Pedro Rodríguez de la Vega nado en Cidade de México o 18 de xaneiro de 1940 e finado en Núremberg (Alemaña) o 11 de xullo de 1971, foi un piloto de automobilismo mexicano. Xunto co seu irmán máis novo Ricardo, dous anos menor, correu con bicicletas e motocicletas na súa adolescencia e chegou a ser campión mexicano de motos aos 13 anos en 1953 repetindo en 1954 e de aí saltou ao automobilismo de velocidade.
Traxectoria
O seu pai Pedro, impulsou coa súa fortuna persoal á internacionalización dos seus fillos comprando ou alugando automóbiles como OSCA, Porsche ou Ferrari en competicións do mundial de Sport Prototipos. En 1957 debutou internacionalmente nun Ferrari 500TR en Nassau, Bahamas.
En 1958 intentou inscribirse xunto con Ricardo nas 24 Horas de Le Mans en Francia nun Ferrari 500 TR-58. O regulamento impediu correr a Ricardo, pero Pedro correu con José Behra, irmán do famoso Jean Behra. Ambos irmáns regresaron en 1959 e correron cun pequeno OSCA 750; aínda que non puideron terminar, a partir de aí, Pedro correría cada ano ata 1971, 14 anos consecutivos. En 1968 finalmente Pedro gañou a competición a bordo dun Ford GT40 Mk. I, do equipo JW-Gulf, acompañado polo belgaLucien Bianchi.
Frecuentemente correu para o expiloto e importador de Ferrari nos Estados Unidos, o North American Racing Team (NART), de Luigi Chinetti, con quen mantería unha relación ata a súa morte.
Seguiu competindo esporadicamente en Fórmula 1 (F1) ata 1966 con Ferrari e Lotus. En 1967, na súa novena carreira, gañou a carreira de apertura da tempada sobre un Cooper-Maserati no Gran Premio de Suráfrica, no circuíto de Kyalami.[2] Para dita tempada de 1967, Rodríguez foi contratado por Roy Salvadori como o número 2 do futuro campión do mundo de 1970, Jochen Rindt, pero nese ano Pedro sempre estivo por diante do austriaco, que pilotaba os autos máis modernos do equipo o T81B e o T86 mentres que o mexicano era relegado ao vello pero confiable T81.
Seguiu correndo en F1 nun BRM en 1968, co equipo privado de Reg Parnell-BRM co BRM P133. No GP de Francia consegue a súa única volta rápida en F1.[3]
Únese a Ferrari en 1969, e regresou a BRM na tempada 1970 co chasis P-153. No GP de Bélxica de 1970 Pedro gañou a súa segunda carreira de F1 con apenas 1,1 segundos de vantaxe sobre Chris Amon de March a unha media de velocidade de 252,951 km/h,[4] a máis alta rexistrado na historia da F1, o podio pechouno Jean Pierre Beltoise nun Matra.[5] Para o GP dos Estados Unidos, Rodríguez xa saboreaba os meles do triunfo pero un erro nos boxes cun mal cálculo do consumo de combustible relegouno ao segundo posto, o lugar máis alto do podio correspondeu a Emerson Fittipaldi e a fabulosa bolsa para a época de 50.000 dólares.[6]
Na tempada de 1971 seguiu correndo para BRM co novo P-160, pero só as primeiras catro carreiras, sendo a mellor a do GP de Holanda, onde quedou en segundo lugar só detrás de Jacky Ickx. Estes dous pilotos, mestres de pistas molladas, dobraron a todos os seus rivais baixo unha forte choiva.[7]
Cando o seu nome xa soaba entre os máis grandes de todos os tempos, Pedro Rodríguez morreu o 11 de xullo de 1971 nas 200 millas de Norisring, unha carreira pouco importante de Interserie en Núremberg, Alemaña debido a un accidente provocado por Kurt Hild, quen circulaba lentamente e cambiou de dirección intempestivamente, o mexicano conducía un Ferrari 512M do equipo suízoHerbert Müller Racing, seu amigo e compañeiro na Targa Florio dese ano, na que quedaron en segundo lugar. Os seus restos descansan xunto cos de Ricardo no Panteón Español da Cidade de México.[9]
Legado
Pedro Rodríguez era o mellor piloto da súa xeración en choiva e de noite, tras moitos anos de correr con Ferrari en autos Sport, en 1970 asinou co equipo JW-Gulf-Porsche, co cal logrou o campionato mundial dous anos consecutivos ao mando do fabuloso, pero de difícil manexo, Porsche 917[10] considerado un dos mellores automóbiles de prototipos do século XX.[11][12] Converteuse nun dos pilotos máis completos ao correr en F1, CanAm, NASCAR e rallies e ata foi campión norteamericano de carreiras sobre xeo en 1970 cando o Alaska Sports Car Club invitouno á carreira de febreiro en Sand Lake Anchorage.
Vida persoal
Pedro foi o primoxénito do matrimonio de Pedro Natalio Rodríguez Quijada e Conchita de la Vega Gorráez, tivo catro irmáns Federico, Ricardo, Conchita e Alejandro. Á idade de 15 anos o seu pai enviouno durante dous anos escolares (1955-57), á Western Military Academy en Alton, Illinois para aprender inglés e para ser máis disciplinado.[13]
Amaba correr, pero tamén gozaba da boa roupa, a música, as festas e a boa comida, sempre viaxaba cunha botella de salsa Tabasco por se non atopaba chiles para sazonar a súa comida.[14] Estaba casado con Angelina Dammy en México desde 1961, pero nos últimos anos tiña unha noiva, Glenda Foreman, coa cal vivía en Bray, Berkshire pero non tivo descendencia. Era amigo do ex BeatleRingo Starr.
Non lle gustaba conducir no tráfico urbano, dicía que era demasiado perigoso polo que utilizaba un chofer. Pedro sempre viaxaba cunha bandeira mexicana e un disco co himno nacional porque cando gañou o GP de Suráfrica de 1967, os organizadores non tiñan o himno de México.[15] Do mesmo xeito que Ricardo era amigo próximo de Jo Ramírez.
Recoñecementos
A primeira curva do circuíto de Daytona leva o seu nome na súa honra. O circuíto Magdalena Mixiuhca da Cidade de México, sede da F1, Champ Car, NASCAR México e outras series, foi renomeado en 1973 como Autódromo Hermanos Rodríguez, en honor a el e o seu irmán Ricardo. En xullo de 2006, 35 anos logo da súa morte, foi colocada unha placa de bronce no lugar do seu accidente en Núremberg, un esforzo conxunto da Scudería Rodríguez A.C., (a fundación de amigos e familia), e as autoridades da cidade alemá.[16] A Scuderia conserva viva a súa memoria e a do seu irmán, mantén os seus arquivos e o Rexistro Rodríguez de obxectos de recordos e automóbiles dos irmáns, certificándoos. O seu secretario xeral, Carlos Jalife, publicou a biografía Os Irmáns Rodríguez en 2006, traducido ao inglés en 2009 e gañador do Libro do Ano do Motor Press Guild.[17]