A E3 Harelbeke, anteriormente denominada Harelbeke–Antwerp–Harelbeke e E3-Prijs Harelbeke, é unha clásicaciclista de primveira que se disputa anualmente en Flandres, Bélxica. A carreira comeza e remata na cidade de Harelbeke tras 203 quilómetros a través de Flandres Oriental.
Comezouse a disputar no ano 1958, polo que é unha das clásicas fundadas máis recentemente. Forma parte do UCI WorldTour dende o 2012 e é a primeira das Clásicas do pavé da tempada. Celébrase cada derradeiro venres de marzo e marca o comezo da Semana Ciclista Flamenga.
Percorrido
A carreira comeza no Harelbeke's Grote Markt e segue en dirreción leste por Oudenaarde e Zottegem durante 110 km chans con tramos de pavé. O pelotón chega ao punto máis oriental do percorrido en Ninove no quilómetro 85 de carreira. A partir de alí, os ciclistas tornan de dirección e van cara ao oeste a través de Geraardsbergen e Brakel. Aquí é onde comeza a sucesión de curtas pero empinadas subidas, das que entre Ronse e Oudenaarde gran parte delas son de pavé.
Normalmente ten algo máis de 200 km e sempre comeza e remata en Harelbeke. Ademais, a ruta da carreira sempre contén entre 12 e 17 subidas duras, curtas e de pavé que aparecen nos últimos 90 quilómetros. O tradicionalmente primeiro ascenso da proba é o Leberg, situado preto de Oudenaarde e costa onde nove días despois acaba a principal clásica do pavé belga, o Tour de Flandres. Logo desta ascensión empeza unha gran serie de "muros" case encadeados. Ademais do Leberg, outras das subidas máis famosas e complicadas son o Oude Kwaremont, o Paterberg e o Tiegemberg, que se caracteriza por ser tradicionalmente o último muro a 16 km de meta.
Subidas
Os 12 muros na orde na que aparecen en carreira son: La Houppe, Berg ten Stene, Boigneberg, Eikenberg, Stationsberg, Taaienberg, Kruisberg, Kapelleberg, Paterberg, Oude Kwaremont, Knokteberg e Tiegemberg. Dentro deles os dous que están considerados como máis duros son: o Paterberg, subida lastrada de 300 m cunha pendente media do 12,5% e o Oude Kwaremont, unha subida de 2200 m ao 4,2% de media, dos cales 1500 m son de pavé.