáticas para a ciencia en xeral crecería se aumentara o número de especialistas en matemáticas con coñecementos nun rango amplo da disciplina, máis alá da súa propia área de traballo, que comunicaran ben con colegas doutras disciplinas, que comprenderan o papel das matemáticas na ciencia en xeral, así como na enxeñaría, medicina, defensa ou negocios, e cunha ampla experiencia en computación.[3]
Pero unha das sombras que aparecen nesta panorámica positiva da situación da ciencia matemática neste século XXI, que ademais comparte co resto de materias STEM (ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas), e a baixa participación das mulleres nestes campos do saber. Dende hai tempo son moitos os organismos internacionais que están a chamar a atención sobre este tema, e que foi un dos motivos para que hai uns anos (en 2015) a ONU declarase o 11 de febreiro (11F) como o Día internacional da Muller e a Nena na ciencia. Existen diversas razóns polas que as rapazas poden non sentirse atraídas cara ás carreiras STEM. En xeral, a contorna social, familiar e educativa non incentiva igual a rapaces e rapazas a elixir carreiras científicas e técnicas. As rapazas mostran maior ansiedade ante as matemáticas e ciencias que os rapaces, incluso cun rendemento bo nestas materias, o que parece ter relación con: o persoal docente avalía mellor ás rapazas en materias non científicas, as familias teñen menos expectativas de que súas fillas teñan profesións relacionadas coa ciencia e a tecnoloxía en comparación con seus fillos, e a sociedade presenta a tecnoloxía como un ámbito marcadamente masculino. A isto engádese a ausencia de roles científicos femininos, a baixa presenza de mulleres nos textos e a invisibilización de moitos dos seus logros. Toda a contorna social parece ter influencia no baixo interese das rapazas polas carreiras técnicas. Ademais, tanto nos libros de texto como nos medios de comunicación, nas poucas ocasións nas que se fala das científicas, é frecuente presentalas como persoas raras, completamente dedicadas a seu traballo e con pouca vida persoal; ou ben facendo fincapé en que o aspecto físico e a intelixencia non poden ir unidos. O que unido a que a realidade vivida pola maioría das científicas no pasado foi bastante complicada, fai que moitas adolescentes vexan na ciencia un camiño demasiado arduo, difícil de conciliar coa vida persoal e os seus intereses.
Os estudos suxiren que a segregación temática dentro das ciencias podería estar influída por un maior interese en ámbitos de utilidade social. A utilidade social das especialidades técnicas tales como a física ou a enxeñaría é pouco coñecida, ao contrario da das áreas biosanitarias, o que explicaría que as rapazas que se decantan polas ciencias o fagan maioritariamente por aquelas ramas que teñen máis que ver cunha causa social ou dos coidados. Un caso especialmente significativo é o da informática. Ata os anos 80 do século XX a presenza da muller nos estudos de computación nos Estados Unidos foi aumentando e hai exemplos notables de programadoras cun labor de grande impacto. A partir de mediados dos anos 80 esta progresión revértese. Ese momento coincide coa popularización dos ordenadores persoais. Estes ordenadores, incluíndo os videoxogos, enfocáronse en maior medida cara a un mercado masculino.[4]
Con todo, neste século continúa a haber relevantes figuras femininas que destacan en case tódolos campos e que ademais estanse a implicar en tarefas de xestión profesional, entrando a formar parte das elites de decisión da ciencia e a investigación. Entre elas pódense destacar ás españolas Peregrina Quintela Estévez (1960) catedrática de Matemática Aplicada da USC, especialista en Matemática industrial, onde dende hai anos desempeña cargos de xestión en diversos organismos nacionais e internacionais deste campo: Preside a Rede Española Matemática Industria (math-in), coordinou a creación do nodo CESGA do Proyecto Consolider Ingenio MATHEMATICA (i-MATH), dirixe o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (Itmati), é membro do European Service Network of Mathematics for Industry and Innovation (EU-MATHS-IN), e forma parte do seu Executive Board. No 2016 foi distinguida co Premio María Wonenburguer, sendo a primeira matemática en recibir esta distinción. Forma parte do xurado dos Premios Princesa de Asturias dende 2019.[5] Marta Macho Stadler (1962) é especialista en Teoría Xeométrica de Foliacións e Xeometría non conmutativa. É responsable das seccións de Literatura e
