O Sena (en francésSeine, pronunciado [sɛn]) é un río francés que pasa por Troyes, París e Ruán. O Sena ten unha lonxitude de 780 km. O seu nacemento sitúase a 447 metros de altitude, en Source Seine[1] sobre a meseta de Langres, en Côte-d'Or. O seu curso ten unha orientación xeral de sueste a noroeste. Desemboca no canal da Mancha, preto de Le Havre. A superficie da bacía é de aproximadamente 75.000 km².
A débil inclinación do val do Sena, en Illa de Francia e en Normandía, causou a formación de gran cantidade de meandros profundos; pola mesma razón, os efectos da marea fanse sentir sobre un cento de quilómetros ata Poses e manifestábanse ata un pasado recente no fenómeno do "macareu".
O Sena é unha vía navegábel moi importante, de París ao Canal da Mancha. Atópanse nel dous dos máis importantes portos fluviais de Francia: París (porto de Gennevilliers) e Ruán, que é igualmente un importante porto marítimo, o que permite o transbordamento (Primeiro Porto cerealeiro de Europa). É navegábel de París ata Nogent-sur-Seine. Outros portos fluviais notábeis son Limay-Porcheville e Montereau.
Numerosas industrias están situadas ao longo do val do Sena: automoción (Poissi, Flins, Cléon, Sandouville), petroquímica (Port-Jerôme, Gonfreville-l'Orcher, Notre-Dame-de-Gravenchon, Petit-Couronne), centrais térmicas (Porcheville, Saint-Ouen), central nuclear (Nogent-sur-Seine).
O lago artificial de Forêt d'Orient, en Troyes, foi creado nos anos 1960 para regular o caudal do río.
Curiosidade: as fontes do Sena é propiedade da cidade de París dende 1864. Unha cova artificial foi construída un ano despois, para controlar a fonte principal, e tamén unha estatua dunha ninfa, que simboliza o río. Porén, a capital desinteresouse despois, e a parcela debeu volver á rexión de Borgoña, desexosa de revalorizar o sitio.
Principais afluentes
Os principais afluentes do Sena son, desde a súa fonte: