Tradicionalmente, os piollos combatíanse buscándoos directamente entre os pelos e esmagándoos entre as uñas: catar ou cachea-los piollos. De aí vén o nome popular de matapiollos para o dedo polgar, coas variantes cachapiollos, escachapiollos, escochapiollos, escutapiollos, matapollos ou trincapiollos.
A tricia (ictericia) curábase con piollos fritidos con ovos. No Concello de Cotobade dábanlle ó enfermo durante nove días e en xexún, un vaso de viño con nove piollos. En Verín dábanlle os nove piollos en leite ou chocolate.
A anemia curábase comendo, tamén en xexún, varios piollos que antes picaran a alguén.
Para cura-las belidas (cataratas) introducen no pelo do enfermo un piollo, coa intención de que lle zugase os malos humores.
Para mata-los piollos hai que botar na cabeza coca moída (po dos cocos ou bugallos do carballo) ou sementes de herba dos lazarosos (que non puidemos identificar).