Matemáticas e de Teatro e Matemáticas no portal DivulgaMAT da RSME, e dende a súa creación en 2014, é impulsora, editora e coautora do espazo dixital "Mujeres con ciencia". Formou parte da Comisión de Mulleres da RSME, é membro da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas (AMIT), e é membro do Consello de Cooperación da Universidade do País Vasco. En 2015 recibiu o Premio igUAldad da Universidade de Alacant e unha das Medallas da Real Sociedade Matemática Española, na súa primeira edición. En 2016 concedéuselle o Premio Emakunde á igualdade do Goberno Vasco. En 2019 recibiu o nomeamento de Ilustre de Bilbao "polo seu labor como divulgadora científica e por visibilizar o papel das mulleres na ciencia".[6] Mercedes Siles Molina (1966) é catedrática de Álxebra da Universidade de Málaga. Leva realizado contribucións singulares en ámbitos moi diversos. No das matemáticas, o seu traballo máis citado é un libro publicado por Springer (Leavitt path algebras), único no seu campo. No cultural, creou as exposicións El Sabor de las Matemáticas e Universos Paralelos Dialogando, polas que foi invitada ao MoMath (Nova York); puxo en marcha en España o PiDay, creou o programa SteMatEsElla, patrocinado por Accenture, para potenciar o talento das mozas en disciplinas STEM. Colaborou co Comité Español de Matemáticas (CEMat) para a incorporación de España ao Centro Internacional de Matemáticas Puras e Aplicadas(CIMPA), é Responsable Científica do CIMPA, membro do seu “Equipo África” e do seu equipo directivo. É Secretaria da Comisión de Desenvolvemento e Cooperación do CEMat, e presidiu o Comité de Cooperación para o desenvolvemento da RSME, da que foi responsable de Proxectos Culturais, así como Vicepresidenta Primeira. Preside o Comité Español de Matemáticas. Dende maio de 2019 é presidenta do CEMat. É membro da Sociedade de Honor Sigma Xi. Dende febreiro de 2020 é directora da Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación (ANECA).[7] Ana Justel Eusebio (1967) é licenciada en Matemáticas e doutora en Economía. Leva participado en máis de sete campañas na Antártida como membro dos proxectos Limnopolar e Microairpolar -proxectos interdisciplinarios cuxo obxectivo principal é investigar a sensibilidade dos ecosistemas acuáticos antárticos non mariños e a capacidade de dispersión dos microorganismos nas zonas polares e a súa influencia ante o cambio climático-. Foi directora da Oficina de Análise e Prospectiva da Universidade ata 2017. Talent Woman concedeulle, en 2019, o I Premio Margarita Salas pola súa traxectoria científica.[8]
Clara Isabel Grima Ruiz (1971) é especialista en Teoría de grafos. En 2018, xunto a un equipo multidisciplinar de divulgación científica, describiron unha nova forma xeométrica denominada escutoide; o obxecto descubriuse "mirando non aos ollos senón ás glándulas salivares da mosca da froita", e tendo en conta os diagramas de Voronoi,[9] segundo explica a propia Grima. Dende 2010 é coautora do blog Mati y sus mateaventuras, galardoado co Premio Bitácoras ao mellor blog de Educación 2011, o Premio 20Blogs ao mellor blog de fala hispana 2012 e o Premio Prisma á mellor web de divulgación científica de 2013. En Televisión colaborou na primeira e segunda tempadas de Órbita Laika de La 2. En 2016 estreou a obra de teatro Científicas: pasado, presente y futuro, onde interpreta a Rosalind Franklin. Como divulgadora foi galardoada co Premio COSCE á Difusión da Ciencia 2017. Dende 2018 forma parte do Xurado dos Premios Princesa de Asturias.[10] A estadounidense Trachette Jackson (1972) é coñecida polos seus traballos en oncoloxía matemática, campo no que utiliza diferentes aproximacións, incluídos modelos matemáticos discretos e continuos, simulacións numéricas e experimentos, para estudar os crecementos tumorais en diversas fases, a súa evolución e os seus tratamentos.