Richard Laurence Millington Synge, nado en Liverpool (Merseyside) o 28 de outubro de 1914 e finado en Norwich (Norfolk) o 18 de agosto de 1994, foi un bioquímico británico galardoado co Premio Nobel de Química do ano 1952.
Estudou física, química e fisioloxía na Universidade de Cambridge, onde se licenciou en 1936. Desenvolveu as súas investigacións científicas en empresas privadas, entre 1941 e 1943 na Wool Industries Research Association de Leeds, entre 1943 e 1948 no Instituto de Medicina Preventiva de Londres, entre 1948 e 1967 no Instituto de Investigación Rowett de Aberdeen, e entre 1968 e 1976 no Food Research Institute de Norwich.
Durante a súa mocidade estudou e traballou na Universidade de Cambridge e xunto a Archer John Porter Martin, introduciu o método de análise cromatográfico chamado de repartición sobre papel, o cal posibilita a separación dos aminoácidos das proteínas da materia viva.
Entre 1942 e 1948 estudou os péptidos do grupo proteínico da gramicidina, traballo utilizado posteriormente por Frederick Sanger na determinación da estrutura da insulina.
En 1952 recibiu o Premio Nobel de Química, compartido con Archer J. P. Martin, para a invención da cromatografía de partición.