O seu nome orixinal era Jean-Louis Lebris de Kérouac, descendente de canadenses francófonos. Non aprendeu a falar inglés ata os seis anos.
Jack Kerouac axiña destacou como deportista practicando fútbol americano, gañando unha bolsa de estudos para a Universidade de Columbia (Nova York). Porén, unha lesión na perna e unha discusión co adestrador frustraron a súa carreira, polo que decidiu enrolarse na mariña mercante.
Morreu con 47 anos debido a un derramo interno, produto dunha cirrose. Na súa tumba pódese ler o seguinte epitafio "Ti-Jean, honrou a vida". Foille outorgado un doutoramento póstumo por parte da Universidade de Massachusetts.
Estilo
Pasou varios anos buscando un estilo propio, ao que finalmente chamou prosa espontánea ou "kickwriting". Cando lle preguntaban acerca das súas opinións acerca da escritura, non se esforzaba en facer diferenzas entre a prosa e a poesía. Sostiña que as súas ideas se aplicaban tanto a un como ao outro xénero. A espontaneidade como método traspasaba os límites das formas da escritura. Gustáballe dicir que cando estaba traballando nunha novela cada parágrafo era un poema dentro dun estendido texto que flotaba no mar da lingua inglesa.
A fama acabou co tímido entolecido de Kerouac, que tiña o costume de presentarse bébedo ás entrevistas para intentar superar o difícil transo de explicar a mística das novelas que escribira moitos anos atrás e que ninguén se atrevera a publicar.