O Gran Premio de España de 1981 foi unha carreira de Fórmula 1 celebrada no Circuíto do Jarama en Madrid, España o 21 de xuño de 1981. A carreira foi a sétima rolda da tempada 1981 de Fórmula Un.
O Gran Premio de España de 1981 contou coa segunda final máis pechada dunha carreira de Fórmula Un, logo do Gran Premio de Italia de 1971, tras o Ferrari de Gilles Villeneuve os catro seguintes coches terminaron en tan só 1,24 segundos. Esta foi a última vitoria de Villeneuve, a miúdo considerada como a súa obra mestra táctica.[1]
Houbo algúns cambios para esta carreira, Eliseo Salazar deixara March para unirse a Ensign, en substitución de Marc Surer. Ademais, John Player Special regresou para patrocinar ao Team Lotus logo dun parénteses de 2 anos.
A pole foi para Jacques Laffite no seu Ligier - Matra, os dous Williams - Cosworth de Alan Jones e Carlos Reutemann foron segundo e terceiro por diante de John Watson do equipo McLaren, de Alain Prost de Renault e do Alfa Romeo de Bruno Giacomelli. Gilles Villeneuve foi sétimo.
O día da carreira foi infrecuentemente cálido. Ao principio da carreira de Jones e Reutemann tomaron vantaxe logo de que Laffite fixera unha mala saída. Villeneuve tomou o terceiro lugar na primeira curva, danando o alerón dianteiro de Prost cando tomou a posición. Ao final da primeira volta Villeneuve saíuse do rebufo de Reutemann e obtivo o segundo lugar. Jones comezou a tomar distancia, pero na volta 14 saíuse da pista, cando tiña 10 segundos de vantaxe sobre o canadense.
Isto deixou a Villeneuve con Reutemann na súa cola. Detrás deles estaban Watson, Laffite e Elio de Angelis que comezaron a pechar o duelo polo liderado. Reutemann tiña algúns problemas coa súa caixa de cambios e cando Laffite púxose detrás o arxentino pouco puido facer para impedir o adiantamento. Máis tarde Reutemann caeu detrás de Watson. Os cinco principais candidatos convertéronse nun tren de coches, xuntos nas voltas do final da carreira.
Villeneuve utilizou a potencia do seu motor Ferrari nas rectas para gañar un pouco de marxe e non ser superado polos seus rivais, pero nas curvas estaban sobre el. Laffite alcanzou ao canadense varias veces, cando saía das curvas, pero o Ferrari aguantou diante grazas a potencia do seu motor. Os cinco permaneceron xuntos ata a bandeira, cruzando a meta separados por tan só 1,24 segundos para lograr a segunda carreira máis pechada na historia da Fórmula Un.
Este sería o último Gran Premio de España no Jarama, debido ao feito de ter unha pista demasiado estreita para a Fórmula Un moderna, o difícil trazado e a escasa capacidade de público[2] (a pequena lonxitude do circuíto foi probablemente a causa de que a carreira do ano anterior non contara como unha carreira para o Campionato do Mundo, o anuncio fixérase no mesmo fin de semana), foi o último Gran Premio de España ata a tempada de 1986, cando se celebrou no recentemente construído Circuíto de Jerez no sur do país.
A menos que se indique o contrario, todos os resultados da carreira tómanse de "The Official Formula 1 website". Arquivado dende o orixinal o 24 de agosto de 2014. Consultado o 2007-06-16.