Antonio López foi o fillo máis vello dun matrimonio de labregos acomodados que tiñan unha casa na rúa Domecq. A súa vocación temperá polo debuxo, así como a influencia do seu tío, o pintor Antonio López Torres, conformaron a súa decisión de dedicarse á pintura.
En 1949 trasladouse a Madrid para preparar o seu ingreso na Academia de Belas Artes de San Fernando, onde coincidiu con diversos artistas, como Enrique Gran, Amalia Avia e Lucio Muñoz, cos que conformou o que se chamou "escola madrileña". Permaneceu na Academia entre 1950 e 1955. En 1955, cunha bolsa do Ministerio de Educación, viaxou a Italia, onde coñeceu de primeira man a pintura italiana do Renacemento. Sufriu entón unha pequena decepción ao contemplar en vivo as obras mestras que só coñecía por reproducións e que ata ese momento veneraba. A partir dese momento, comezou a revalorizar a pintura clásica española, que tan ben coñeceu, grazas ás frecuentes visitas ao Museo do Prado, especialmente polas obras de Diego Velázquez.
Tras rematar os seus estudos, realizou as súas primeiras exposicións individuais en 1957 e 1961 en Madrid, mentres traballaba tanto nesa cidade como na súa localidade natal. En 1961 casou coa tamén pintora María Moreno, matrimonio do que naceron dúas fillas, María en 1962 e Carmen en 1965, que herdou o seu amor pola pintura. Desde ese último ano e ata 1969 foi profesor encargado da Cátedra de Preparatorio de Colorido na Escola de Belas Artes de San Fernando.
En 2008, o Museo de Belas Artes de Boston dedicoulle unha exposición monográfica.[1] Ademais, a súa obra Madrid desde Torres Blancas alcanzou nunha poxa de Christie's de Londres a cantidade de 1 918 000 libras esterlinas, a maior cantidade pagada ata ese momento por unha obra dun artista español vivo.[2]
En 2014 creou unha grande expectación a entrega e presentación do seu cadro A familia de Xoán Carlos I, en que estivo a traballar durante vinte anos.[3]
Método de traballo
Unha obra nunca se acaba, senón que se chega ao límite das propias posibilidades.
Con estas palabras López resumiu o seu particular modo de achegamento ao obxecto que vai pintar. Os seus cadros desenvólvense ao longo de varios anos, décadas en ocasións, cunha realización lenta e meditada, ata que o artista consegue plasmar a esencia do mesmo no lenzo.
O pintor busca entre a realidade que o rodea aqueles aspectos cotiáns que recolle cun tratamento cheo de detalle, rozando o fotográfico. As súas preferencias van desde as vistas de Madrid ata os retratos dos seus familiares, pasando polos obxectos máis cotiáns e próximos. Emprega o escáner e a impresión en 3D para as esculturas de gran volume.[5]
Durante a maior parte da súa carreira artística, López desenvolveu unha obra independente en medio dun panorama artístico estruturado sobre o informalismo e a abstracción. Tampouco resulta doado vincular a súa obra coas tendencias realistas europeas máis recentes, ou co hiperrealismo estadounidense, corrente á que non se considera achegado.[6]