[11] A matemática española Ingeborg M. M. van Leeuwen (1973) cando se licenciou, en 1996 na Universidade de Granada, tiña claro que quería aplicar as matemáticas á bioloxía. No Departamento de Bioloxía Teórica da Vrije Universiteit en Ámsterdam traballou en desenvolver novos modelos matemáticos para predicir a incidencia de tumores e a mortaldade en función do tempo e a dose subministrada. Posteriormente, na Universidade de Nottingham, traballou nun proxecto internacional denominado Bioloxía Integradora que pretendía desenvolver ferramentas para permitir e facilitar a simulación de sistemas biolóxicos complexos.[12] Sonia Martínez Díaz (1974) é profesora do Departamento de Enxeñaría Mecánica Aeroespacial na Universidade de California-San Diego, USA. A súa área de traballo céntrase na teoría de sistemas, control non lineal, e modelaxe xeométrica de sistemas mecánicos e físicos. Polo seu traballo sobre o control de sistemas mecánicos con control limitado, recibiu o premio ao mellor artigo da 2002 IEEE Conference on Decision and Control. No 2006 recibiu un CAREER Award para xoves investigadores da National Science Foundation na área de Sistemas de Control.[13]
A estadounidense Danica McKellar (1975) é actriz dende nena, cando logrou fama polo seu papel na serie “Aqueles marabillosos anos”, pero ademais graduouse en matemáticas na Universidade de California. Dende ese momento compaxina a súa profesión de actriz con actividades de divulgación encamiñadas sobre todo a atraer a rapazas aos estudos de matemáticas. Dende hai unha década publica libros de matemáticas para adolescente, con formato de revista, que están a ter moito éxito nos EEUU.[14] A irano-estadounidense Maryam Mirzakhani (1977-2017) desenvolveu a súa vida profesional nos EEUU e abandonou o seu anonimato investigador en agosto de 2014 cando lle foi concedida unha das Medallas Fields -polos seus avances sobresaíntes nas superficies de Riemann e espazos de moduli- ao ser a primeira muller que conseguiu tal galardón en todos os seus anos de historia. O premio recoñeceu as contribucións sofisticadas e altamente orixinais de Mirzakhani aos campos dos sistemas dinámicos e xeometría, sobre todo na comprensión da simetría das superficies curvas, como as esferas e obxectos hiperbólicos.[15] Comezando a súa carreira profesional na segunda década do século XXI, pero xa cunha importante proxección internacional, pódese destacar por exemplo a Jezabel Curbelo Hernández (1987). O seu campo de investigación son os problemas de convección complexos, onde a complexidade xorde da non-linearidade, a xeometría, as condicións de contorno e as propiedades reolóxicas que permiten encontrar ecuacións para modelar o comportamento dos materiais. No ano 2015 recibiu o premio Donald L. Turcotte Award, da American Geophysical Union (AGU), que se outorga anualmente a xoves investigadores en recoñecemento ás contribucións da súa tese de doutoramento no campo da xeofísica non lineal. Ese mesmo ano recibiu un Premio Vicent Caselles RSME-FBBVA “polo estudo analítico e numérico de modelos matemáticos da xeofísica”.[16] En 2021 recibiu o premio L’OréalUNESCO “For Women in Science” en recoñecemento ás contribucións no campo da xeofísica non lineal.[17] A cordobesa María Cumplido Cabello (1992), é investigadora no campo da teoría xeométrica de grupos, e conseguiu xeneralizar resultados de carácter xeométrico e topolóxico sobre grupos de trenzas ao contexto alxébrico dos grupos de Artin‐Tits de tipo esférico. Isto permitiulle resolver un problema matemático que levaba 20 anos sen solución: unha propiedade moi básica que é equivalente a que a intersección de curvas é unha curva, e que non estaba demostrada. Este campo de investigación é potencialmente aplicable en criptografía e sistemas de seguridade informática. En 2018 obtivo o segundo premio da Fundación Rennes á mellor tese en Matemáticas e Ciencias e Tecnoloxías da información e comunicación, e en 2020 foi galardoada co Premio de Investigación Matemática Vicent Caselles da RSME.[18]