A UCI ProTour é un sistema de competición dirixido pola Unión Ciclista Internacional (UCI) e creado polo expresidente da devandita asociación, Hein Verbruggen. Está composto por unha serie de carreiras de bicicleta en estrada e un número de equipos ciclistas, cada un dos cales debe competir en tódalas carreiras do sistema. O 2005 foi o primeiro ano no que tivo validez.
Creación
A Uci ProTour xurdiu nunha clara imitación do modelo da Fórmula 1. Antes da súa existencia, cada carreira invitaba libremente ós equipos que desexaba e cada equipo acudía ás carreiras que escollías. Isto tiña tanto inconvenientes como vantaxes:
As tres grandes Voltas (Tour de Francia, Giro de Italia e Vuelta a España) tiñan a posibilidade de invitar a equipos pequenos do seu país para promocionalos e darlles máis importancia no ciclismo internacional.
As carreiras de mediana importancia víanse prexudicadas, porque moitos grandes equipos non acudían a elas.
Os equipos pequenos podían verse invitados a acontecementos ciclistas importantes.
Os equipos grandes podían acudir ás carreiras que desexaban e reservar a moitos dos seus corredores para as máis importantes. Pero adoitaban ter problemas de financiamento, e os patrocinadores non permanecían moito tempo xa que non obtiñan o rendemento económico que desexaban.
Para intentar solucionar estes problemas, Hein Verbruggen creou, fronte á oposición das grandes carreiras e dos equipos pequenos, o coñecido como UCI ProTour.
Vantaxes e desvantaxes
O UCI ProTour foi longamente criticado debido a que deixaba ós equipos pequenos (que non estaban integrados no sistema) á marxe dos acontecementos deportivos importantes. Desa forma, estes equipos só poden acudir a carreiras pequenas que lles proporcionan poucos rendementos económicos e esperar unha das escasas invitacións das Voltas máis grandes para poder adquirir algo de importancia.
Ademais, as Voltas máis grandes vían que, co UCI ProTour, a súa capacidade de decisión reducíase. Os únicos criterios de competición que pasaban a ser válidos eran os da UCI e, a raíz diso, carreiras coma o Tour de Francia incumpriron en numerosas ocasións as normativas da UCI ProTour.
A controversia relativa a este tema continúa: a UCI vese imposibilitada a tomar sancións contra carreiras coma o Tour (os organizadores da cal teñen case maior capacidade de decisión que a UCI mesma) e os equipos pequenos amosan continuas queixas.